martes, 28 de diciembre de 2010

Susana

susana

Eu teño un encanto de filliña que hoxe cumpre 15 meses, a Eva.
A verdade é que sempre tiven claro que a aleitaría, pero como no embarazo oín tantas historias sobre o difícil que era a lactancia, decidín prepararme lendo libros e webs sobre este tema. No puerperio mesmo merquei o "Lawrence" como obra de consulta (aínda que está dirixido a médicos e eu son de Letras)...
Porén, o inicio da lactancia puxéronnolo complicado. Tras un parto no que me sentín vítima no canto de protagonista, separóuseme oito días da miña filla. O motivo: poñela en observación por febre no alumbramento. A consecuencia: aleitala cada tres horas, entre tomas dábanlle chupete e mais mamadeiras de leite artificial ou de soro glucosado, comentarios tipo "Pola noite non baixes, que total, para o leite que tés"...   
Desde a alta, as dúas gozamos moitísimo da lactancia, que durará até que ela o precise.
Descubrín Bico cando a Eva tiña 6 meses. Consciente da importancia do seu labor, fíxenme socia e espero así poder axudar a outras nais no futuro. Oxalá ningunha se perdese esta marabillosa experiencia!    

lunes, 20 de diciembre de 2010

Novas dende a Mariña

Bico Foz 3

Coincidindo co quinto aniversario de Bico de Leite ampliamos a nosa rede de apoio na Mariña inaugurando local tamén en Foz, onde nos reunimos o 3º venres de cada mes na Casa da Xuventude de 18 a 20 horas. Agardámosvos!

sábado, 18 de diciembre de 2010

Carta aos Reis

nadal

Dunha banda, aí vos vai unha nova lista de lecturas recomendadas (a maiores da que tendes na sección "Difúndeo"):

- para nais e pais

El bebé es un mamífero (Michel Odent)
El arte femenino de amamantar (La Liga de la Leche)
Dormir con tu bebé (James McKenna)
El amor maternal (Sue Gerhardt)
El poder de las caricias (Adolfo Gómez Papí)
La mente del bebé recién nacido (David Chamberlain)
Lo que hacen las madres (Naomi Stadlen)
La familia nace con el primer hijo (Laura Gutman)
La crianza feliz (Rosa Jové)
Entre padres e hijos (Haim Ginott)
Madres e hijas (Christiane Northrup)

- para nenas e nenos

El cuento de las cuatro esquinitas
Ella
Tetas
Eu tamén son fonte e Mamá ti si que me entendes
(Por certo, se vos interesa o primeiro destes dous, poñémovolo doado: vide a unha reunión de Bico e levade un de balde!)
Mamá nido, mamá cuna, mamá teta, mamá luna e Dando la teta de la A a la Z
Tú, yo y la teta

Doutra banda, tendo en conta tanto a crise coma o crudo inverno lugués, aquí tendes un libriño sobre cómo facer xoguetes con materiais que haxa pola casa;)

En fin, desexámosvos a tod@s un MOI BO NADAL!!!

miércoles, 15 de diciembre de 2010

A nosa volta ao cole;)

Coa finalidade de vos ofrecer asesoramento de calidade, coidamos a nosa formación. Cando os nosos horarios nolo permiten, gústanos ler e reflexionar sobre lactancia, así como facer cursos como este de Fedalma, cuxa segunda edición comeza hoxe e ten como alumnas a dúas socias de Bico (outras dúas xa están a piques de "licenciarse" nel!)...

Ten boa pinta, non si?

sábado, 11 de diciembre de 2010

Obradoiro de portabebés



Como o derradeiro venres de decembro é Noitevella, este mes non teremos a xuntanza temática, así que o vindeiro día 17 tentaremos compensárvolo;)

Ademais de termos pola mañá a nosa xuntanza habitual (de 11 a 13 horas), preparamos para a tarde (de 16.30 a 18.30 horas) un obradoiro de portabebés. 

Pero ollo! Lembrade que xa non nos reunimos no local da r/Doutor García Portela, mais si moi perto del, no Centro Lug II, ubicado na intersección entre a r/Armando Durán e mais a r/Pintor Corredoira. 

Vén impartir este obradoiro a Bea, unha experta no tema, así que non volo perdades!

Velaquí o programa: 
-Falaremos dos beneficios de levar así a nosos fillos e a nosas fillas
-Probaremos os distintos tipos de portabebés 
-Resolveremos as vosas dúbidas...

Agardámosvos!!

jueves, 9 de diciembre de 2010

Aviso urxente: novo local!

Lug II

Informámosvos que mañá comezamos as xuntanzas nunha nova ubicación: o Centro Lug II, ubicado na intersección da r/ Armando Durán e da r/ Pintor Corredoira. Sentimos non contárvolo con máis antelación:( mais xa estaremos pendentes para redirixir a quen se presente no que foi o noso lugar de reunión até o de agora...
Por certo, empezamos con moita ilusión esta nova etapa!

sábado, 4 de diciembre de 2010

Colabora

Para colaborar coas nais que necesitan apoio, a túa experiencia é fundamental: sentir que hai xente que pasou polos mesmos problemas e os solucionou, ou simplemente compartir sensacións e pensamentos sobre a maternidade e maila lactancia... Ven polas reunións con teus nenos e túas nenas e xa estarás axudando!
Tamén podes botarnos unha man así:

-Se compartes a nosa visión, ASÓCIATE ou fai unha doazón. Os cartos empréganse para mercar libros e outro material de préstamo ás nais, así como para organizar actos de promoción da lactación materna, o que inclúe a formación continuada das nosas asesoras de lactancia.

-Le sobre lactancia e difúndeo no teu entorno. Na columna dereita do blog tés unha lista de lecturas recomendadas, que iremos ampliando...

-Axúdanos na organización de actos informativos sobre os beneficios da lactancia natural ou mesmo propón a súa realización en lugares que coñezas: garderías, escolas, centros de mulleres, outras asociacións... Ten en conta que as voluntarias de Bico somos nais e moitas traballamos tamén fóra da casa, así que non sempre os poderemos levar a cabo, mais se cadra grazas a ti chegamos a sitios aos que doutro xeito non chegariamos...

-Deixa trípticos da asociación onde creas que a súa presenza poida ser útil.

-Enlaza o noso blog na túa web/blog/Facebook.

-Envíanos material q poidamos difundir: fotos e vivencias de lactancia, enlaces interesantes...

-Escribe comentarios no noso blog e mándanos as túas dúbidas a bicodeleite@yahoo.es
Ademais gostariamos de saber se realmente conseguimos mellorar a túa lactancia cos nosos consellos... para irmos mellorando...

-De quedar satisfeita co noso asesoramento (directo ou vía mail), coméntallelo a outras nais e anímaas a vir ás xuntanzas -cantas máis, mellor!

 SMLM 2006

Lactancia e...

Baixo este título iremos publicando algunha pequena entrada sobre temas do máis variado -por certo, admítense suxerencias;)
Para comezar, pensamos na DIABETE.
Dende a óptica da prevención, hai xa cinco anos que no Boletín da Asociación americana de médicos se publicou un estudo que concluía que a lactancia materna protexe da diabete tanto aos bebés coma ás nais.
Dende a perspectiva de quen padece esta doenza, hai que ter en conta de que en España falamos de 3 millóns e medio de persoas, cifra que ademáis aumenta cada ano nun 5%. Pois ben, as nais con diabete que optan pola lactancia natural, dunha banda, reducen o risco de que a súa descendencia desenvolva esta enfermidade, e, doutra, teñen menos requisitos insulínicos e un mellor control da glucosa no sangue.
Aquí tedes o relato dunha nai e algún enlace sobre este tema...
Esperamos que a algunha vos sexa de utilidade!

domingo, 28 de noviembre de 2010

Bebé glotón II

Non sei se lembrades que hai case un ano que falamos do bebé glotón... Pois ben, de cara ao Nadal, a empresa que comercializa este produto vén de crear como accesorio un sacaleites, afirmando que está avalado por Fedalma, malia que isto non sexa certo, como podedes ler aquí, no comunicado que tal organismo emitiu o pasado xoves.

martes, 23 de noviembre de 2010

Reunión temática de novembro

Este venres 26 ás 17 horas faremos a nosa derradeira xuntanza deste mes, que dedicaremos á alimentación complementaria (AC).
Xa sabedes que a OMS recomenda a lactancia materna exclusiva até os 6 meses e, xunto con outros alimentos, até os 2 anos como mínimo.
Fálase, pois, da "introdución" da AC a partir dos 6 meses, aínda que proximamente se substituirá esa palabra por "ofrecemento", xa que NON se debe obrigar a comer aos nen@s. Ademais cómpre para comezar coa AC:
-que @ nen@ se teña sentad@
-que perdera o reflexo de extrusión (é dicir, que manteña o alimento na boca) 
-que amose curiosidade por outros alimentos
-que saiba dicir non (con palabras ou xestos)
Por certo, se estades desesperad@s cos purés, botade unha ollada a isto e veredes que hai bebés que comen o mesmo que o resto da familia...
En fin, xa abonda de teoría! Na reunión intercambiaremos experiencias neste tema e tamén resolveremos as dúbidas sobre lactancia que nos plantexedes.
Coma sempre, sodes tod@s benvid@s: nais, pais, avós, avoas, nenos, nenas...
Vémonos!;)

lunes, 22 de noviembre de 2010

Así foi o noso tándem

Quedei preñada de miña segunda nena cando Z. tiña vinteseis meses. Acababa de cumplir os dous anos había pouco e era unha época delicada. Non sei se sabedes que ós dous anos se chaman tamén "os terribles dous", a famosa época das perrenchas, de "facerse grandes" sendo aínda tan pequenos, de querer que lles entendan e que non lles entendamos... o caso é que podería dicir que foi por isto que non deixamos a lactancia, pero non foi así, simplemente eu decidín que deixaría fluir as cousas, aínda a vía pequena para destetala e ela dende logo non parecía ter ningún interese en deixar a teta, non estaba preparada, así que, simplemente seguimos...

Ou non tan simplemente.

Normalmente cando escoito á xente falar sobre o tándem, sobre dar de mamar a dous irmáns de idades diferentes, hai tres expresións na xente: de incredulidade e curiosidade, de rexeitamento, e de emoción e idealización. Calquera das tres fai que necesite contarvos a miña experiencia, pero últimamente máis esta última.

O primeiro que notei cando me quedei preñada foi o aumento considerable da sensibilidade dos pezóns... molestan, moitas veces durante o embarazo cando o bebé grande mama doen. A miña Z. non facía un número de tomas determinado ó día, pero case podo dicir que se achegaba máis ás vinte que ás dez: a teta era o seu consolo cando se mancaba, cando se sentía insegura, cando estaba maliña, era o primeiro que tomaba ó erguerse o meu carón polas mañas e o último cada noite, era o seu mimiño en exclusiva, así era como estaba preto de min aínda que eu tivese que facer outras cousas, atender a outra xente ou simplemente cando se aburría coas cousas dos maiores. Ós tres meses de embarazo máis ou menos a produción baixou en picado, deixou de saír leite a borbollóns como ata entón e ademáis cambiou a cor e a consistencia, pero ela nin se inmutou, seguíu mamando exactamente igual, as mesmas incontables veces...
Fíxose duro. Moitas veces non aturaba a dor nos bicos, así que decidín reducirlle tomas, xa non podía mamar todas as veces que ela quería, explicáballe por que e ela o comprendía aínda que non lle gustase, así que deixámolo en nunca menos de catro tomas ó día: ó erguerse, á sesta, e para durmirse pola noite e máis algunha que sempre caía, dentro da casa, fora quedamos en que non tomaría teta. Así que pasou de ser o seu todo a ser o seu todo reducido, e foi duro quitarllo vendo como lle gustaba e como me gustaba a min,... foi duro darlle menos teta por non aturar máis aínda que quixese, pero ela foi unha campiona e o comprendeu, tan pequeniña.

Non me molestaba cando sentía esas pequenas contracións indoloras cando ela mamaba, aínda que sei que a outras mamás lles resulta incómodo, a min case me gustaba, pero iso só pasou na segunda metade do embarazo porque seguíu mamando ata o final. Hai nenos que o deixan durante uns meses e cando chega o novo irmán se volven coller á teta, pero a Z. non deixou nunca de mamar. Cara os dous anos e medio comezou a durmir toda a noite do tirón, sen espertar, pero a noite que eu espertei con aquel dor de regra cada 5 minutos que acompañaba ás contracións, cando lle faltaba un mes para cumplir os 3 aniños, si espertou, e como a mellor maneira de que volvera durmir era darlle teta iso foi o que fixen, pero non fun quen de aguantar a que volvera durmirse, cun par de chupadas descargou a oxitocina que fixo que en menos de 5 minutos nacera a súa irmá con ela aínda esperta.

E así chegou a L. Esa mesma noite, ó pouco de nacer eran as dúas as que tomaban teta e eu estaba encantada.

cunha hora de vida
Cunha hora de vida

cunhas horas de vida
Cunhas horas de tándem

Cando L. contaba cuns vinte días semellou que ía aparecerlle un herpes nun beizo á irmá grande, non pasa nada máis alá do mes, pero en recén nados é unha das contraindicacións da lactancia, un herpes no bico do peito, así que, temendo que lle saíse á irmá e me saíse a min no peito decidín adxudicarlle un peito a cada unha, Z. sempre tivera un preferido, así que durante os primeiros meses mamou máis veces incluso que a súa irmá pero só “da súa teta”, a outra era a da L. Mamaba case cada vez que a recén nacida, e incluso algunha vez máis entre tomas, e a verdade é que a min non me importaba. Axudoume moito nos primeiros meses poder adicarlle esa atención á irmá grande sen deixar de atender á pequena. Seguro que de non ter tomado teta no momento de darlle á irmá, e estando soas as tres tería chamado a miña atención doutra maneira, pero así era máis doado: teta para unha e teta para a outra.

cun mes
Cun mes de tándem

Pero despois as cousas comezaron a non ser tan doadas. De súpeto xa non aturaba darlle ás dúas de mamar a un tempo, cando a pequena mamaba se o facía a grande á vez me resultaba moi molesto, non sei expresar o que sentía, pero era insoportable. E despois comezou a facérseme difícil tamén aturar a sensación de cando mamaba a Z. soa, era tan diferente a como o facía L... ademáis xa non conseguía sacar leite, un día que L. apenas mamou tratei de sacar leite da súa teta a man porque me doía e a Z. ó verme me preguntou que facía, así que llo expliquei e dixo que se podía tamar da teta da súa irmá ela me axudaba... pero mamou e mamou e a teta seguíu igual de chea. Non sei se porque xa non era eficaz mamando, porque perdera o movemento de succión, ou porque a incomodidade que sentía eu cando ela mamaba impedía que saíse o leite... o caso é que tiven que ser eu de novo a que reducira as tomas da Z. e isto si que se fixo duro.

É moi duro verte na situación de que fuches ti quen decidiu continuar porque te sentías ben, te sentías capaz, e que de súpeto as túas capacidades cambiasen tanto que volves ser ti a que ten que decidir deixalo porque non pode continuar. É moi duro que o teu corazón e a túa cabeza queiran continuar coa lactancia da filla grande, aínda pequena, con iso que vos une tanto, e que o teu corpo non te deixe, porque así era como eu o sentía: un corpo que non me obedece, o corpo que manda sobre todo o demáis, querer e non poder, a loita comigo mesma. Fíxose moi moi duro.

Se dalgo estou orgullosa dentro do meu tándem é de contarlle sempre a verdade a Z., creo que a axudou a ilo deixando, a comprendelo. Non lle dixen nunca que tiña que deixar a teta porque xa era grande, lle dicía que non lle podía dar teta porque cando ela tomaba teta me poñía moi nerviosa e eu non quería poñerme nerviosa con ela porque se me puña nerviosa berráballe e a min non me gustaba berrarlle, e ela vía que era certo, porque moitas veces que quería mamar e eu quería darlle acababamos chorando as dúas, primeiro eu pedíndolle por favor que non mamase máis e ela despois porque quería máis. Moitas veces me preguntaba por que agora lle molestaba, e eu non sabía moi ben que respostarlle, así que lle dicía o que cría que máis se achegaba: a súa boca agora era máis grande e xa non mamaba igual que a súa irmá que era un bebé, así que me molestaba, eu non quería que me molestara, pero pasaba. Así, entre choros e razoamentos fomos reducindo de novo as tomas primeiro a catro coma no embarazo, despois diminuía tamén a súa duración, e de catro tomas dun minutiño pasaron a ser dúas tomas: maña e noite contando ata dez ata convertirse só nun xesto.
Así, pouco a pouco, durante algo máis de seis meses se foi destetando, a fun destetando e ela se deixou. Cando se achegaba o seu cuarto cumpreanos, xa L. fixera o seu primeiro ano, e lle propuxen deixalo cando cumprise os 4, e me dixo que si, pero eu pensei que non ía ser tan doado. Pero de súpeto uns días antes do seu aniversario dixo que xa non tomaría máis teta. E non sei como, pero me pillou por sorpresa, non lle adiquei atención á derradeira toma de despedida porque non sabía que o fose, aínda que fose só un xesto, e cando cumpriu os 4 anos xa non tomaba teta.

Non pensedes que escribín isto para desalentar ás nais que queren intentar un tándem, ou que van camiño de facelo sen propoñelo, non. A miña intención é que se algunha desas nais sinte o mesmo que sentín eu saiba que non é cousa dela soa, que non hai algo mal con ela, que non está sendo mala, que non lle falta “amorosidade” polo seu bebé grande. As nais tendemos a culpabilizarnos, a sentirnos mal aínda que non o digamos abertamente ou non o pareza, aínda que sexa irracional, aínda que sexamos capaces de ver que é unha situación excepcional e que fixemos moito o que sentimos é outra cousa. Semella que sempre estamos na mesma loita do que sentimos emocionalmente, o que pensamos racionalmente e o que sentimos fisicamente.

Creo que vale como resumo da miña experiencia que se me volvese ver na mesma situación volvería facer o mesmo, non sei se é moi racional, non sei que parte das tres, a racional, a física ou a emocional manda neste caso, pero a miña conclusión sen lóxica é que preferiría non ter que vivilo de novo, pero volvería facelo.

tándem

Con cariño para todas as nais que fixeron ou farán tándem, para as que sentiron ou sentirán algo semellante a isto e para as que non.

E cun cariño especial para Cris.

Raquel.

sábado, 20 de noviembre de 2010

Outro aniversario...

Hoxe cúmprense 51 anos da Declaración de dereitos d@s nen@s e 21 da Convención de dereitos d@s nen@s!

Xa no primeiro destes documentos se recoñece o seu dereito á saúde, mesmo á atención prenatal e postnatal. No artigo 24.2 da Convención concrétase o contido dese dereito, dispoñendo que os Estados parte adoptarán as medidas axeitadas para, entre outros obxectivos: 
"e) Asegurar que tódolos sectores da sociedade, e en particular pais, nais e nen@s, coñezan os principios básicos da saúde e mais da nutrición d@s nen@s, as vantaxes da lactancia materna, a hixiene e o saneamento ambiental e mais as medidas de prevención de accidentes, teñan acceso á educación pertinente e reciban apoio na aplicación deses coñecementos"

Gústanos pensar que os grupos de lactancia contribuímos un pouquiño a este fin;)          

viernes, 19 de noviembre de 2010

Máis vale tarde...

Xa sabedes que o 3 de outubro celebramos en Santiago a festa da lactancia materna. Houbo un estupendo relatorio sobre crianza feliz da Rosa Jové, tetada e concerto... Pronto publicaremos no Flickr fotos deste evento...



Este ano a Semana mundial da lactancia materna dedicouse a lembrar os dez pasos para unha lactancia feliz:
1- Dispoñer dunha política por escrito relativa á lactancia natural coñecida por todo o personal do centro
2- Capacitar a todo o persoal para levar a cabo esa política
3- Informar ás embarazadas dos beneficios da lactancia materna e cómo realizala
4- Axudar ás nais a iniciar a lactancia na media hora seguinte ao parto
5- Amosar ás nais cómo aleitar a@ nen@ e cómo manter a lactación mesmo se teñen que separarse d@ nen@
6- Non dar aos acabados de nacer máis ca leite materno
7- Facilitar a cohabitación de nai e fill@ 24 horas ao día
8- Fomentar a lactancia a demanda
9- Non dar chupetes a nen@s alimentados a peito
10- Fomentar o establecemento de grupos de apoio á lactancia materna e procurar que as nais se poñan en contacto con eles
Sobre isto precisamente houbo este luns en Santiago un relatorio... Se alguén de vós foi e nos quere comentar o aprendido, encantaríanos!

jueves, 18 de noviembre de 2010

Estamos de aniversario!


Pois si, Bico de leite cumpre 5 anos! E por iso estamos a programar interesantes actividades para a ocasión, entre elas darlle máis vidiña a este blog e mais a publicación dun libro no que recollemos as consultas das nais que depositaron a súa confianza en nós - grazas a todas!;)

martes, 26 de octubre de 2010

Reunión temática de Outubro: Lactancia e Sono

Olá a Tod@s :

Este venres día 29 de outubro pola tarde celebraremos a nosa xuntanza temática mensual.

Faleremos sobre o tema do sono dos bebés... e do resto da familia ;o)

Estamos abertas coma sempre a falar de calquera outra inquedanza que teñades sobre lactancia.

Estades tod@s convidad@s (no noso local e á hora de sempre: 17h)

Ata pronto!

sábado, 16 de octubre de 2010

Campaña mediática sobre lactación.

Olá a tod@s;

Se cadra moitos xa tivestes ocasión de ver hai uns días estes anuncios na televisión de Galicia, e de escoitar cuñas na radio, ou de ler faldóns na prensa.

Foi unha maneira mais de contribuir a promover e normalizar a lactación materna, coincidindo coa celebración da SMLM.
Trátase unha iniciativa de FEDEGALMA , na que Bico de leite tivo un grande papel.

Se cadra mesmo recoñecedes algunha das nosas caras, que traballamos como actrices voluntarias para a ocasión.

Partimos dun maravilloso traballo previo ( Nada como mamá, nada como mamar) feito pola Asociación Criar con el Corazón en colaboración con algunhas outras entidades sen ánimo de lucro, das que aparecen os logos ó final das imaxes, e coa financiación da Xunta de Galicia.

Dun só spot inicial fixemos dous.
Este é no que engadimos a parte relativa ós grupos de apoio, e no que se ven as imaxes rodadas en Lugo:



E esta é a outra parte:

domingo, 26 de septiembre de 2010

Celebración da Festa anual da Lactación materna.

 Dia da lactación materna 2010

Cada ano, na primeira semana de outubro celebramos a Semana Mundial da Lactación Materna.
Case todos os grupos de apoio de España tentamos poñer o día grande no primeiro domingo de outubro, e así celebramos un acto conxunto a nivel nacional con maior repercusión mediática.

No 2010 o tema elexido é en conmemoración da Iniciativa para a Humanización do Nacemento e a Lactancia : IHAN.... sendo o lema "Paso a paso cara a humanaización do nacemento e a lactancia"

Tamén en Galicia todos os grupos nos xuntamos cada ano en diferentes lugares de xeito rotatorio, para vernos e celebralo todas xuntas.
Esta vez tocoulles organizalo ás compañeiras de Mamoa.

Teremos o pracer de escoitar e dialogar coa nosa grande amiga Rosa Jové sobre a Crianza Feliz

Aproveitaremos, tamén a ocasión para realizar a entrega de premios do II Concurso de fotografía FEDEGALMA sobre lactación materna.
E a continuación presentar o libro "Pel con Pel" editado por Galaxia con parte das fotografías presentadas ó concurso xunto con textos poéticos de diferentes autores galegos.

A verdade é que teñen moi boa pinta todos os actos programados.

Xa sabedes...Estades tod@s convidad@s!

lunes, 20 de septiembre de 2010

Retomamos as reunións temáticas

Chegou setembro e como cada ano comezamos de novo o curso coas nosas reunións temáticas mensuais.
Este venres 24 de setembro podedes achegarvos polo local da Rúa García Portela 11 baixo para falar do tema que nalgún momento ó longo da nosa lactancia nos preocupou a todas:

A FALTA DE LEITE

Se tendes medo, ou o tivestes e o superastes, se ós tres meses "se vos foi o leite" e deixastes de dar peito e non queredes que vos volva pasar ou queredes saber que foi o que pasou e como evitalo ou solucionalo, que se pode, achegádevos a falar un rato con outras mamás, acompañadas polos vosos bebés ou nenos e nenas e por quen vós queirades.

Agardámosvos, de 17 a 19 horas no noso local de sempre o venres día 24.

Tende en conta que por mor das Festas de San Froilán é posible que o venres non estea permitida a circulación de veículos pola zona do Parque de Rosalía, así que contade con iso se queredes achegarvos, igual tedes que aparcar un chisco máis lonxe do habitual.

Grazas!

miércoles, 1 de septiembre de 2010

Vanessa

Son Vanessa, nai de Xan e despois de un ano de lactancia decídome a contarvos a miña experiencia.

Para a miña familia non era costume aleitar, de feito a miña nai non o fixo, somos 3 irmáns e todos criados co biberon, penso que houbo unha xeración perdida na que se deixou de amamantar, e o normal era dar biberon cada catro horas. Pero eu e mailo meu marido tiñámolo moi claro, queriamos criar o noso pequerrecho co leite materno.
E asi foi, naceu Xan, e o principio foi complicado, xa que tivemos alguns problemiñas de adaptación e fixome algo de dano (cousa que se solucionou nuns meses). Cando estaba ca familia quedaban abraiados de como mamaba o neno... e non facian outra cousa que preguntarme que cando lle tocaba a seguinte toma, eu lle decia: "Pois cando el queira, é a demanda". Supoño que moitos de eles pensarían que como eu sabia todo iso, se a min non me ensinou ninguén, pois aí entra Bico de Leite, as clases preparto, e internet, que a base de ler e ler, de informarme, de charlas que nos deu unha nai colaboradora de Bico... pois aprendín o que era mellor... o mellor regalo que lle puidemos facer a Xan, e digo puidemos porque o meu marido sempre estivo aí cando tivemos caídas e recaídas, apoiándonos en todo o que nos necesitabamos e animándonos, sempre lle estarei agradecida.
Agora que estamos dentro de Bico de Leite espero aprender moitas máis cousas e poder chegar a axudar as nais que así o precisen e animalas, porque dende logo a experiencia é inmellorable.

Grazas Bico, grazas Xan.



Vanessa Diaz, agosto 2010

martes, 24 de agosto de 2010

Mari

Son Mari, nai de Zintia, que ten 4 anos e medio e á que aleitei case 4 anos (algo mais de 3 anos e medio), e de Alexia, que ten 2 aniños e que sigue a tomar teta.


Na miña casa o normal e natural e darlles teta os bebes pois miña nai sempre nos falou do bonito e dos beneficos da LM, ela deunos teta ós cinco durante 1 ano apróximadamente.
Eu ó ser a mais pequena dos cinco vin como miñas irmáns e cuñadas aleitaban a meus sobriños, éstas entre 8 e 10 meses (o boom do biberón comezaba a facer mella nas suas lactancias, hoxe danse conta). Asique eu sempre tiven claro que ía dar teta, esto axudoume moito no comezo e as cousas foron rodadas, teño que decir tamén que a miña parella sempre estivo conmigo apoiando cando tiven algún momento baixo que empezou cando Zintia cumpliu 7 ou 8 meses e comezaron a facerme as preguntas de rigor: "logo terás que empezar a destetala, non? Ata cando tes pensado darlle peito?" Isto molestábame e doíame moito, e necesitaba ter argumentos para seguir facendo o que tanto me gustaba e o que o instinto me pedía, dar teta a miña nena.
Unha tarde de venres do mes de agosto de 2006 decidín ir á primeira reunión de Bico, animada por dúas amigas e compañeiras, naquela reunión dinme conta que aquel era o lugar onde tería o apoio de todas aquelas nais que pensaban coma min ou moi parecido asique decidín volver e despois dun tempo quedar para aprender moitas cousas, compartir outras moitas e axudar e colaborar no que poida e sepa.


Mari agosto de 2010

martes, 3 de agosto de 2010

Mais contos con tetas

Olá a tod@s
Ainda que a nosa actividade do grupo non cesa na época estival, e mantemos as nosas xuntanzas semanáis como o resto do ano( agardámosvos!) xa vedes que temos o blog bastante paradiño por mor do verán.
Asi a todo queremos adicar unha entradiña a falar dun conto sobre lactancia que nos quedara no tinteiro.
"O conto dos catro Currunchos" ou "El cuento de las cuatro esquinitas" da editorial Ob Stare, trátase dunha obra conxunta de tres autoras mais tres ilustradores que quedaron finalistas no primeiro concurso de Contos Infantiles Ilustrados de FEDECATA no ano 2007.
De esta obra fixemos unha traducción ó galego aínda que de momento non se puido publicar na nosa lingua.

Son catro currunchos porque son 4 contos.

"A gata que quería durmir a un moucho" de Rosa Jové e ilustracións de Ricard Ferrandiz.
Trata do tema do sono infantil en forma fabulada e en verso, unha delicia.

Imágenes pertenecientes a "El Cuento de las Cuatro Esquinitas", ISBN: 9788493525996, publicado por la Editorial OB STARE (www.obstare.com)

lagata que quería dormir a un buho

"Eu tamén", de MªAngeles Claramunt e Ricard Ferrándiz
Que narra as diferentes ocasións na vida cotiá en que se pode aleitar a un pequeno, visto polos ollos dunha irmá mayor. Ten unha preciosa sorpresiña final :
Yo también

"Son un Peixe( MªAngeles Claramunt e Sonia Ramón)

Unha nena nos explica ás súas similitudes cos peixes e os mamíferos acuáticos...

Soy un pez

" Miña nai é un Canguro" ( Susana Ramírez e José.M. Benlliure)
De novo é unha irmá maior quen nos relata o nacemento prematuro do seu irmán .
Neste introdúcense moitas nocións reais do que é o Método Mai Canguro de coidado dos recentemente nados, explicando de xeito sinxelo pero moi científico cal ven sendo a mellor incubadora para os mais pequeniños dentro dos pequeniños.

Mi mamá es un canguro

Podedes atopar este fermoso libro nas librarías.
Agardamos que o leades con ledicia coas vosas fillas e fillos.

Ata pronto

viernes, 2 de julio de 2010

Cursiño de Formación en Lugo sobre Hipogalactia

Bico de Leite-A Hipogalactia-cartel A3

Non ter leite dabondo é unha das principais preocupacións das nais -e da familia, e dos profesionais- con respecto á lactancia materna.

A meirande parte das veces esta falta de leite ou Hipogolactia é só unha percepción errónea, xa que ó normal é que todas as mulleres teñamos leite para os nosos bebés, mesmo de sobra.

Asiatodo, hai ocasións en que as cousas se complican, especialmente os primeiros días e semanas, e pode existir menos producción láctea da precisa.

Ben por causas da nai (problemas hormonais ou dificultades no parto, por exemplo) ben por causas do bebé (dificultades físicas para succionar eficazmente, se cadra) ou tamén por problemas no manexo da lactancia (número de tomas insuficinte, interferencia de chupetes ou biberóns...)
En calquera caso é preciso valorar detidamente estas situacións, para poder ofrecer á nai unha explicación, e sobre todo posibles maneiras de tentar solventalo.

De todo isto é do que falaremos o vindeiro sábado 10 de xullo pola mañá no centro social Maruja Mallo das 10 ás 13:30h.

Trátase dunha sesión monográfica, encadrada na formación continuada para asesoras de Fedegalma.
Basearémonos nas mais recentes investigacións da IBCLC estadounidense Diana West, experta na materia recoñecida internacionalmente.
Complementaremos a explicación teórica co relato e posta en común dalgún caso real de mulleres que pasaron por esa situación, explicando como se manexou na práctica.

Esta sesión formativa está aberta ós profesionais sanitarios e a todo o público interesado.

Agardamos que sexa de proveito para tod@s.

martes, 22 de junio de 2010

Festa-merendola de fin de curso!

Ola mamás! Este venres é o último de mes, pero como nos meses de xullo e agosto non faremos reunións temáticas (aínda que segue a haber reunións igualmente), imos celebrar o fin de curso cunha merendola entre mamás, falando do que queiramos/queirades e picando algo.

Por isto este mes non poñemos tema para a nosa reunión, pero por suposto estades todas convidadas acompañadas dos vosos pequeños e de quen queirades para pasar un rato agradable falando das nosas lactancias e crianzas.

merendola fin de curso 2009

Aproveitamos para convidarvos a todas as que viñestes algunha vez polo grupo e teñades nenos grandes xa, ou que vos foi ben, ou non tanto, ou ás que nos escribistes algunha vez e non chegamos a coñecervos en persoa. Será un pracer atoparvos alí.

O venres 25 ás 17h no lugar de sempre, ides vir?

miércoles, 16 de junio de 2010

II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA SOBRE LACTACIÓN MATERNA FEDEGALMA 2010

II concurso de fotografía FEDEGALMA

Quedan só 15 días para que remate o prazo de recepción de fotografías para o concurso fotográfico sobre lactación materna que organiza a federación galega de grupos de apoio FEDEGALMA, pero aínda estades a tempo de participar e gañar un dos premios, ou que a vosa fotografía apareza nun libro editado por Galaxia, ou sexa utilizada para calquera outro material da federación ou dos grupos de apoio para promoción da lactancia.

Esta tamén é unha forma de axudar.

Para consultar as bases entrade na páxina web da federación www.fedegalma.org e consultádeas na sección de actividades.

Animádesvos?

viernes, 21 de mayo de 2010

Reunión temática de maio

Este mes a reunión do último venres de mes, o vindeiro día 28 será un pouco especial, adicada ós

FUTUR@S MAMÁ E PAPÁ:


Unha parte da reunión adicarémola a falar dos primeiros días co bebé, da instauración da lactancia, do que é desexable e que é normal, e dos problemas que poden acontecer nos primeiros días, e a segunda parte adicarémola especialmente ós papás, para que eles tamén se sintan cómodos e falen das súas dúbidas e pensamentos sobre a lactancia e saiban que tamén teñen o seu papel nela se queren.


Así que temos unha reunión especial para embarazadas e as súas parellas, na que quen xa sodes mamá e papá podedes axudar moito coa vosa experiencia, así que non deixedes de vir cos vosos bebés ou nenos.

O día 28 de maio de 17 a 19h no noso local de sempre, na rúa García Portela 11, Baixo.

Agradecémosvos que difundades a información entre os vosos coñecidos así como se podedes imprimir carteis e pegalos onde pensedes que pode ser interesante.

Podedes descargalos aquí ou na coluna da dereita.
Reunión de maio

Moitas grazas pola vosa axuda.

domingo, 16 de mayo de 2010

Aparicións en prensa

Nas últimas semanas Bico de leite tivo un par de aparicións en prensa, na tele, onde aparecemos onte no programa A Revista fin de semana da TVG e na prensa escrita no diario La Voz de Galicia hai unhas semanas.

Aparecer na prensa ten as súas vantaxes e os seus inconvintes, gústanos que nos medios se fale de lactancia e que se fale dos grupos de apoio, porque as nais moitas veces descoñecen a súa existencia ou pensan que somos unhas "radicais da teta", que non entendemos de posturas intermedias ou que a nosa misión é intentar convencer a todo o mundo de que dea teta como dicimos nós, e bueno, non é así, supoño que as que algunha vez viñestes polo grupo sabedes o que facemos, do que falamos e como falamos. Pero a desvantaxe é que nunca sabes como vai quedar reflexado o que dis nunha entrevista, unhas veces gusta máis e reflicte mellor o grupo e outras veces é máis desafortunado e non nos axuda a que a xente saiba o que facemos.

Gústanos a reportaxe da televisión, que podedes ver aquí.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


(se alguén ten o navegador Mozilla Firefox e non pode ver os vídeos, é posible que lle falte o plugin para poder velos, podedes descargalo aquí segundo a vosa versión de sistema operativo)

E algunha cousa da reportaxe na Voz non nos gustou tanto: por exemplo que titular faga referencia a unha guerra entre a teta e o biberón.
Nós non estamos contra ninguén, nin pensamos que as nais teñamos que sentirnos agredidas por escoller unha ou outra opción, porque non nos gusta a ningunha das dúas partes, porque o que necesitamos as nais hoxe é estar unidas, compartir tempo e experiencias e aprender unhas das outras, e non que se nos creen estas rivalidades absurdas. Hai dúas formas de alimentar a un lactante: ó peito con leite materno ou con biberóns de leite artificial, nós escollemos a primeira, simplemente.
O que non nos gusta é que haxa nais que escolleran darlle o peito ós seus fillos e non o consigan por non ter información; por dar cun profesional da medicina non actualizado neste eido (por exemplo destetes por medicamentos que son compatibles, destetes para "curar" mastites, sen falar dos máis comúns relacionados co bebé: destete por pouca gañancia de peso, horarios ríxidos, número determinado de tomas ó día, destetes involuntarios por pautas de destete á hora da introducción da alimentación complementaria,...); por falta de apoio nos momentos clave (as primeiras horas tras o parto cheas de inquietude e ansiedade se as cousas non van todo o ben que quixeramos, as primeiras semanas cos comentarios da familia e amigos que só queren axudar pero nos enchen de dúbidas e inseguridade, cando o neno "é moi grande para tomar teta",...)

Sabemos de todas estas cousas polo que nos tocou vivir a nós, pero tamén por todo o que nos contades o resto de nais nas reunións. Aínda así sabemos, por exemplo que no hospital hai algunhas persoas que dan apoio ás nai que o necesitan e que tratan de axudar se lles iden axuda, e sabémolo porque nolo contan as nais, pero sabemos tamén que a gran maioría ten experiencias negativas neste tema. A verdade é que o que máis escoitamos é "no hospital mal" ou "no hospital houbo un turno que me tocu unha enfermeira que moi ben, pero o resto mal".
E isto é o que queremos que cambie, que todo o persoal teña formación actualizada en lactancia e teña disposición e tempo para poder axudar ás nais, que non sexa unha lotería que teñas axuda coa lactancia se a necesitas, que o que se faga nun turno non quede desfeito no seguinte, que as nais que entren no hospital querendo dar peito non saian con biberóns de leite artificial.
É por iso que en múltiples ocasións ofrecemos a nosa colaboración ó hospital, para participar na posible e necesaria comisión de lactancia, para elaborar un protocolo de atención á lactancia e que todas as nais sexan atendidas igual, para asesorar na busca de especialistas á hora de organizar cursos de formación para profesionais, e incluso coa nosa experiencia despois de anos de formación exclusiva en lactancia.

Unha vez aclarado isto déixovos os enlaces á reportaxe en La Voz de Galicia.

La Voz de Galicia 28 de abril
La Voz de Galicia 28 de abril

E vós que pensades? Que vos pareceu o grupo se viñestes? Que vos parecen as reportaxes? Que experiencias tendes?

Aproveito para vos dicir que dende hai un tempo temos tamén unha páxina no facebook, así que podedes deixar alí as vosas opinións se queredes.

Bico de leite no Facebook

domingo, 25 de abril de 2010

Xuntanza temática de abril. O destete

O próximo venres día 30 celebraremos a nosa reunión temática mensual, esta vez sobre o destete.
Estaremos a partires das 17:00h no noso local, para falar sobre o que vos inquede de como deixar de dar o peito e compartir as nosas experiencias.
Tamén trataremos calquera outro tema que queirades ou xurda sobre a lactación e a crianza dos nosos nenos e nenas.

O DESTETE

¿cando, como e por que?


Causas e razóns para destetar: a lactancia é cousa de dous.

A nai debería decidir cando rematar a súa lactancia de forma libre e informada.
Existen posibles falsas razóns de destete como: enfermidades, tratamentos, embarazo, reincorporación ó traballo, baixo aumento de peso, introducción de alimentos distintos do leite materno, IDADE ou excesiva dependencia do neno, etc.

Mais, se a nai decide que chegou o intre de deixar a lactación, no momento e polos motivos que sexa, debemos apoiala na súa decisión.

En Bico de leite tamén acompañamos ás nais no destete, igual que no aleitamento.

Formas de destetar:

1-Destete dirixido: O mellor sempre é o DESTETE PAULATINO, suave e a un ritmo que tolere ben o neno.

Os fármacos non axudan e non están recomendados.

Lembrade que por tomar unhas pastillas un día non se deixa de producir leite, tampouco apretar o peito ou deixar de beber líquidos son efectivos nin axeitados, tentar destetar de súpeto pode causar unha mastite por acumulación de leite.

Antes do ano e se o neno acepta o biberón, sustitúese unha toma de LM por unha de LA cada dous ou tres días, por exemplo. Coidando que non se produzan obstruccións ou mastites, que indicarían un ritmo demasiado rápido.

Despois do ano, déixase de ofrecer, e vanse retrasando as tomas, ofrecendo alternativas ó peito (xogos, aloumiños…). Tamén se pode ir acurtando o tempo das tetadas (“douche, pero só un pouquiño, dacordo?”).
Nestes casos soe ser necesaria moita mais paciencia, e a ser posible axuda externa de outros adultos, para que se fagan cargo do neno no canto da nai algunhas horas ó día.

2006 SOFFING PAPA MARIN (1)

Evitar o destete por abandono: marchar uns días ou deixar ó pequeno con outra persona para que "se esqueza de mamar"... porque pode resultar moi traumático.

Evitar que coincida con outras causas de ansiedade no cativo, como escolarización, chegada dun irmán, etc…

Intentar comunicarse o máximo posible co neno, explicándolle a situación e as nosas razóns para destetalo; comprendendo tamén a súa resistencia a deixalo, e tentando acadar unha solución pactada entre ambos. Sendo flexibles.
“Non ofrecer–non negar”: leva ó destete, pero pódese prolongar moito no tempo, e acábase convertendo nun…

2-Destete espontáneo: Pódese dar case a calquera idade, ás veces antes do previsto (incluso antes do ano), ou sendo a evolución dunha “folga de lactancia”; pódese producir tamén por exceso de alimentación complementaria. E/ou por darlle a outra comida (papas) ANTES do peito, porque así quitámoslle á gana de tomar leite.

Polo xeral, e de forma natural, os nenos adoitan mamar mais alá dos dous anos, moitos chegan os 4, 5 ou máis…

A idade natural de destete do ser humano está estimada entre os dous anos e medio e os 7 anos.

A esas idades, o destete vaise producindo por iniciativa do neno que diminue progresivamente o número de tomas, ata unha cada tantos días. E finalmente ningunha.
Próducese entón o “leite de destete”, que ten unha composición especial, semellante á do costro, especialmente rica en proteinas e en factores inmunolóxicos que protexen ó neno.
Tamén é normal que se produzan cambios de ritmo na lactancia, e un neno que semellaba case destetetado, reénganchase con mais ganas.

Pero TODOS os nenos acaban destetándose por si mesmos antes ou despóis.

Cada experiencia de destete (como a da lactancia), é distinta e única.
Pódenos axudar coñecer as vivencias doutras mulleres, pero a nosa non ten por que ser semellante, xunto co noso fillo ou filla teremos que facer un camiño propio.


Bico de Leite

lunes, 19 de abril de 2010

Albina

 Mirando a figura

Albina é matrona.

Comadroa retirada...foi moitos anos matrona de atención primaria e traballou arreo na Educación Maternal, seguro que son miles as nais de Lugo que a teñen na mente e no corazón ben ligada ós seus embarazos, ós exercicios de relaxación e respiración para o parto, ás clases sobre lactancia e coidados dos bebés... Con ese xeito tan calmo, agarimoso e personal que tiña de trasmitir o seu amor e respecto pola maternidade.

Pero Albina ademais asistiu e acompañou a un nacemento moi especial, porque grazas a ela xestouse e viu a luz (vai xa para 5 anos) Bico de Leite.
Ela decidiu que tiñamos que formar aquí unha asociación pro lactancia e un Grupo de Nais, ela nos xuntou.
Como se adoita dicir: o demais é historia.

O pasado venres na xuntaza semanal, tivemos a dúas mulleres embarazadas que viñeron a coñecernos e a resolver algunha dúbidas; tamén a unha xornalista que veu para facer unha reportaxe sobre o grupo.
Despóis veu Albina, latricamos un anaquiño, e puidemos entregarlle (por fin) un pequeno agasallo a modo de homenaxe, ó que unimos agora estas breves verbas de agradecemento.

Unha aperta Albina, e Gracias.

16042010-IMG_7725
 Albina eo grupo

miércoles, 24 de marzo de 2010

Reunión temática de marzo: FERTILIDADE, EMBARAZO E LACTANCIA. Método MELA e lactancia materna en tándem

Este venres é o último do mes de marzo así que vos agardamos coa reunión temática do mes.

FERTILIDADE, EMBARAZO E LACTANCIA. Método MELA e lactancia materna en tándem

Cantas cousas! Que é todo isto do que imos falar o venres? Pois por orde, falaremos da posibilidade ou imposibilidade de quedarse embarazadas dando o peito, sabemos que corre un medio-rumor entre as nais que di que se das peito non quedas preñada, pero temos que desmentilo... ou case.

Por iso falaremos do método MELA de anticoncepción ou tamén chamado método de amenorrea e lactancia: a fiabilidade deste método como anticonceptivo é igual que outros como o preservativo ou a pílula anticonceptiva, dun 98%, pero teñen que cumplirse 3 puntos básicos:
  1. o bebé ten que ter menos de 6 meses
  2. a lactancia ten que ser exclusiva (sen suplementos nin outras bebidas), e non deben transcorrer máis de 4 horas polo día e seis pola noite entre tomas.
  3. a nai non teña a menstruación (sangrado despois dos 56 días postparto.
O método pode alongarse máis aló dos seis meses se o peito se ofrece antes das comidas como é a recomendación xeral e se siguen respectando os periodos, pero a súa eficacia vai diminuíndo conforme pasan os meses.

Así que xa sabedes que si se pode quedar unha embarazada dando o peito, e que pasa entón?
Teño que destetar ó meu bebé?
Non, non tes que destetar ó teu bebé se ti non queres facelo, lembra que a lactancia remata cando unha das partes non desexa seguir.

Pero non é perigoso para o embarazo continuar a dar o peito?
Non, a única indicación para destetar durante o embarazo é unha ameaza real de parto prematuro. Normalmente a partir da metade do embarazo todas as nais teñen contraccións uterinas mentres dan o peito, pero son similares as de Braxton-Hicks e non son contraccións eficaces de dilatación do cuello do útero.

 Lactancia embarazada
Fotografía de Mónica Jiménez Rodríguez (Valladolid)
Participante do I Concurso Fotográfico de Lactancia Materna de FEDEGALMA


Seguro que quedo sen forzas e necesito comer moito máis...
Non, durante o embarazo a produción de leite detense, a partir do terceiro ou cuarto mes diminúe moito a produción e a partir da segunda metade cambia a composición do leite.

E terei leite abondo para os dous cando naza o pequeno?
Si. A produción adáptase, e de feito os nenos que comparten o peito co seu irmán grande adoitan gañar máis peso que os outros o primeiro mes, tampouco acusan as famosas crises de crecemento.

Eu non sabía disto, pois co que me gusta darlle de mamar ó meu neno... eu vou seguir dándolle se quedo embarazada para darlle ós dous á vez, encantaríame vivir esa experiencia.
Na lactancia non é boa idea poñerse topes, nin tampouco ter expectativas, máis da metade dos nenos que están mamando no comezo do embarazo se destetan antes de chegar á metade, sobre todo os máis pequenos, de menos de ano e medio, e moitas nais non levan ben a lactancia durante o embarazo polo aumento de sensibilidade dos pezóns ou o cambio de succión do neno, ou simplemente non se tolera a sensación.
Non hai nada de malo nisto, non se é mellor nai por dar teta máis tempo, o mellor é gozar da lactancia día a día todo o tempo que dure.


Se queres saber máis sobre estes temas ou falar doutros relacionados coa lactancia e a crianza vén ó grupo de nais, escoitámonos unhas ás outras e pasamos un rato agradable cos nosos pequenos.

O venres 26, de 17 a 19h no local da rúa García Portela 11, baixo

domingo, 7 de marzo de 2010

Unha máis

Este era o título da mensaxe que nos enviou Vanessa hai xa dous meses e medio. Co seu permiso e coa súa xenerosidade compartiuno con nós primeiro e agora convosco tamén.

Ó fío do tema da reunión do pasado mes de febreiro vos deixamos a experiencia de Vanessa e o seu pequeno Xan.

Hola, bos días,
chámome Vanessa e despois de algún tempo decídome a escribirvos para contarvos a miña historia.
Todo comenzou o 18 de agosto cando din a luz a cousiña máis bonita do mundo, Xan, o meu meniño.
Despois de ir a unha charla dunha colaboradora vosa nas clases de preparto, animoume máis ainda a darlle o peito ó meu neno.
Asi que naceu, e púxenme a iso. O principio foi complicado, lastimábame, fíxome gretas e estiven a piques de deixalo. Pero a miña ilusión e tamén gracias o meu marido pois seguín. Despois de 4 meses, estou feliz por unha parte porque conseguín algo que sempre tiña na miña mente, poder darlle de comer ó meu fillo co meu leite, pero agora que comencei a traballar pois faise máis duro, estou coa reducción de xornada, asi que a base de ordeñarme co sacaleites e de moito esforzo, a miña sogra lle pode dar un bibe a media mañá e despois xa estou eu, que correndo de un lado para outro consigo estar para as tomas na casa, porque ainda encima vivo en Friol e traballo en Lugo, polo q teño que sumar o tempo que me leva ir a casa.....

Agora teño algo de medo, porque non sei se conseguirei manter a lactancia, empecei a ordeñarme dúas semanas antes de empezar a traballar polo que de momento teño reservas, e máis tamén sigome ordeñando, pero o meu medo é que como agora Xan mama menos, chegue o momento en que esto se acabe (cousa que non me gustaria nada, a verdade...)

En fin que seguirei intentando manter a lactancia, porque considero que é o mellor regalo que lle podo dar o meu neno.

Unha aperta e bicos.
Vanessa

Xan e Vanessa


Seguro que moitas de vós tivestes sentimentos semellantes durante a vosa lactancia, se cadra cun comezo difícil, ó mellor con medos malia que as cousas ían funcionando, outras se cadra non, porque todas as lactancias son diferentes, pero sempre senta ben recoñecerse un chisquiño nas demáis mamás, saber que non es ti a única que se sinte así, poder compartilo con xente na mesma situación ca ti e que te comprende ou que che pode botar unha man, e incluso ser ti a que bota unha man a outra mamá simplemente aportando a túa experiencia.

Iso somos os grupos de nais.

Grazas Vanessa (e grazas Xan) :)

domingo, 21 de febrero de 2010

A extracción de leite, e a reincorporación ó traballo

O próximo venres día 26 de feberiro, a partires das 17h, teremos a nosa próxima xuntanza temática.
Trataremos sobre como sacar e gardar o noso leite e como encarar a volta ó traballo, sen ter por elo que pasar por un destete.
A continuación poñemos unha información resumida sobre o tema.
Agardamos que vos sexa útil

EXTRACCIÓN DE LEITE E A REINCORPORACIÓN O TRABALLO

  • Todas podemos voltar traballar e seguir aleitando, en cada caso atoparemos a mellor maneira segundo o noso horario laboral, tipo e lugar de trabllo, idade do bebé (se xa pode tomar ou non outros alimentos) e a nosa posibilidade ou facilidade de extracción de leite.

  • A primeira opción a considerar é aleitar ó bebé directamente se alguén o pode achegar ó noso posto de traballo... ou podemos ir velo nos nunha pausa.
  • Tamén podemos extraernos leite na pausa de lactancia legalmente establecida, (1 hora cada xornada) para así desconxestionar o peito e manter a producción, ben cun extractor ou ben a man, o leite consérvase perfectamente de un día para outro, a ser posible en frío.
  • Podemos facer unha pequena reserva de leite extraído con antelación á volta ó traballo. Gardándoo sempre en envases pequenos 50-100ml para non desperdicialo, porque unha vez desconxelado o que sobre hai que tiralo.
  • Para extraer leite é preciso ter práctica e unha certa técnica :
    - Aprender e practicar a extracción manual é sempre a mellor idea, sinxelo e directo.
    - Unha masaxe previa, ambiente tranquilo, algo que nos lembre ó bebé...
    - Cada extracción no debería durar máis de 20 minutos, sempre é mellor moitas veces pouco tempo, que poucas veces moito tempo, o segredo é a frecuencia e a perseverancia.
    - Lembrade que o mellor extractor é sempre o bebé, non sacar moito leite non significa que non o teñamos leite dabondo, só que non o damos extraído tan ben como ó pequeno.
    - Se sacamos pouca cantidade cada vez, podemos ir xuntando o de varias extaccións ó longo de 24 horas, gardándoo mellor na nevera.
    - Podemos conxelar un bote de proba e o desconxelamos ó cabo duns días para ver se ten un cheiro raro , como a rancio, que pode ser pola lipasa do propio leite que descompón á graxa. Non é nada malo, pero o bebé podería rexeitar o leite polo seu sabor raro; en tal caso convén escaldalo ANTES de conxelar : quentar ata 70ºC ata que fai burbullas polo borde sen chegar a ferver.

  • Cando a extracción faise difícil e o bebé ten máis de 4 meses, podemos considerar adiantar a alimentación complementaria para as horas que esteamos fora, logo o meniño recuperará todas as tomas cando voltemos.

  • A lactancia é moi flexible e non entende de horarios. Os bebés adoitan a intensificar ás tomas nocturnas e de fin de semana para compensar.

  • Para quen coide ó neno (escolas infantís incluídas) hai que explicar como quentar e dar o leite extraído: témplase con auga quente e non se ferve nunca.

  • Moitas veces ós bebés rexeitan ás tetinas e o toman mellor con culler ou vasiño. O biberón non é imprescindible.

  • Non paga á pena pasar malos ratos con “entrenamentos”antes de tempo. Especialmente se o fai a nai, non solen resultar nin son realmente necesarios.

  • Algúns bebés deciden durmir e agardar a que cheguemos para tomar o leite no seu envase orixinal, lembrade que poden estar varias horas sen comer sen risco algún.

    Manter a lactancia a pesares de voltar ó traballo é unha fermosa maneira de prolongar algo que nos reconforta a nos tanto como a eles, podemos seguir dándolles o mellor... e compartindo eses momentos únicos de intimidade e agarimo. Que tanto estrañaremos durante a xornada laboral.

lunes, 1 de febrero de 2010

Bico de leite na prensa

Este sábado tivemos un oquiño na prensa local, se non nos lestes podedes ver o artigo completo no enlace á páxina 8 de El Progreso do sábado 30 de xaneiro que vos deixamos a continuación.

El Progreso, sábado 30 de xaneiro de 2010

martes, 26 de enero de 2010

Reunión temática do mes de Xaneiro sobre a Alimentación Complementaria

Antón comendo

A que semella que falta moito para poder vivir unha imaxe coma esta?
E co inverno que levamos si que nos queda un pouco lonxe a praia, jeje...

Mais os meses pasan de contado e ese bebé tenriño que só tomaba teta, de súpeto xa quere comer de todo, ou só certas cousas... Pero de certo que agarrar a comida e levala á súa boquiña entrará axiña nas súas recén adquiridas habilidades...
En xeral, en torno ós 6 meses os meniños xa están preparados para dixerir alimentos distintos do leite, pero cada neno -nisto coma en todo- ten o seu tempo, hainos que ata preto do ano (ou máis) case non comen nada -como moito unha chucharadiña de acó ou un anaquiño minúsculo de alá- e seguen a estar perfectamante nutridos co leite materno; e outros que ós 5 meses e pico xa baixan pratos enteiros de papas como se tal cousa.
Todo entra dentro do normal, só temos que lembrar que eles son os que saben cando e canto queren comer, e nos só nos limitaremos a ofrecerlles cousas saborosas e nutritivas e agardaremos que algunhas lles gusten ;o)

 lagoa comendo

A introducción da alimentación complementaria entra dentro da aprendizaxe e o crecemento das nosas fillas e fillos, polo tanto pode ser moi boa idea compartir con eles a nosa mesa para que nos vexan comer (porque todo se aprende por imitación) e mesmo ofrecerlles alimentos "normais" axeitados á súa idade pero non necesariamente típicas papas de bebé.

Poden beber auga en vaso e comer en anaquiños dende o primeiro momento, e por suposto, hai que lembrar que o seu alimento principal segue sendo o leite. Idealmente da teta, durante polo menos todo o primero ano.

Non esquencer que se sustituimos tomas de peito por froita, cereais ou otros alimentos, podemos encamiñarnos, se cadra sen querer, directamente cara o destete.

De todos este asuntos, de cales son os alimentos más recomendables e cales menos, de "como o fixen eu e como o fixo o meu neno", de como "non comía nada o maior, e como rilla a pequena que dá xenio vela", falaremos o próximo venres 29 a partires das 5 da tarde na nosa xuntaza temática do mes.

Non faltedes!

martes, 5 de enero de 2010

Bebé glotón

Aínda que a min particularmente estas datas de nadal non me gustan nadiña, por aquelo do consumismo exacerbado no que ás veces sen darnos conta entramos, non quixera perder a oportunidade de comentar un dos xoguetes que en Nadal tivo a miña nena de case 5 anos á que lle entusiasma xogar a ser mamá.

Pois resulta que ela levaba moito tempo pedíndome un bebé novo para xogar, pois os que ten xa eran meus e das miñas irmás cando eramos pequenas, e gústanlle pero quería “un deses que fan cousas e teñen pilas”. Entón eu, sen pensalo dúas veces, decidín mercar o bebé glotón, o primeiro e único do mercado que imita a un bebé aleitado.

bebé glotón

A verdade é que é moi curioso porque ven acompañado dunha especie de sostén que a nena ten que poñer para que cando achega ao bebé empece a mover a boquiña como se estivese a mamar e fai ruidiño de chupeteo. Se o separas chora e se o volves achegar segue a mamar. Despois o levantas e con uns golpeciños nas costas éntralle o hipo e finalmente bota dous eructiños e queda agustiño.

Aquí podedes ver o vídeo demostración.



A ela faille moita gracia esta última parte, e non é que sexa necesario este boneco para que as nenas xoguen a dar a teta aos seus bebés porque xa antes o facía cos outros bonecos, é una cuestión de imitación. Trátase de xogo simbólico, é dicir, neste tipo de xogo os nenos e as nenas “xogan a ser” e esta imitación baséase nas súas vivencias, no que ven, oen e sinten no seu entorno. Pero alégrame que saian xoguetes deste tipo xa que ata agora todos os bonecos que se vendían viñan cos seus accesorios nos que sempre aparecían biberóns. Xa era hora de vender algo diferente! E ademais o boneco, avalado por FEDALMA (Federación española de asociacións prolactancia materna), vén con un pequeno folletiño con consellos básicos para iniciar a lactancia materna de maneira exitosa. Entre eles cita o consello de non dar chupetas aos lactantes nos primeiros meses a pesares de que o boneco trae una chupeta, pero queda aclarado que será para cando medre (se o bebé o quere claro!)

Xurdíu una pequena polémica no momento en que se lanzou ao mercado o xoguete en outubro, sobre todo en EEUU sociedade que sabemos hiperconservadora, pero sinceramente pensó que é una maneira máis de contribuír á normalización dun acto tan fermoso e natural como é amamantar e como dixen antes, “xogar a ser e facer como os maiores” é parte necesaria do desenvolvemento dos nenos e nenas e contribuiremos así a que se repitan esquemas saudables e desexables nos que serán os papás e mamás do futuro.