Nas últimas semanas Bico de leite tivo un par de aparicións en prensa, na tele, onde aparecemos onte no programa A Revista fin de semana da TVG e na prensa escrita no diario La Voz de Galicia hai unhas semanas.
Aparecer na prensa ten as súas vantaxes e os seus inconvintes, gústanos que nos medios se fale de lactancia e que se fale dos grupos de apoio, porque as nais moitas veces descoñecen a súa existencia ou pensan que somos unhas "radicais da teta", que non entendemos de posturas intermedias ou que a nosa misión é intentar convencer a todo o mundo de que dea teta como dicimos nós, e bueno, non é así, supoño que as que algunha vez viñestes polo grupo sabedes o que facemos, do que falamos e como falamos. Pero a desvantaxe é que nunca sabes como vai quedar reflexado o que dis nunha entrevista, unhas veces gusta máis e reflicte mellor o grupo e outras veces é máis desafortunado e non nos axuda a que a xente saiba o que facemos.
Gústanos a reportaxe da televisión, que podedes ver aquí.
(se alguén ten o navegador Mozilla Firefox e non pode ver os vídeos, é posible que lle falte o plugin para poder velos, podedes descargalo aquí segundo a vosa versión de sistema operativo)
E algunha cousa da reportaxe na Voz non nos gustou tanto: por exemplo que titular faga referencia a unha guerra entre a teta e o biberón.
Nós non estamos contra ninguén, nin pensamos que as nais teñamos que sentirnos agredidas por escoller unha ou outra opción, porque non nos gusta a ningunha das dúas partes, porque o que necesitamos as nais hoxe é estar unidas, compartir tempo e experiencias e aprender unhas das outras, e non que se nos creen estas rivalidades absurdas. Hai dúas formas de alimentar a un lactante: ó peito con leite materno ou con biberóns de leite artificial, nós escollemos a primeira, simplemente.
O que non nos gusta é que haxa nais que escolleran darlle o peito ós seus fillos e non o consigan por non ter información; por dar cun profesional da medicina non actualizado neste eido (por exemplo destetes por medicamentos que son compatibles, destetes para "curar" mastites, sen falar dos máis comúns relacionados co bebé: destete por pouca gañancia de peso, horarios ríxidos, número determinado de tomas ó día, destetes involuntarios por pautas de destete á hora da introducción da alimentación complementaria,...); por falta de apoio nos momentos clave (as primeiras horas tras o parto cheas de inquietude e ansiedade se as cousas non van todo o ben que quixeramos, as primeiras semanas cos comentarios da familia e amigos que só queren axudar pero nos enchen de dúbidas e inseguridade, cando o neno "é moi grande para tomar teta",...)
Sabemos de todas estas cousas polo que nos tocou vivir a nós, pero tamén por todo o que nos contades o resto de nais nas reunións. Aínda así sabemos, por exemplo que no hospital hai algunhas persoas que dan apoio ás nai que o necesitan e que tratan de axudar se lles iden axuda, e sabémolo porque nolo contan as nais, pero sabemos tamén que a gran maioría ten experiencias negativas neste tema. A verdade é que o que máis escoitamos é "no hospital mal" ou "no hospital houbo un turno que me tocu unha enfermeira que moi ben, pero o resto mal".
E isto é o que queremos que cambie, que todo o persoal teña formación actualizada en lactancia e teña disposición e tempo para poder axudar ás nais, que non sexa unha lotería que teñas axuda coa lactancia se a necesitas, que o que se faga nun turno non quede desfeito no seguinte, que as nais que entren no hospital querendo dar peito non saian con biberóns de leite artificial.
É por iso que en múltiples ocasións ofrecemos a nosa colaboración ó hospital, para participar na posible e necesaria comisión de lactancia, para elaborar un protocolo de atención á lactancia e que todas as nais sexan atendidas igual, para asesorar na busca de especialistas á hora de organizar cursos de formación para profesionais, e incluso coa nosa experiencia despois de anos de formación exclusiva en lactancia.
Unha vez aclarado isto déixovos os enlaces á reportaxe en La Voz de Galicia.
La Voz de Galicia 28 de abril
La Voz de Galicia 28 de abril
E vós que pensades? Que vos pareceu o grupo se viñestes? Que vos parecen as reportaxes? Que experiencias tendes?
Aproveito para vos dicir que dende hai un tempo temos tamén unha páxina no facebook, así que podedes deixar alí as vosas opinións se queredes.
Bico de leite no Facebook
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario