lunes, 22 de noviembre de 2010

Así foi o noso tándem

Quedei preñada de miña segunda nena cando Z. tiña vinteseis meses. Acababa de cumplir os dous anos había pouco e era unha época delicada. Non sei se sabedes que ós dous anos se chaman tamén "os terribles dous", a famosa época das perrenchas, de "facerse grandes" sendo aínda tan pequenos, de querer que lles entendan e que non lles entendamos... o caso é que podería dicir que foi por isto que non deixamos a lactancia, pero non foi así, simplemente eu decidín que deixaría fluir as cousas, aínda a vía pequena para destetala e ela dende logo non parecía ter ningún interese en deixar a teta, non estaba preparada, así que, simplemente seguimos...

Ou non tan simplemente.

Normalmente cando escoito á xente falar sobre o tándem, sobre dar de mamar a dous irmáns de idades diferentes, hai tres expresións na xente: de incredulidade e curiosidade, de rexeitamento, e de emoción e idealización. Calquera das tres fai que necesite contarvos a miña experiencia, pero últimamente máis esta última.

O primeiro que notei cando me quedei preñada foi o aumento considerable da sensibilidade dos pezóns... molestan, moitas veces durante o embarazo cando o bebé grande mama doen. A miña Z. non facía un número de tomas determinado ó día, pero case podo dicir que se achegaba máis ás vinte que ás dez: a teta era o seu consolo cando se mancaba, cando se sentía insegura, cando estaba maliña, era o primeiro que tomaba ó erguerse o meu carón polas mañas e o último cada noite, era o seu mimiño en exclusiva, así era como estaba preto de min aínda que eu tivese que facer outras cousas, atender a outra xente ou simplemente cando se aburría coas cousas dos maiores. Ós tres meses de embarazo máis ou menos a produción baixou en picado, deixou de saír leite a borbollóns como ata entón e ademáis cambiou a cor e a consistencia, pero ela nin se inmutou, seguíu mamando exactamente igual, as mesmas incontables veces...
Fíxose duro. Moitas veces non aturaba a dor nos bicos, así que decidín reducirlle tomas, xa non podía mamar todas as veces que ela quería, explicáballe por que e ela o comprendía aínda que non lle gustase, así que deixámolo en nunca menos de catro tomas ó día: ó erguerse, á sesta, e para durmirse pola noite e máis algunha que sempre caía, dentro da casa, fora quedamos en que non tomaría teta. Así que pasou de ser o seu todo a ser o seu todo reducido, e foi duro quitarllo vendo como lle gustaba e como me gustaba a min,... foi duro darlle menos teta por non aturar máis aínda que quixese, pero ela foi unha campiona e o comprendeu, tan pequeniña.

Non me molestaba cando sentía esas pequenas contracións indoloras cando ela mamaba, aínda que sei que a outras mamás lles resulta incómodo, a min case me gustaba, pero iso só pasou na segunda metade do embarazo porque seguíu mamando ata o final. Hai nenos que o deixan durante uns meses e cando chega o novo irmán se volven coller á teta, pero a Z. non deixou nunca de mamar. Cara os dous anos e medio comezou a durmir toda a noite do tirón, sen espertar, pero a noite que eu espertei con aquel dor de regra cada 5 minutos que acompañaba ás contracións, cando lle faltaba un mes para cumplir os 3 aniños, si espertou, e como a mellor maneira de que volvera durmir era darlle teta iso foi o que fixen, pero non fun quen de aguantar a que volvera durmirse, cun par de chupadas descargou a oxitocina que fixo que en menos de 5 minutos nacera a súa irmá con ela aínda esperta.

E así chegou a L. Esa mesma noite, ó pouco de nacer eran as dúas as que tomaban teta e eu estaba encantada.

cunha hora de vida
Cunha hora de vida

cunhas horas de vida
Cunhas horas de tándem

Cando L. contaba cuns vinte días semellou que ía aparecerlle un herpes nun beizo á irmá grande, non pasa nada máis alá do mes, pero en recén nados é unha das contraindicacións da lactancia, un herpes no bico do peito, así que, temendo que lle saíse á irmá e me saíse a min no peito decidín adxudicarlle un peito a cada unha, Z. sempre tivera un preferido, así que durante os primeiros meses mamou máis veces incluso que a súa irmá pero só “da súa teta”, a outra era a da L. Mamaba case cada vez que a recén nacida, e incluso algunha vez máis entre tomas, e a verdade é que a min non me importaba. Axudoume moito nos primeiros meses poder adicarlle esa atención á irmá grande sen deixar de atender á pequena. Seguro que de non ter tomado teta no momento de darlle á irmá, e estando soas as tres tería chamado a miña atención doutra maneira, pero así era máis doado: teta para unha e teta para a outra.

cun mes
Cun mes de tándem

Pero despois as cousas comezaron a non ser tan doadas. De súpeto xa non aturaba darlle ás dúas de mamar a un tempo, cando a pequena mamaba se o facía a grande á vez me resultaba moi molesto, non sei expresar o que sentía, pero era insoportable. E despois comezou a facérseme difícil tamén aturar a sensación de cando mamaba a Z. soa, era tan diferente a como o facía L... ademáis xa non conseguía sacar leite, un día que L. apenas mamou tratei de sacar leite da súa teta a man porque me doía e a Z. ó verme me preguntou que facía, así que llo expliquei e dixo que se podía tamar da teta da súa irmá ela me axudaba... pero mamou e mamou e a teta seguíu igual de chea. Non sei se porque xa non era eficaz mamando, porque perdera o movemento de succión, ou porque a incomodidade que sentía eu cando ela mamaba impedía que saíse o leite... o caso é que tiven que ser eu de novo a que reducira as tomas da Z. e isto si que se fixo duro.

É moi duro verte na situación de que fuches ti quen decidiu continuar porque te sentías ben, te sentías capaz, e que de súpeto as túas capacidades cambiasen tanto que volves ser ti a que ten que decidir deixalo porque non pode continuar. É moi duro que o teu corazón e a túa cabeza queiran continuar coa lactancia da filla grande, aínda pequena, con iso que vos une tanto, e que o teu corpo non te deixe, porque así era como eu o sentía: un corpo que non me obedece, o corpo que manda sobre todo o demáis, querer e non poder, a loita comigo mesma. Fíxose moi moi duro.

Se dalgo estou orgullosa dentro do meu tándem é de contarlle sempre a verdade a Z., creo que a axudou a ilo deixando, a comprendelo. Non lle dixen nunca que tiña que deixar a teta porque xa era grande, lle dicía que non lle podía dar teta porque cando ela tomaba teta me poñía moi nerviosa e eu non quería poñerme nerviosa con ela porque se me puña nerviosa berráballe e a min non me gustaba berrarlle, e ela vía que era certo, porque moitas veces que quería mamar e eu quería darlle acababamos chorando as dúas, primeiro eu pedíndolle por favor que non mamase máis e ela despois porque quería máis. Moitas veces me preguntaba por que agora lle molestaba, e eu non sabía moi ben que respostarlle, así que lle dicía o que cría que máis se achegaba: a súa boca agora era máis grande e xa non mamaba igual que a súa irmá que era un bebé, así que me molestaba, eu non quería que me molestara, pero pasaba. Así, entre choros e razoamentos fomos reducindo de novo as tomas primeiro a catro coma no embarazo, despois diminuía tamén a súa duración, e de catro tomas dun minutiño pasaron a ser dúas tomas: maña e noite contando ata dez ata convertirse só nun xesto.
Así, pouco a pouco, durante algo máis de seis meses se foi destetando, a fun destetando e ela se deixou. Cando se achegaba o seu cuarto cumpreanos, xa L. fixera o seu primeiro ano, e lle propuxen deixalo cando cumprise os 4, e me dixo que si, pero eu pensei que non ía ser tan doado. Pero de súpeto uns días antes do seu aniversario dixo que xa non tomaría máis teta. E non sei como, pero me pillou por sorpresa, non lle adiquei atención á derradeira toma de despedida porque non sabía que o fose, aínda que fose só un xesto, e cando cumpriu os 4 anos xa non tomaba teta.

Non pensedes que escribín isto para desalentar ás nais que queren intentar un tándem, ou que van camiño de facelo sen propoñelo, non. A miña intención é que se algunha desas nais sinte o mesmo que sentín eu saiba que non é cousa dela soa, que non hai algo mal con ela, que non está sendo mala, que non lle falta “amorosidade” polo seu bebé grande. As nais tendemos a culpabilizarnos, a sentirnos mal aínda que non o digamos abertamente ou non o pareza, aínda que sexa irracional, aínda que sexamos capaces de ver que é unha situación excepcional e que fixemos moito o que sentimos é outra cousa. Semella que sempre estamos na mesma loita do que sentimos emocionalmente, o que pensamos racionalmente e o que sentimos fisicamente.

Creo que vale como resumo da miña experiencia que se me volvese ver na mesma situación volvería facer o mesmo, non sei se é moi racional, non sei que parte das tres, a racional, a física ou a emocional manda neste caso, pero a miña conclusión sen lóxica é que preferiría non ter que vivilo de novo, pero volvería facelo.

tándem

Con cariño para todas as nais que fixeron ou farán tándem, para as que sentiron ou sentirán algo semellante a isto e para as que non.

E cun cariño especial para Cris.

Raquel.

3 comentarios:

  1. Muchas gracias Raquel!,
    Tu relato me viene como un jarabe para el alma. Tengo 26 semanas del tercero y estoy amamantando al segundo. A veces lo disfruto mucho y a veces me siento como esas perritas de la aldea que corren escapando con los cachorros aun colgando de sus tetas. Se que una vez que nazca su herman@ no sera facil, pues mi Santiago ademas es un poco posesivo, y sumado a esas trampas del cuerpo y las hormonas, pues no espero un lecho de rosas, pero si estoy dispuesta a intentarlo. Creo que has sido tan campeona como tus hijas. Muchas gracias por compartir. Un abrazo,
    Elimar.

    ResponderEliminar
  2. Raquel, tu prima Paula nos ha traducido tu preciosa historia para nuestro blog de la Asociación Besos y Brazos.

    Me ha encantado y me ha dado mucho qué pensar, efectivamente, lo tenía idealizado y ahora he visto otro punto de vista.

    Muchas gracias por compartirlo con nosotr@s!!!

    Tienes un par de comentarios alli :)

    ResponderEliminar
  3. Gracias pola túa experiencia , Raquel. Hai moito que non paso polas reunións, a pesar das ganas . Chego un pouco tarde da Fonsagrada e cos 2 tardo en poñerme en marcha.
    Ti coñeces a Daniel, que xa ten 3 aniños e medio, a hai 16 meses naceu a súa irmá María. Dani deixara a teta durante o embarazo, pero levaba moi mal os celos e retomámolo cando María tiña 2 meses. Sempre tiven a sensación de que Dani facía máis tomas que María, e ó seu papá (e a veces penso que ó resto da humanidade) non lle parece "normal". A estas alturas sinto exactamente esa sensación "desagradable", non dolorosa, cando mama Dani, que me fai sentir fatal, sobre todo tendo en conta que a teta é a súa salvación para pequenas e grandes frustracións do día a día, é o mimo, é a "pastilla de dormir", o almorzo, o postre ideal, o tentempié de media mañá os fins de semana, o "curalotodo".... Síntome culpable por querer negarlle algo tan beneficioso para él e ó que a súa irmá non vai a renunciar de momento.Pero o caso é que estou moi incómoda e acabo refunfuñando máis do que quixera, así que probablemente probarei a reducir tomas .
    Axudoume moito a túa experiencia. Gracias de novo.

    Bicos, Ana

    ResponderEliminar