FERTILIDADE, EMBARAZO E LACTANCIA. Método MELA e lactancia materna en tándem
Cantas cousas! Que é todo isto do que imos falar o venres? Pois por orde, falaremos da posibilidade ou imposibilidade de quedarse embarazadas dando o peito, sabemos que corre un medio-rumor entre as nais que di que se das peito non quedas preñada, pero temos que desmentilo... ou case.
Por iso falaremos do método MELA de anticoncepción ou tamén chamado método de amenorrea e lactancia: a fiabilidade deste método como anticonceptivo é igual que outros como o preservativo ou a pílula anticonceptiva, dun 98%, pero teñen que cumplirse 3 puntos básicos:
- o bebé ten que ter menos de 6 meses
- a lactancia ten que ser exclusiva (sen suplementos nin outras bebidas), e non deben transcorrer máis de 4 horas polo día e seis pola noite entre tomas.
- a nai non teña a menstruación (sangrado despois dos 56 días postparto.
Así que xa sabedes que si se pode quedar unha embarazada dando o peito, e que pasa entón?
Teño que destetar ó meu bebé?
Non, non tes que destetar ó teu bebé se ti non queres facelo, lembra que a lactancia remata cando unha das partes non desexa seguir.
Pero non é perigoso para o embarazo continuar a dar o peito?
Non, a única indicación para destetar durante o embarazo é unha ameaza real de parto prematuro. Normalmente a partir da metade do embarazo todas as nais teñen contraccións uterinas mentres dan o peito, pero son similares as de Braxton-Hicks e non son contraccións eficaces de dilatación do cuello do útero.
Fotografía de Mónica Jiménez Rodríguez (Valladolid)
Participante do I Concurso Fotográfico de Lactancia Materna de FEDEGALMA
Seguro que quedo sen forzas e necesito comer moito máis...
Non, durante o embarazo a produción de leite detense, a partir do terceiro ou cuarto mes diminúe moito a produción e a partir da segunda metade cambia a composición do leite.
E terei leite abondo para os dous cando naza o pequeno?
Si. A produción adáptase, e de feito os nenos que comparten o peito co seu irmán grande adoitan gañar máis peso que os outros o primeiro mes, tampouco acusan as famosas crises de crecemento.
Eu non sabía disto, pois co que me gusta darlle de mamar ó meu neno... eu vou seguir dándolle se quedo embarazada para darlle ós dous á vez, encantaríame vivir esa experiencia.
Na lactancia non é boa idea poñerse topes, nin tampouco ter expectativas, máis da metade dos nenos que están mamando no comezo do embarazo se destetan antes de chegar á metade, sobre todo os máis pequenos, de menos de ano e medio, e moitas nais non levan ben a lactancia durante o embarazo polo aumento de sensibilidade dos pezóns ou o cambio de succión do neno, ou simplemente non se tolera a sensación.
Non hai nada de malo nisto, non se é mellor nai por dar teta máis tempo, o mellor é gozar da lactancia día a día todo o tempo que dure.
Se queres saber máis sobre estes temas ou falar doutros relacionados coa lactancia e a crianza vén ó grupo de nais, escoitámonos unhas ás outras e pasamos un rato agradable cos nosos pequenos.
O venres 26, de 17 a 19h no local da rúa García Portela 11, baixo
No hay comentarios:
Publicar un comentario