sábado, 31 de marzo de 2012

Un soño

8m

O sábado 10 de marzo tiven a honra de representar, xunto coa Iria, outra mamá do grupo, a Bico de leite - A Mariña, na homenaxe que fixeron conxuntamente Ferreira e O Valadouro, dirixida por Pepe Peinó, co gallo da celebración do Día da Muller. Nese acto participamos máis de vinte mulleres de distintas procedencias.

As mais delas tiñan estudos universitarios e mesmo cargos importantes, tanto políticos coma laborais e sociais. Eu, como moitas xa sabedes, non teño estudos superiores, empecei traballar moi nova (era a segunda de 5 irmáns) e o meu posto de empregada a tempo completo non deixaba moito para o estudo, así que tiven que elixir e preferín a remuneración inmediata á de longo prazo.

Isto vén a conto porque alí todas falaban do decreto número non-sei-que/2008 e da lei de igualdade... mais ninguén falou do RESPECTO á outra persoa, sen importar nivel, cultura, ideoloxías políticas ou sociais... De que hai moitas mulleres que, de haber realmente igualdade de oportunidades á hora da reincorporación ao traballo, optarían polas excedencias por maternidade, e posiblemente nosos fillos e nosas fillas o día de mañá nolo agradecerían, e ao mellor a sociedade tamén, xa que eles e elas serían distintos (máis felices) de adultos, e nós, ao reincorporarnos, poderiamos dar moito máis de nós mesmas, xa que non teriamos a testa posta noutras cousas que non fosen o traballo, co conseguinte beneficio para a empresa. Ao igual que debemos respectar á que precisa ir traballar porque así se sinte realizada, hai moitas mulleres que non ousan pedir a excedencia, non tanto porque durante ese tempo terán que apretar o cinturón, senón máis ben porque saben que á súa reincorporación "as cousas non serán iguais". Habería moito menos absentismo laboral, xa que como o neno ou a nena sería algo maior, non enfermaría tanto, e así tamén gañaría a Seguridade social, porque non habería baixas fraudulentas.

Eu falo dende o punto de vista dunha muller parada que grazas a esta circunstancia puido ser nai, xa que polo meu horario laboral e o feito de que non teño a ninguén da miña familia preto, érame imposíbel compatibilizar ambas cousas. Eu son da opinión de que os fillos e as fillas debemos crialos os pais e as nais, e, se me trabuco, fágoo eu. Con isto non quero dicir que eu sexa "a máis mellor" nin moito menos. Cada persoa é moi libre de facer o que lle pareza mellor. BASTA XA de ter que demostrar cada día que valemos para o traballo que realizamos. ISO É RESPECTO.

En resumo: RESPECTO PARA TODAS AS MULLERES.

Montse

Máis sobre conciliación (para reflexionar nas vacacións;)...

Plataforma CONCILIACIÓN REAL YA
Segundo Alejandro Busto
Segundo Ibone Olza
Segundo Ileana Medina

sábado, 24 de marzo de 2012

Reunión temática de marzo

2011-12-16 19_32_46

O venres 30 de marzo no noso local de Lugo trataremos estes tres temas:

1- Lactancia e fertilidade
O aleitamento materno é un bo anticonceptivo durante os primeiros 6 meses sempre que se cumpran as seguintes condicións:
- ausencia de menstruación
- lactancia materna exclusiva
- lactancia materna frecuente e a demanda
 
2- Lactancia e embarazo
Pódese continuar aleitando durante a xestación, agás que exista unha amenaza real de parto prematuro. Porén, cómpre saber que as hormonas diminúen a produción de leite cara ao terceiro mes e cambian o seu sabor contra o quinto mes. Algúns nenos e nenas notan tales cambios e destétanse, outros non.

3- Aleitamento en tándem
Neste punto animámosvos a ler a experiencia da nosa Raquel.

Podedes aprender máis sobre estas cuestións aquí e, por suposto, na nosa xuntanza do vindeiro venres - coma sempre, de 17 a 19 horas no noso local do Centro Lug II... Nela falaremos ademais doutras dúbidas de lactancia que nos plantexedes.

Agardámosvos!

sábado, 17 de marzo de 2012

Unha carta

11032011-IMG_1146

Benqueridas biqueiras:

Hai tempo que desexaba enviar unhas palabriñas de agradecemento para todas vós e algunha apertiña individualizada, con permiso de todas… E é que me gustaría deixar constancia do ben que me sentín en Bico de Leite cando tiven ocasión de recibir a vosa acollida, a axuda, o apoio, a información, os sorrisos, … todo esto que tanto nos enriqueceu a Martiño e a min.

A nosa entrada en Bico de Leite foi aos poucos días de ter él nacido. Martiño tiña apenas dúas semanas e un día, ben pasadas as 10 da noite, despois de botar chorando toda a tarde sen consolo posible, mamando e vomitando todo o tempo, decidinme a chamar. Abrín o blog de Bico de leite, vin os números de teléfono e chamei ao de Patricia, quen contestou axiña e calmou nuns minutos de conversa o noso abatemento e as nosas dúbidas.

Comezamos a ir ás reunións semanais e todo foi mesmo mellor do que xa sabiamos por outras persoas que ía ser. En Bico atopamos non só información e apoio, senón tamén unha deliciosa acollida e a sensación de estar nun lugar e cunhas persoas que entendían o idioma que nós falabamos intuitivamente, pero no que elas eran verdadeiras expertas.

En Bico recibimos moito de Patricia (que sensación ao enterarme que cambiou de póla … ), de Esther e de Raquel. E ademais, tamén recibimos o apoio de todas, porque o esforzo común nótase. Mesmo un día lembramos outra nai e eu a Chus, da que eu descoñecía que fose biqueira. Tivemos a sorte de que nos tocase en planta na “Residencia”, e falamos da súa profesionalidade, de cómo se ofreceu a axudarnos e de cánto nos aportou… cómo non ía ser biqueira!

Así que a todas vós, moitas grazas e moito ánimo na vosa andaina. Sabede que o voso tempo e a vosa entrega fan que moitas e moitos aprendamos con vós e que sexamos máis conscientes dos nosos pasos, o cal nos fai moi felices. E se hai algo que conmove especialmente é ver cómo recibides ás novas nais e pais que se achegan a Bico de Leite coas súas nenas e nenos: sempre coa misma atención, co mesmo agarimo e coa mesma dedicación que eu percibín.

Para as biqueiras, moitos bicos.

B.

jueves, 8 de marzo de 2012

No Día da muller

ducha

Pola auténtica promoción do aleitamento e do vínculo...

Pola visibilización e revalorización do labor de coidar...

Pola auténtica conciliación entre familia e traballo remunerado...

... Seguiremos loitando. 

BO DÍA A TODAS!

sábado, 3 de marzo de 2012

Elimar

elimar

Eses días no hospital, malia a cesárea, foinos ben coa lactancia.
Tamén sobrevivemos cando o bebé comezou xogar nas tomas e por mor do mal agarre ocasionoume fendas.
Mais segundo pasaban os días, todas esas historias de que o coleito era algo moi malo facíanme insistir en que o bebé durmise no berce.
Dormía pouco, choraba deseguido. O cansanzo facíame escoitar o son de vidros molidos na testa. Pasaba todo o día a soas co peque. O bebé durmía e eu corría curarme a ferida da cesárea, prepararme a comida, lavar e secar a roupa e pasar a vasoira.
Entón o bebé espertaba para porse 5 minutos ao peito, o xusto para desencadear o reflexo de baixada, e volvía durmir sobre min. Deixábame os peitos doridos e repletos. O meu sacaleites manual estragouse ás dúas semanas.
Un día sentinme con febre. Fun ao médico temendo infección nun punto da sutura. Era unha obstrución na mama esquerda. Receitáronme antibióticos. A pediatra mandoume suspender o aleitamento polo “peito malo”.
O leite empezou diminuír. O bebé intentaba pegarse e choraba. Démoslle leite artificial e tampouco o quería. Pasaba até 6 horas sen comer. Tiña mes e medio.
Eu só sabía que quería recuperar a lactancia como ao comezo. “Ti dalle o biberón, se logo non quere o peito non pasa nada, segues a darlle fórmula”, dicíame a pediatra. Eu choraba. O bebé choraba. “É que o teu leite só non o atura”, dicía miña nai. Eu choraba máis. “Polo menos conténtate de darlle ese mes e medio” dicía meu home. E a miña cuñada moi satisfeita, despois de que o bebé tomaba o biberón, dicíame: “Ves?, despois do peito daslle o biberón e así xa si que queda ben”.
- “Pero eu quixera darlle só peito alomenos até os 6 meses”
- “Iso é moi difícil” dicíame miña irmá. “Eu intenteino con meu fillo e el deixouno soíño aos 5 meses”
- “Pero tamén lle dabas biberón, non si?”. “Si, é que el quedaba con fame”
Alguén me falou dunha consultora de lactancia. Eu choraba e choraba porque quedara sen leite, porque o bebé rexeitaba o peito. Ela explicoume que iso era unha condición reversible chamada “Confusión de Pezóns”.
Seguín o tratamento, consistente en: Paciencia, Amor, Confianza e Agradecemento. En tres días Gabriel mamaba como se xamais se tivese “confundido”.
Cambieime a unha pediatra pro-lactancia (de feitos, non só de palabras, porque todos din “a lactancia é o mellor”, mais logo non se cortan á hora de receitar fórmula para que “durman mellor” ou para que “non queden con fame”).
A miña nova pediatra refiriume a un grupo de crianza pro-lactancia. Alí creei vínculos con outras mulleres coas que me identifiquei ou non, conseguín reforzo ás miñas conviccións e instintos, e malia que seguía a estar decotío soa co meu bebé, sentíame máis segura e apoiada.
Para cando ía a ter o meu segundo bebé, asegureime de ter axuda doméstica contratada na casa, un bo extractor de leite, e non dubidaba de que ía coleitar todo o que fose necesario se iso me axudaba a durmir mellor e ter máis disponibilidade para o bebé (agora sei que o coleito é moito, moito máis ca durmir mellor).
E malia que non volvín ter grandes problemas coa lactancia, asegureime de pertencer a un grupo ao que puidese acudir. E así tamén poder compartir a miña experiencia.