sábado, 17 de marzo de 2012
Unha carta
Benqueridas biqueiras:
Hai tempo que desexaba enviar unhas palabriñas de agradecemento para todas vós e algunha apertiña individualizada, con permiso de todas… E é que me gustaría deixar constancia do ben que me sentín en Bico de Leite cando tiven ocasión de recibir a vosa acollida, a axuda, o apoio, a información, os sorrisos, … todo esto que tanto nos enriqueceu a Martiño e a min.
A nosa entrada en Bico de Leite foi aos poucos días de ter él nacido. Martiño tiña apenas dúas semanas e un día, ben pasadas as 10 da noite, despois de botar chorando toda a tarde sen consolo posible, mamando e vomitando todo o tempo, decidinme a chamar. Abrín o blog de Bico de leite, vin os números de teléfono e chamei ao de Patricia, quen contestou axiña e calmou nuns minutos de conversa o noso abatemento e as nosas dúbidas.
Comezamos a ir ás reunións semanais e todo foi mesmo mellor do que xa sabiamos por outras persoas que ía ser. En Bico atopamos non só información e apoio, senón tamén unha deliciosa acollida e a sensación de estar nun lugar e cunhas persoas que entendían o idioma que nós falabamos intuitivamente, pero no que elas eran verdadeiras expertas.
En Bico recibimos moito de Patricia (que sensación ao enterarme que cambiou de póla … ), de Esther e de Raquel. E ademais, tamén recibimos o apoio de todas, porque o esforzo común nótase. Mesmo un día lembramos outra nai e eu a Chus, da que eu descoñecía que fose biqueira. Tivemos a sorte de que nos tocase en planta na “Residencia”, e falamos da súa profesionalidade, de cómo se ofreceu a axudarnos e de cánto nos aportou… cómo non ía ser biqueira!
Así que a todas vós, moitas grazas e moito ánimo na vosa andaina. Sabede que o voso tempo e a vosa entrega fan que moitas e moitos aprendamos con vós e que sexamos máis conscientes dos nosos pasos, o cal nos fai moi felices. E se hai algo que conmove especialmente é ver cómo recibides ás novas nais e pais que se achegan a Bico de Leite coas súas nenas e nenos: sempre coa misma atención, co mesmo agarimo e coa mesma dedicación que eu percibín.
Para as biqueiras, moitos bicos.
B.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario