sábado, 3 de marzo de 2012

Elimar

elimar

Eses días no hospital, malia a cesárea, foinos ben coa lactancia.
Tamén sobrevivemos cando o bebé comezou xogar nas tomas e por mor do mal agarre ocasionoume fendas.
Mais segundo pasaban os días, todas esas historias de que o coleito era algo moi malo facíanme insistir en que o bebé durmise no berce.
Dormía pouco, choraba deseguido. O cansanzo facíame escoitar o son de vidros molidos na testa. Pasaba todo o día a soas co peque. O bebé durmía e eu corría curarme a ferida da cesárea, prepararme a comida, lavar e secar a roupa e pasar a vasoira.
Entón o bebé espertaba para porse 5 minutos ao peito, o xusto para desencadear o reflexo de baixada, e volvía durmir sobre min. Deixábame os peitos doridos e repletos. O meu sacaleites manual estragouse ás dúas semanas.
Un día sentinme con febre. Fun ao médico temendo infección nun punto da sutura. Era unha obstrución na mama esquerda. Receitáronme antibióticos. A pediatra mandoume suspender o aleitamento polo “peito malo”.
O leite empezou diminuír. O bebé intentaba pegarse e choraba. Démoslle leite artificial e tampouco o quería. Pasaba até 6 horas sen comer. Tiña mes e medio.
Eu só sabía que quería recuperar a lactancia como ao comezo. “Ti dalle o biberón, se logo non quere o peito non pasa nada, segues a darlle fórmula”, dicíame a pediatra. Eu choraba. O bebé choraba. “É que o teu leite só non o atura”, dicía miña nai. Eu choraba máis. “Polo menos conténtate de darlle ese mes e medio” dicía meu home. E a miña cuñada moi satisfeita, despois de que o bebé tomaba o biberón, dicíame: “Ves?, despois do peito daslle o biberón e así xa si que queda ben”.
- “Pero eu quixera darlle só peito alomenos até os 6 meses”
- “Iso é moi difícil” dicíame miña irmá. “Eu intenteino con meu fillo e el deixouno soíño aos 5 meses”
- “Pero tamén lle dabas biberón, non si?”. “Si, é que el quedaba con fame”
Alguén me falou dunha consultora de lactancia. Eu choraba e choraba porque quedara sen leite, porque o bebé rexeitaba o peito. Ela explicoume que iso era unha condición reversible chamada “Confusión de Pezóns”.
Seguín o tratamento, consistente en: Paciencia, Amor, Confianza e Agradecemento. En tres días Gabriel mamaba como se xamais se tivese “confundido”.
Cambieime a unha pediatra pro-lactancia (de feitos, non só de palabras, porque todos din “a lactancia é o mellor”, mais logo non se cortan á hora de receitar fórmula para que “durman mellor” ou para que “non queden con fame”).
A miña nova pediatra refiriume a un grupo de crianza pro-lactancia. Alí creei vínculos con outras mulleres coas que me identifiquei ou non, conseguín reforzo ás miñas conviccións e instintos, e malia que seguía a estar decotío soa co meu bebé, sentíame máis segura e apoiada.
Para cando ía a ter o meu segundo bebé, asegureime de ter axuda doméstica contratada na casa, un bo extractor de leite, e non dubidaba de que ía coleitar todo o que fose necesario se iso me axudaba a durmir mellor e ter máis disponibilidade para o bebé (agora sei que o coleito é moito, moito máis ca durmir mellor).
E malia que non volvín ter grandes problemas coa lactancia, asegureime de pertencer a un grupo ao que puidese acudir. E así tamén poder compartir a miña experiencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario