jueves, 21 de mayo de 2009

O código descoñecido

Coma quen escribe unha novela de misterio, vouvos falar de algo oculto, que ten grande importancia mais case ninguén coñece, e menos recoñece ou respecta.

O Código Internacional de Comercialización dos Sucedáneos de Leite Materno,” a partires de aquí O Código, foi asinado por case todos os países alá polo ano 1981 (!), na Asemblea Mundial da Saúde; os organismos internacionais decatáranse para entón, de que a expansión das grandes compañías de Nutrición Infantil especialmente en países pobres estaba provocando, non só problemas sanitarios e socioeconómicos graves, senón directamente milleiros de bebés mortos cada ano, pola única causa de tomar leite en po no canto de leite materno, un sucedáneo de calidade moi inferior, case sempre preparado e administrado en condicións pouco hixiénicas e non controladas.

el negocio de la leche

Daquela, xulgouse urxente e imprescindible poñerlles freo ás ansias expansionistas e á cobiza desmedida destas multinacionais, de maneira que non puideran facer publicidade enganosa, nin usar tácticas agresivas e inmorais para vender os seus produtos.

Nin nos países en vías de desenvolvemento, nin nos outros.

Porque hai que dicir, que aínda que no primeiro mundo os bebés non morren por tomar sucedáneos do leite materno, están igualmente expostos a unha morea de enfermidades das que estarían moito mais protexidos se tomaran o alimento orixinal, e o mesmo vale para ás súas nais.
A verdadeira epidemia de obesidade infantil nos nosos días, e o aumento significativo do cancro de mama nas mulleres, por poñer só dous exemplos, deberían facernos reflexionar ó respecto.

Lonxe de atallarse o problema coa promulgación do Código, que ademais está incorporado ás lexislacións nacionais de moitos países, incluída España, abriuse máis ben unha guerra entre as autoridades sanitarias, ou unha parte delas representada polos defensores da lactación materna (non vos enganedes, non son todos, nin moito menos), e as empresas e os seus intereses multimillonarios no asunto.

A cuestión é que o Código infrínxese cada día de forma sutil ou descarada, tanto polas propias compañías fabricantes como polos traballadores sanitarios que de forma máis ou menos consciente, con ou sen incentivos monetarios (que estas cousas para dicilas abertamente hai que poder demostralas) o certo é que promocionan marcas de leite artificial.

Exemplos disto son :
  • Publicidade gráfica de todo tipo que intenta sempre idealizar al lactación artificial, e que omite os riscos do seu emprego: Eses bonitos carteis de época de unha nai dando un biberón, que hai por exemplo nas salas de espera...
  • Mostras gratuítas repartidas ás nais, ou biberóns preparados coa marca do leite ben visible, que son repartidos en case todos os hospitais, e mesmo en Centros de Saúde.
    Infración do códigoInfración do código
    Caixa de leite 1 no Ambulatorio de Fingoi (pinchar nas fotos para ver máis detalle)
  • Cando o bebé acaba de nacer e marcha para casa, xa leva asignada na folla de alta hospitalaria unha determinada marca de leite artificial, aínda que tome leite materno; tanto ten, ben saben que case sempre acabaremos dando do outro, iso si, varían as marcas co tempo e co centro que se visite.
Todas levan o seu anaco do pastel.

O peor é que a maioría da xente non vemos nada malo nin sospeitoso en todo isto:

  • “Que ben que nos regalen as mostras, por se acaso”, cando o que tiñan que facer os responsables da saúde materno infantil é asegurarse de que a lactación materna vai funcionar e darnos toda a axuda precisa para que así sexa .
  • “Que ben, que nos digan que leite é “mellor” para o noso fillo/a”, cando de feito, por lei todos os preparados para lactantes son exactamente igual de adecuados para nutrir ós bebés, e nos hospitais van cambiando de marca periodicamente.
    Polo tanto, non vale a pena pagar máis por unha marca en concreto, e se se fai que sexa unha libre elección, non como unha prescrición facultativa porque non ten ningún sentido.
  • “Claro, como case ningunha nai ten leite dabondo para o seu fillo”, isto non é así, a meirande parte das mulleres temos todo o leite que precisan os nosos fillos, só precisamos que non nos poñan trabas e que nos dean o alento e o apoio necesario para poder aleitar en exclusiva con éxito. Non precisamos mostras de leite artificial.

Xa vos digo que o Código é descoñecido. Coma case sempre os poderosos gañan, e nin sequera parecen facer nada dubidoso.

Para máis información sobre o código: IBFAN Vixiancia do Código
Ademáis dende a Federación Galega (FEDEGALMA) estase traballando sobre as infraccións na nosa comunidade, se tes algún exemplo ou algunha proba para denunciar fáinolo saber a nós (bicodeleite@yahoo.es) ou ben o enderezo da federación (fedegalma@fedegalma.org)

Patricia

No hay comentarios:

Publicar un comentario