martes, 29 de noviembre de 2011

Pequeno cambio de horario

O obradoiro de porteo será este sábado de 11.15 a 12.45, perdoade as molestias...
Bicos de leite

sábado, 26 de noviembre de 2011

Obradoiro de portabebés

boneca porteadora

O sábado 3 de decembro de 11.30 a 13.30 no Centro Lug2 teremos un obradoiro de porteo, impartido novamente por Bea de Serdoulas, unha auténtica experta no tema.
Velaquí o programa: 
-Falaremos dos beneficios de levar así a nosos fillos e a nosas fillas
-Probaremos os distintos tipos de portabebés 
-Resolveremos as vosas dúbidas
Lembrade que esta actividade é de balde para persoas asociadas e custa só 5€ para as demais.
Se vos interesa, inscribídevos xa en bicodeleite@yahoo.es...

Agardámosvos!!!

lunes, 21 de noviembre de 2011

Apoio a Preescolar na casa

Nós, a asociación Bico de leite, queremos manifestar o noso apoio á Fundación Preescolar na casa e animámosvos a participar nos vindeiros actos en prol da súa continuidade:

- Recollida de firmas (podedes asinala aquí)
- Manifestación este sábado 26 de novembro en Lugo, que sairá ás 12h da praza do Ferrol, primeira sede do devandito proxecto, e irá até a praza da estatua de Antonio Gandoy, o seu fundador.

Grazas pola vosa colaboración!

Seguiremos informando...  

sábado, 19 de noviembre de 2011

Reunión temática de novembro

ac

O venres 25 de novembro de 17 a 19h no Centro Lug2 (r/ Pintor Corredoira 4) teremos a nosa xuntanza temática mensual, que esta vez tratará sobre ALIMENTACIÓN COMPLEMENTARIA.
Aos bebés alimentados con lactación materna exclusiva comezarán ofrecérselles outros alimentos cando cumpran 6 meses, se ben o aleitamento debería durar, segundo a OMS, até os 2 anos como mínimo.
Para iniciar este ofrecemento doutros alimentos cómpre:
-que o bebé se teña sentado,
-que perdera o reflexo de extrusión (é dicir, que manteña o alimento na boca), 
-que amose curiosidade por outros alimentos,
-que saiba dicir non (con palabras ou xestos) -para que cando exprese este rexeitamento, respectemos a súa decisión e non o forcemos a comer.

Para máis información:

Relatorio de Carlos González
Recomendacións da Unión europea
Información sobre alimentación complementaria a demanda

Na reunión intercambiaremos experiencias neste tema e tamén resolveremos as dúbidas sobre lactancia que nos plantexedes.

Vide compartir a tarde do venres connosco!

jueves, 17 de noviembre de 2011

martes, 15 de noviembre de 2011

A inhibición farmacolóxica da lactancia

cabergolina

Existe unha situación na que tomar as pílulas para cortar o leite é unha boa opción e estas están indicadas: cando a muller vén de ter o seu bebé hai poucas horas e NON quere iniciar o aleitamento materno. Neste caso a cabergolina, que é o fármaco mais utilizado hoxe en día con este fin, causa unha redución brusca do nivel de prolactina en sangue e (na meirande parte dos casos, aínda que non sempre) evita a subida do leite.
Así e todo, cómpre sinalar que:
- Este medicamento non está exento de riscos, e a miúdo causa efectos secundarios como mareos, vómitos, cefaleas e hipotensión. Se cadra, estos efectos adoitan atribuírse ao posparto inmediato e confúndense coa "normalidade" sen ser tal. 
- Toda muller debería ser ben informada, a priori e con tempo, dos posibles riscos de tomar esa medicación, así como do perigo para a saúde que significa suprimir a lactancia, a curto e a longo prazo, para ela e o seu bebé.
Lamentablemente, son moitas outras as circunstancias en que este fármaco é prescrito para ás nais, co suposto fin de suprimir a lactancia pero con dudoso éxito.
Hai que ter en conta que, unha vez trascorridas as primeiras semanas tralo parto, os niveis de prolactina van volvendo naturalmente á normalidade e a produción de leite é regulada pola sución do bebé e polo propio baleiramento do peito, de xeito que baixar os niveis de prolactina hipofisaria ten pouco ou ningún efecto sobre a función da glándula mamaria, e sobre a lactancia en sí mesma.
Todo isto vén significar que as devanditas pastillas non van causar o efecto desexado de "cortar o leite" (aínda que si poden ter os outros efectos secundarios, e case sempre baixan a producción nalgunha medida).
Con demasiada frecuencia, as nais atópanse con ingurxitacións e dor por simple acumulación de leite despois de tomaren as pastillas que supostamente lles ían  "quitar o leite" e non fixeron tal.
Situacións típicas deste tipo son:
 -Mastites: nestes casos confiar nas pastillas é especialmente perigoso, xa que é  preciso manter o aleitamento para seguir extraendo o leite do peito e curar así o proceso, evitando a formación de abscesos. Isto engadido a que a medicación vén seguida da indicación estricta de "non aleitar".
- Destetes repentinos: sinxelamente para  deixar de amamantar "aquí e agora" por mil e un motivos, xustificados ou non, adóitase receitar cabergolina, coa idea de que ao tomala o leite desaparecerá inmediatamente sen maior complicación... Véndose entón as nais na anterior tesitura de peitos ingurxitados e risco de mastitis, xunto con posibles efectos secundarios, ademais de sentirse loxicamente confusas e desorientadas co que aconteceu... que foi contrario ás súas expectativas... 
Co tempo, o leite acaba por marchar, pero do mesmo xeito que marcharía por falta de succión e de estímulo en varios días ou semanas e sen tomar o fármaco.
Lembremos que destetar é un proceso que se debería facer sempre de xeito progresivo, que non precisa de medicación algunha e, sobre todo, que é unha decisión que a nai debe tomar libremente despois de ser correctamente informada de todas as opcións posibles e das implicacións que pode ter a súa decisión para ela e o seu bebé.

Patricia
IBCLC

viernes, 11 de noviembre de 2011

Traballando arreo

Belén o pasado sábado impartindo o obradoiro de masaxe infantil...

Na prensa local

obradoiro masaxe 2011

Patricia o luns inaugurando a exposición fotográfica no Centro social Uxío Novoneyra...
(fonte: La Voz de Galicia; autor: Pradero)

Na prensa local

patri expo un

Esther hoxe falando do aleitamento materno ao alumnado do Ciclo de educación infantil do Politécnico...

esther en fp;)

jueves, 10 de noviembre de 2011

De compras

Lembrámosvos as cousas que podedes mercar nas nosas reunións...

-Libro "Cinco anos de Bicos... de leite" (consultas de lactancia): 10€
-Libro "Pel con pel" (fotografías e poemas): 12€
-Boletos para o noso sorteo de Nadal: 3€
-Lotería de Nadal: 5€ -mirade que número máis bonito!;)


lotería

... E os fins aos que se destina a recadación (artigo 2 dos nosos estatutos):
 
1) Reunir a futuras nais, mulleres embarazadas, nais lactantes ou que o foran, e a persoas interesadas na lactancia materna.

2) Proporcionar información e apoio ás mulleres que desexen disfrutar dunha lactancia materna exitosa, a través da organización de grupos de apoio, constituídos fundamentalmente por nais en distintos puntos da provincia de Lugo.

3) Protexer, promover e apoiar a lactancia materna divulgando a súa importancia en todos os ámbitos da sociedade,(familias, profesionais sanitarios, educadores, outros estamentos interesados e medios de comunicación), mediante distintas iniciativas de sensibilización e normalización, cooperando, así mesmo, con outras organizacións de fins semellantes.

4) Defender o dereito de todas as mulleres a amamantar os seus fillos/as tanto tempo como desexen e a recibir todo o apoio social e profesional para acadalo.

5) Informar ás mulleres sobre os seus dereitos laborais en período de lactancia, velar polo seu cumprimento e loitar pola homologación no ámbito europeo en cuestións como permiso por maternidade, axudas económicas, apoios institucionais, etc...Loitando así pola conciliación laboral e familiar e promovendo a igualdade de xénero conforme prevé o artigo 9.2 da Constitución Española.

6) Difundir información sobre a existencia de grupos de apoio á lactancia materna entre a poboación da provincia de Lugo (obxectivo recollido no tratado conxunto elaborado en 1989 pola OMS e UNICEF, Iniciativa Hospital Amigo dos Nenos)

7) Protexer os intereses e dereitos das nais no ámbito sanitario e social, defendendo os cambios normativos necesarios para facilitar o desenvolvemento da lactancia como son:

a) Dereito da muller a estar en compañía da súa parella ou doutra persoa de confianza durante todas as fases do parto.

b) Dereito a unha atención sanitaria máis respectuosa durante o parto, no que a muller poda poñer ao seu fillo/a ao peito nada máis nacer, favorecendo deste xeito o vínculo nai-fillo/a e o inicio exitoso da lactancia.

c) Dereito a ser informada, apoiada e respectada durante o periodo de embarazo e lactancia.

d) Dereito da nai de permanecer co seu fillo/a en caso de hospitalización de calquera dos dous, especialmente durante a lactancia.

e) Dereito a continuar coa lactancia materna unha vez reiniciada a actividade laboral, reivindicando o permiso de maternidade de 6 meses, as reducións de xornada laboral, excedencias pagadas e incremento de prazas de garderías públicas cercanas aos centros de traballo.

8) Promover a sensibilización da directiva e persoal dos servizos sanitarios para que os intereses das nais sexan defendidos na práctica diaria tal como se recolle no Plan Integral de Atención Sanitaria e Social da Muller do Sergas.


Grazas pola vosa colaboración!
                  

sábado, 5 de noviembre de 2011

Exposición no Uxío Novoneyra

expo hula

A nosa exposición fotográfica segue a viaxar...

Tralo seu paso polo Centro Cenima de Foz, a Casa da cultura de Burela e o hall do Hospital Lucus Augusti, agora podedes ver as fermosas fotos do concurso de Fedegalma do 2009, acompañadas de textos escritos polas socias de Bico de leite, no Centro social Uxío Novoneyra (r/ Quiroga Ballesteros, s/n).

Alí estará do 8 ao 30 de novembro, de luns a venres, de 16 a 21h.

Se aínda non a vistes... esta é a vosa oportunidade;)

E aproveitamos para convidarvos ao acto de inauguración, que terá lugar este luns 7 ás 19h, así como para agradecer ao Concello a súa colaboración.

Cartaz

jueves, 3 de noviembre de 2011

Patricia, IBCLC

última

No verán a nosa Patricia escribiu un fermoso texto, inspirado nesta foto da derradeira toma do seu terceiro fillo...

UN ANO DESPOIS DO DESTETE

Hoxe o meu fillo pequeno cumpre 6 anos e hoxe hai un ano que nos destetamos.
Un longo camiño percorrido que empezou aínda moito antes... se cadra xa cando que eu mesma fun aleitada pola miña nai, e mais aínda dende que lin os primeiros contos onde se falaba da teta e saían unhas fermosas ilustracións que así sen decatarme, posiblemente marcaron o meu camiño para sempre.
Podo dicir sen temor a trabucarme que a lactancia cambiou a miña vida.
Lembro con nitidez a primeira toma do meu fillo maior, esa naturalidade coa que se prendeu ó peito e mamou sen máis, sen dor, sen incomodidades, tan sinxela e directamente, chegoume ó corazón.
Logo, veu a súa irmá e con ela o meu mundo empezou a medrar de verdade; comecei a aprender mais sobre a lactancia e sobre crianza. Todo cobrou un novo sentido para min... unha nova vocación tomaba forma na miña mente e nas miñas entrañas...
Cando o meu terceiro pequeno entrou na escena, xa tiña eu bastante claro que quería tratar con outras nais para axudalas no posible a vivir as súas lactancias tan ben como eu vivía as miñas.
Aínda non sabía daquela canto mais me ían aprender a min esas outras nais, e canto sairía eu gañando nestas entrañables relacións entre iguais, tan variadas como o é a propia humanidade.
O universo puxo no meu camiño a Bico de Leite, o meu benquerido grupo de lactancia, e xa nada tivo volta atrás.
Paso horas e horas lendo sobre lactación, falando con nais, ás veces con pais ou profesionais, mirando incansable a pantalla do ordenador e absorbendo como unha esponxa toda a información posible sobre o aparentemente inacabable tema da teta...
Que terá tanto que falar este asunto?
Que será tan apaixonante no simple feito de que unha muller alimente a un neno? O normal.
Non sei, se cadra hai cousas na vida tan interesantes; mais eu vexo nesto un compendio de todas as ciencias e as artes do mundo.
A lactancia é  un percorrido pola embrioloxía e a anatomía, a xestación e o nacemento, a neonatoloxía, a pediatría, a xinecoloxía, a endocrinoloxía, a psicoloxía, a socioloxía e a historia.
A lactancia é unha función fisiolóxica, é un feito médico, é tamén un acto social, é unha maneira de relacionarse e mais é unha forma de autocoñecemento.
Aleitar é nutrir o corpo mais é un acto de amor. A teta é a poesía e a ciencia a un tempo.
Pouco mais se lle pode pedir … Ou non?
Hai poucas semanas que me presentei a un exame de certificación internacional como consultora de lactancia...  Que vos parece? isto da teta tamén é unha profesión!
Hoxe, que vai un ano da derradeira toma do meu último fillo, a lactancia para min segue sendo un camiño cheo de futuro...
Porque dar a teta é só o principio do principio, pouco hai mais marabilloso que (como os bebés) ter aínda toda a vida por diante.


(orixinalmente publicado no blog A falar da teta do grupo de apoio Alma)

... E hoxe temos a honra de anunciar que Patricia, presidenta e asesora de Bico de leite... XA É IBCLC (consultora certificada de lactación materna)! Aquí podedes ler máis sobre este título, que no noso país só ostentan unhas 50 persoas...

En nome de todas as biqueiras... Moitos parabéns Patri!!!