jueves, 3 de noviembre de 2011

Patricia, IBCLC

última

No verán a nosa Patricia escribiu un fermoso texto, inspirado nesta foto da derradeira toma do seu terceiro fillo...

UN ANO DESPOIS DO DESTETE

Hoxe o meu fillo pequeno cumpre 6 anos e hoxe hai un ano que nos destetamos.
Un longo camiño percorrido que empezou aínda moito antes... se cadra xa cando que eu mesma fun aleitada pola miña nai, e mais aínda dende que lin os primeiros contos onde se falaba da teta e saían unhas fermosas ilustracións que así sen decatarme, posiblemente marcaron o meu camiño para sempre.
Podo dicir sen temor a trabucarme que a lactancia cambiou a miña vida.
Lembro con nitidez a primeira toma do meu fillo maior, esa naturalidade coa que se prendeu ó peito e mamou sen máis, sen dor, sen incomodidades, tan sinxela e directamente, chegoume ó corazón.
Logo, veu a súa irmá e con ela o meu mundo empezou a medrar de verdade; comecei a aprender mais sobre a lactancia e sobre crianza. Todo cobrou un novo sentido para min... unha nova vocación tomaba forma na miña mente e nas miñas entrañas...
Cando o meu terceiro pequeno entrou na escena, xa tiña eu bastante claro que quería tratar con outras nais para axudalas no posible a vivir as súas lactancias tan ben como eu vivía as miñas.
Aínda non sabía daquela canto mais me ían aprender a min esas outras nais, e canto sairía eu gañando nestas entrañables relacións entre iguais, tan variadas como o é a propia humanidade.
O universo puxo no meu camiño a Bico de Leite, o meu benquerido grupo de lactancia, e xa nada tivo volta atrás.
Paso horas e horas lendo sobre lactación, falando con nais, ás veces con pais ou profesionais, mirando incansable a pantalla do ordenador e absorbendo como unha esponxa toda a información posible sobre o aparentemente inacabable tema da teta...
Que terá tanto que falar este asunto?
Que será tan apaixonante no simple feito de que unha muller alimente a un neno? O normal.
Non sei, se cadra hai cousas na vida tan interesantes; mais eu vexo nesto un compendio de todas as ciencias e as artes do mundo.
A lactancia é  un percorrido pola embrioloxía e a anatomía, a xestación e o nacemento, a neonatoloxía, a pediatría, a xinecoloxía, a endocrinoloxía, a psicoloxía, a socioloxía e a historia.
A lactancia é unha función fisiolóxica, é un feito médico, é tamén un acto social, é unha maneira de relacionarse e mais é unha forma de autocoñecemento.
Aleitar é nutrir o corpo mais é un acto de amor. A teta é a poesía e a ciencia a un tempo.
Pouco mais se lle pode pedir … Ou non?
Hai poucas semanas que me presentei a un exame de certificación internacional como consultora de lactancia...  Que vos parece? isto da teta tamén é unha profesión!
Hoxe, que vai un ano da derradeira toma do meu último fillo, a lactancia para min segue sendo un camiño cheo de futuro...
Porque dar a teta é só o principio do principio, pouco hai mais marabilloso que (como os bebés) ter aínda toda a vida por diante.


(orixinalmente publicado no blog A falar da teta do grupo de apoio Alma)

... E hoxe temos a honra de anunciar que Patricia, presidenta e asesora de Bico de leite... XA É IBCLC (consultora certificada de lactación materna)! Aquí podedes ler máis sobre este título, que no noso país só ostentan unhas 50 persoas...

En nome de todas as biqueiras... Moitos parabéns Patri!!!

1 comentario: