jueves, 30 de junio de 2011

Bo verán!

smlm 2009 lugo

Grazas, de corazón, por lernos, por comentar no Facebook, por apoiarnos...

Esperamos que gocedes das vacacións cos vosos peques!

NOTA: Lembrade que en xullo e agosto nos reuniremos na AULA DE EDUCACIÓN MATERNAL (r/ Doutor García Portela 11-baixo). En setembro volveremos xuntarnos no Centro Lug II...

martes, 28 de junio de 2011

De festa

Como sabedes, o venres celebramos o comezo do verán cunha pequena merenda. Esta vez esquecimos a cámara:( mais Sebas Senande cedeunos amablemente esta foto (graciñas!), para que vexades o ben que o pasamos;)

merenda fin de curso 2011 por Sebas Senande

viernes, 24 de junio de 2011

Para ler ou agasallar...

portada definitiva

Por se precisades unha lectura para o verán... lembrámosvos que segue à venda o noso libro, "Cinco anos de Bicos... de leite", no que recollemos unha selección das consultas que contestamos por mail nos primeiros cinco anos de traxectoria da nosa asociación, clasificadas por temas. Podedes adquirilo nas nosas xuntanzas a un prezo de 10 euros e a recadación destinarase ás nosas actividades de promoción da lactación materna. Tamén o atoparedes en:
- Burela: Comercial Auma (libraría da igrexa) 
- Foz: Libraría Ofifoz (avenida da Mariña 46) 
- Lugo: Libraría Trama (avenida da Coruña 21)
Moitas grazas!

lunes, 20 de junio de 2011

Cousas que nos din ás nais lactantes...

Este pareceunos un tema interesante... Velaquí algúns exemplos:

Aínda tés leite?
Aínda lle dás a teta?/Até cando lle vas dar a teta? 
Tes que comer/beber moito máis


Ocórrensenos moitas máis frases, mais preferimos que participedes as nais que nos estades a ler... Contádenos, que comentarios sobre a lactación atopades absurdos?
 

viernes, 17 de junio de 2011

Festa de fin de curso

11032011-IMG_1157

O vindeiro venres 24 de 17 a 19h no noso local do Centro Lug II teremos a nosa festa-merendola de fin de curso!
Polo tanto, non daremos charla temática, simplemente falaremos das vosas dúbidas sobre lactación materna... e do que xurda;)
Socias, usuarias, amigas de Bico de leite... encantaríanos que viñésedes pasar un bo rato connosco, acompañadas das vosas parellas, dos vosos nenos e das vosas nenas... e de quen vos apeteza.
E aproveitamos para darvos tres avisos relativos ás nosas xuntanzas en xullo e agosto:
1- Non gozaremos do obradoiro da Tradescola - Mónica descansará de nós até setembro, que ben o merece;)
2- Non teremos reunións temáticas
3- Seguirémonos reunindo todos os venres, mais estes dous meses pecha o Centro Lug II, así que farémolo no noso antigo local, na AULA DE EDUCACIÓN MATERNAL (r/ Doutor García Portela 11-baixo). Agradecémosvos a difusión deste cambio de última hora entre as persoas interesadas.

Vémonos, non si?;)

miércoles, 15 de junio de 2011

Lactancia e celiaquía



A enfermidade celíaca é un desorde autoinmune desencadeado pola inxesta de gluten de trigo e proteínas relacionadas da cebada e do centeo por persoas xeneticamente susceptíbeis.
Dunha banda, xa nos anos 50 descubriuse que o aleitamento materno adía a aparición desta doenza, tese confirmada por estudos posteriores.
Doutra banda, no 2002 comprobouse que a lactación materna tén un efecto protector fronte á celiaquía, se os bebés son aleitados ao tempo da introdución de alimentos con gluten, se ben as causas deste fenómeno seguen a indagarse.     
Arestora sabemos, en definitiva, que esta doenza é máis frecuente nos bebés que foron alimentados con leite artificial: se o bebé inxire gluten e foi aleitado polo menos 3 meses, o risco de padecer celiaquía cae drasticamente (63%).

domingo, 12 de junio de 2011

Así foi o noso obradoiro de porteo

la foto(1)

la foto

Velaquí un resumo do que aprendemos coa Marta:

- Primeiro explicounos os beneficios de levar así aos nosos fillos e ás nosas fillas...
. Dá confianza tanto ao bebé coma á persoa que o portea
. Favorece o sono e mais a saúde do bebé
. Facilita o aleitamento
. Permite facer outras tarefas sen desatender ao bebé
. Porteando non existen barreras arquitectónicas

- Logo vemos (e probamos) os seguintes tipos de portabebés...
. Fulares (elástico, semielástico e tecido)
. Bandolera
. Meitai
. Mochila ergonómica

Se queredes saber máis, aquí podedes consultar a guía da Rede Canguro... mais agora vexamos unhas fotos da parte práctica do obradoiro;)

Foto0070

Foto0075

Foto0077

MIL GRAZAS...
... á Marta (quedamos encantadas contigo!) -e á súa tía, que coidou da pequena Julia;)
... aos medios de comunicación que difundiron esta actividade
... ás estupendas organizadoras  
... e, por suposto, ás persoas que asististes e participastes no obradoiro!

viernes, 10 de junio de 2011

Lactancia e dieta vexetariana

vexetarianismo

Velaquí as recomendacións de Julio Basulto neste tema:
1- Ter unha dieta variada, consumindo a menor cantidade posíbel de alimentos superfluos con pouco valor nutricional e priorizando o consumo de integrais, aceite de oliva, froitas, verduras, legumes e froitos secos.
2- Suplementar con vitamina B12, ben a partir de alimentos enriquecidos, ben a partir de suplementos.
3- Utilizar sal iodada e inxerir diariamente un suplemento de 200 microgramos de iodo.
4- Expoñerse ao sol de xeito moderado mais habitual, coa finalidade de sintetizar vitamina D.
5- Non abusar das algas, cuxo exceso de iodo podería prexudicar ao bebé ou á nai.

viernes, 3 de junio de 2011

Lactancia de prematuros

Ponte en su piel (imagen cedida por Cristina Méndez)

A lactación materna adáptase perfectamente ás necesidades nutricionais e emocionais dos bebés prematuros. 
En canto ás primeiras, o leite materno é moi dixestíbel, específico da especie humana e protexe ao bebé fronte á enterocolite necrosante e ás infeccións nocosomiais, entre outras doenzas.
En canto ás segundas, cómpre ter en conta que o ideal sería que o hemisferio dereito (regulador das emocións) se desenvolvese no ventre materno, así que o bebé prematuro debe atoparse o máximo tempo posíbel en circunstancias semellantes ás da xestación (exteroxestación), o que implica lactación materna a demanda e contacto pel con pel. Así se garante o establecemento da relación de apego.
A separación precoz do recén nacido e a súa alimentación con leite de fórmula poñen en grave risco a súa saúde
Coa finalidade de alertar disto, dúas asociacións que loitan por un nacemento respectado organizaron un cine-fórum para o vindeiro martes 7 de xuño. En Lugo celebrarase ás 18h no Salón de actos do Centro social Maruja Mallo (carril das Hortas s/n). Velaquí máis información sobre esta interesante iniciativa:
Tríptico
Vídeo promocional
    

miércoles, 1 de junio de 2011

Obradoiro de porteo na Mariña

porteo

Para o sábado 11 de xuño organizamos un obradoiro de portabebés, que correrá a cargo da nosa amiga Marta, asesora de porteo, que nos explicará os beneficios de levar así a nosas fillas e a nosos fillos, os diferentes tipos de portabebés, cómo colocalos... e resolverá as nosas dúbidas neste tema.
Será ás 11h na Casa da Cultura de Burela.
Coma sempre, a entrada é libre e gratuíta, e os nenos e as nenas son benvidos.

Agardámosvos!!

Cartaz