lunes, 30 de mayo de 2011

Foto do obradoiro de primavera

Foto0274

Este sábado 28 aprendemos moito no relatorio-obradoiro de autoestima.
Moitas grazas ás persoas que asististes a el e, en especial, a Carmen, por colaborar connosco!

sábado, 28 de mayo de 2011

Lactancia de múltiples II: unha experiencia

Nesta segunda e derradeira entrega, a asesora Gema Cárcamo González, cofundadora e presidenta de Multilacta e nai de dúas parellas de xemelgos aleitados, fálanos de cómo o viviu...

Son nai de dúas parellas de xemelgos aleitados de 6 e 10 anos respectivamente. Tiven sorte coa miña lactancia materna, sempre tiven confianza cega nas miñas capacidades coma nai humana, portadora de mamas. Son coma calquera mamífero. Teño dous peitos para alimentar aos meus fillos. E de momento funcionaron moi ben.

Cando estaba embarazada dos maiores tiña unha inmensa ilusión por aleitalos. Coma calquera das nais na miña situación, tiven inquietudes que tentei de resolver con información. Daquela eu non tiña internet, unha ferramenta que hoxe é de grande axuda para moitas nais coma min, onde la falla de loxística pode traerche graves problemas, entre outros, deixarte desamparada ao non poder acudir a un grupo de apoio.

Así e todo, tiña a axuda dos libros. Eu merquei El gran libro de los gemelos, de Coks Feenstra, e, malia que a súa primeira edición non era moi extensa con respecto á lactación materna, todas aquelas figuriñas de mamás aleitando asemade motivábanme aínda máis. Este libro ensinoume os pormenores dos nenos nados de partos múltiples e grazas a el fun consciente do que me podía pasar e que me pasou.

Los maiores naceron con 37 semanas de xestación, maduriños mais pequenos. Entre eles había unha diferenza de case un kilo. O máis más pequeno pesou 1.595 gramos e o maior, aínda con bo peso, colleu unha infección polo longo tempo que estivo coa bolsa rota e porque ademais foi monitorizado por vía cefálica. Separáronme dos meus nenos e estiven 24 horas sen poder erguerme porque tiña unha cesárea.

Ninguén me preguntou se quería aleitar eninguén me animou a sacarme leite nesas 24 horas. Eu sentíame moi triste, a mamá a carón meu tiña un fermoso bebé e eu que tiña dous, non tiña ningún. Ás 24 horas ninguén me agardaba en Neonados, senón non me explico por qué non agardaron para que aleitase aos meus nenos. Cando os coñecín foi todo moi frío, aínda non podo crer que a emoción que pensaba tería non era o que finalmente sentín.

Mais o primeiro que si quixen facer foi collelos e aleitalos. Como Roberto xa tiña unha mamadeira de leite de fórmula dentro e o meu pequeniño estaba na incubadora e non podían sacalo, quedei desinflada. Púxenme tan pesada que me dixeron que pedise un sacaleites no control de puérperas, e déronme sacaleites de embude co que logrei sacar un vaso duns 180 ml en toda la noite. Digo que foi nun vaso porque ninguén me deu nada para recoller o leite, e á mañá seguinte obrigáronme a tirar o leite polo retrete, así que foi frustrante.

Volvín baixar ver aos meus fillos e aleitei ao meirande, que se colleu ao peito deseguido coma un campión. Mais ao máis pequeniño seguiron sen sacalo. Ninguén coñecía o método nai canguro (outubro do 2000). Fun facendo así, mais negueime a tirar co leite de novo, así que baixaba sacarma mesmo de madrugada, malia que me rifaban por facelo, porque tiña que descansar.

Déronme a alta só a min e quedaron alí os nenos. Aluguei un sacaleites e sacábame leite para levarlles aos meus nenos. Ao pouco tempo déronme ao maior, mais o máis pequeno chegou estar ingresado 21 días. Iso si, cando tiven a oportunidade enganei á enfermeira e díxenlle que aleitaba directamente ao meu pequeno. Prendeuse dunha forma sen igual. Tiven algunha fendiña que cedeu soa, debido á práctica do meniño.

O meu único erro foi comparar aos meus nenos cos dos demais. Así fixen a maior parte da lactación diferida, porque a miña veciña dáballe ao seu neno unha cantidade x de leite artificial, que eu case lles obrigaba a tomar. E criáronse divinamente, mais aínda me parecía pouco. Unha mastite deu ao traste coa miña lactancia, xa que non souben tratala e destetei con cinco meses e medio. A partires de entón os meus fillos comezaron unha intolerancia ás proteínas do leite de vaca que ninguén soubo diagnosticar até case un ano despois. Cando tentei de relactar foi tarde, nin tiña apoio nin os bebés se enganchaban.

Cos pequenos foi todo diferente. Eu xa sabía o que era un grupo de apoio á lactación materna e me formara de xeito autodidacta. Naceron co dobre de peso ca o seu irmán maior máis pequeño e estiveron comigo ás 4 horas da miña cesárea, porque me volveron a separar deles por mor do parto. Tiven certas molestias co peito ao empezar, que arranxei cambiando aos bebés de peito e deixándoos cun peito adxudicado sen rotación.

Ás poucas semanas tiven unha mastite infecciosa, posiblemente por moitas das cousas que me ocorreran. Non sei se tivo que ver algo un frenillo dun dous nenos, do que me advirtiu unha amiga e asesora de lactancia, mais podería ser o problema, quen sabe. Co tempo e mais o tratamento, a lactancia non volveu dar problemas.

Aleitaba moi a miúdo, case siempre asemade, para poder aproveitar o tempo. Daba a demanda miña cando tiña que ir buscar ou levar os maiores ao cole, ceaba cos maiores para deitarme e aleitar os pequenos, mentres o pai durmía aos maiores. O meu leito de matrimonio foi propiedade dos xemelgos, aos que comecei aleitar na cama a partir dos 3 meses, cando empecei manexar a lactancia simultánea deitada. Non o fixera antes porque non dera coa técnica adecuada.

Grazas a aleitar deitada botei unha siesta duns 20-30 minutos cada vez que daba teta na casa. Pola noite ninguén espertaba, todos durmían ou mamaban. Tivemos folgas de lactancia, feridas por algún dente roto, unha molesta espinilla no peito e discusións por cambiar de teta. Aos catro anos e 9 meses decidimos de mutuo acuerdo deixar a teta, e a única que o pasou verdadeiramente mal fun eu, que aínda teño morriña daqueles tempos tan bonitos. Xamais tomaron suplemento, agás un día no hospital que eu non puiden ir porque estaba destrozada despois do ingreso dos piratas pequenos por ictericia por histoimcompatibilidad.

domingo, 22 de mayo de 2011

Lactancia e cine II

Azur e Asmar (Michel Ocelot, 2006)

AZUR_ET_ASMAR_01

Esta fermosa película de animación comeza cunha escea de lactación materna: unha nodriza árabe está a aleitar ao seu fillo Asmar e mais a Azur, fillo dun nobre francés viúvo. Coida ambos os dous nenos co mesmo agarimo: cántalles cancións, lelles contos... Un destes fala dunha fermosa fada, cuxa búsqueda emprenden os irmáns de leite ao facerse mozos...
Non vos contamos máis, para que a vexades, que paga a pena!;)

Ao fío disto preguntamos ás nosas socias polo tema dos irmáns de leite e velaquí o que nos contestaron...

Xiana
A miña sogra tivo unha irmá de leite, pero por desgraza non se criaron xuntas, senón que súa nai marchou traballar de nodriza á Coruña e deixouna en Lugo ao coidado de parentes, sen teta e sen nai:( Anos despois nunca tivo reparo en afirmar que ela quería á súa filla de leite, a quen criara mais non parira... moi comprensible, e moi triste...

Sonsoles
O outro día estaba atendendo un cliente coa nena colgada da teta... O home contábame tan traquilamente as súas desventuras, informábase da posibilidade de pleitear por unhas fincas... E despois chorába emocionado falando dun irmán de teta (un neno que aleitara súa nai canda el) ao que quería moito.... Ai a teta....:)

Julia
A min miña avoa contábame que a ela lle dera leite outra muller que non era súa nai. Agora sinto non terlle prestado máis atención. O estrano deste caso é que miña avoa non era de boa casa (seus pais eran caseiros), e a muller que lle daba leite era das familias máis ricas do pobo, de feito, a que foi irmá de leite de miña avoa (nacida no 1912) estudou para mestra e aínda me deu a min clase.

Montse
Eu teño dúas historias:
Miña nai aleitou a meu irmán e mais a un sonriño de meu pai. Miña tía traballaba e miña avoa paterna (que coidaba do bebé) pediulle a miña nai (entón vivían xuntos) que aleitara ao meu curmán. A miña nai caíalle o leite do outro peito mentres mamaba meu irmán, que se alimentou só de LM até os 13 meses.
E a outra historia é a da miña avoa materna, que compartían leite ela e mais a súa comadre para os nenos. Eu enteireime de nena, cando un dos bebés, que agora está en Arxentina, veu pasar unhas vacacións e deu con un dos meus tíos e díxolle que xamais permitise que maldicisen o leite que mamaron, xa que foi o mesmo...


Precisamente o vindeiro venres preséntase un libro infantil sobre este tema...

libro irmáns de leite

...aínda que a capital nos queda un pouco lonxe;)

viernes, 20 de mayo de 2011

Reunión temática de maio

Ella 001

O venres 27 dirixiremos a nosa xuntanza temática ás futuras nais e aos futuros pais.
Cremos que xa durante o embarazo convén informarse sobre lactación materna e sobre cómo a vivencia do parto inflúe no aleitamento. Precisamente mañá pola mañá, co gallo da Semana mundial do parto respectado, a asociación El parto es nuestro, que vela polos dereitos do nacemento, colocará unha mesa informativa na praza Maior. 
Volvendo á nosa xuntanza do día 27, nela tamén resolveremos outras dúbidas sobre lactancia e será de 17 a 19 h no noso local do Centro Lug II. Ao comezo da reunión haberá, na sá contigua e grazas á colaboración da Tradescola, un obradoiro infantil de cultura tradicional para que non se aburran os pequenos e mais as pequenas;)
Só un aviso máis... Lembrade que ao día seguinte (sábado 28) teremos o obradoiro de autoestima para nais...

Vémonos!!!

Información

jueves, 19 de mayo de 2011

Presentación do noso libro "5 anos de Bicos....de Leite"

bico1

bico2

bico3

bico4

bico5

bico8

bico9

bico10

bico11

bico12

bico13


bico14



Aqui tendes as fotos da presentación de onte do noso libro "5 anos de Bicos.....de Leite", grazas a toda a organización porque foi un acto ben bonito, e grazas tamén a todos os asistentes, por achegarnos o seu agarimo e amor.

martes, 17 de mayo de 2011

Na Semana do libro...

... lembrámosvos que mañá ás 18h presentamos o noso manual na sé luguesa da Fundación Novacaixagalicia. Nela falaremos da nosa asociación e leremos algunhas consultas, todo amenizado cun pouquiño de música... A entrada é libre e gratuíta -animádevos a vir!
Tamén estamos a preparar outra presentación na Mariña, da cal vos informaremos no seu momento...

viernes, 13 de mayo de 2011

Lactancia de múltiples I

sextillizos

Nestes casos é especialmente importante que as nais atopemos axuda para todo o que non sexa coidar dos xemelgos e que nos informemos sobre lactación materna e sobre técnicas para aleitar aos dous asemade. 
A muller que opta pola lactación de múltiples adoita atopar resistencias no seu entorno, así que o apoio nos grupos de nais é fundamental.
Para esta entrada temos a gran sorte de contar coas palabras da asesora Gema Cárcamo González, cofundadora e presidenta de Multilacta, primeiro grupo en España especializado en lactación con xemelgos ou máis múltiples, e nai de dúas parellas de xemelgos aleitados. Velaquí o que diría as nais que vos atopades nesta situación...


Vas ser nai de múltiples? Os primeiros meses estarías ocupada asimilando a nova de que vas ter máis dun bebé. O primeiro impacto emocional leva un tempo, no que só nos interesamos polo desenvolvemento do embarazo, deixando de lado outras cuestións importantes, coma a lactación materna.
Se xa che plantexaches a cuestión, unha das primeiras preguntas é: terei leite dabondo? E outra: serei quen de organizarme para chegar a todo?
As mamás de múltiples non están incapacitadas para aleitar aos seus bebés. Como calquera outra muller dispoñen de dous peitos, e se pensaches aleitar é porque coñeces o beneficio extra que tén o leite materno para bebés tan pequenos e ás veces inmaduros, como o son moitos xemelgos ou trillizos. Algúns deles precisan ao comezo un pequeño suplemento, mais nada que non se poida arranxar conforme van crecendo, facéndose máis fortes e mamando mellor.
Coma no resto de mulleres, moi poucas mamás teñen verdadeiros problemas para aleitar a máis de un. Mesmo se recorreches á reprodución asistida, isto non significa que a lactación sexa imposíbel, mais pode precisar de máis axuda.
Que che formules as devanditas preguntas é fundamental, porque pode axudarche disipar moitas destas dúbidas e conseguir ferramentas clave para un comezo axeitado do aleitamento. Arestora con información nada é imposíbel e é importante para tomar decisións responsábeis.
Se desexas aleitar, só cómpre que te rodees de suficiente información e apoio dabondo. Para iso existimos os grupos de apoio á lactación materna, porque ninguén mellor que as propias nais de xemelgos aleitados tén experiencia suficiente para entenderte e axudarte. Nos grupos adoita haber algunha nai de múltiples.
Algunas nais pensan que para ter éxito coa lactación de xemelgos ou máis bebés cómpre un suministro de leite total y suficiente para todos. Abofé que é a primeira idea de todas as nais, mais non podemos asegurar que esta expectativa se poida cumprir en todos os casos, así que proporse simplemente pequenos logros, coma iniciar o aleitamento e que os bebés mamen con eficacia, xa é un grande éxito. Pouco a pouco, o tempo dirá...
A perseverancia e mais a confianza nas nosas capacidades coma nais e o apoio dos sistemas ao noso redor poden garantir que a lactación materna siga a funcionar, sen importar demasiado se os bebés toman só leite materno ou precisan suplemento. Mais como conseguir esa confianza e seguridade no que estamos a facer? Coñecendo o noso corpo, os nosos bebés, cómo funciona a lactación materna, qué elementos poden dificultar o proceso e estratexias para sortealos y tendo a man os recursos, coma os grupos de apoio.
Para aleitar a xemelgos ou máis necesitaremos sobre todo información e motivación, responsabilidade familiar e profesional.
Non che podemos garantir que os bebés poidan ser recibidos coma o sería un só bebé, pois iso depende de moitos factores, coma o seu peso, a súa idade xestacional, o tipo de nacemento... Unha cesárea pode provocar pequenas dificultades para iniciar a lactación, derivadas da separación entre nai-bebés, habitual neste tipo de partos. O que si che podemos asegurar é que, cun bo estado de saúde da nai, o aleitamento non debería dar problemas.
Debes saber que a natureza non trae xemelgos ou máis bebés sen unha garantía para alimentalos. Non te deixa abandonada sen solucións:
• A presenza de máis dunha placenta no útero aporta á nai a posibilidade de maior cantidade de hormonas necesarias para desenvolver peitos aptos para producir leite para máis dun bebé.
• O aleitamento de máis dun bebé incrementa o baleirado das mamas e mellora a produción de leite en condicións de sución eficaz.
• A alta frecuencia das tomas asegura que os niveis de prolactina e de creación de receptores hormonais concretos sexan sempre altos e axuda á produción.
• A lactación simultánea de ambos os dous peitos eleva os niveis de prolactina, hormona que sintetiza o leite materno.
O problema co que decotío dan as nais de xemelgos é a falla de axuda para poder soportar a alta demanda de dous ou máis bebés. Aleitándoos asemade podemos reducir considerablemente o tempo das tomas, mais podemos falar tranquilamente dunhas 15 ao día. O grupo pode ensinarche a colocar aos bebés simultaneamente desde os primeiros días. Podes aleitar deitada para descansar durante as tomas, descargando así o solo pélvico despois de tanto peso no ventre.
A nai necesita no fogar alguén que a atenda e lle permita facer as tomas sen se preocupar doutras tareas. Algunhas nais prefiren investir nunha persoa que lles bote unha man nas horas en que poden estar máis soas e outras invisten en leite de fórmula para combinar unha lactación materna que se limita por necesidades persoais. Trátase simplemente de que gocedes do momento, sen pensar na cantidade de leite, senón na calidade da lactancia e o que vos proporciona a todos. Calquera variante que utilices para aleitar a teus fillos ou fillas será a mellor.

domingo, 8 de mayo de 2011

Obradoiro de primavera

primavera

Comprácenos moito presentarvos esta actividade e esperamos que sexa do voso interese. Trátase dun relatorio-obradoiro sobre AUTOESTIMA DA NAI. Eliximos este tema porque temos constatado que a situación emocional da muller inflúe dun xeito determinante no éxito do aleitamento.
Terá lugar no Colexio Galén o sábado 28 de maio a partir das 11 horas (duración aproximada: hora e media).
Será impartido por Carmen Sirvent Artiaga, unha marabillosa terapeuta humanista de exquisita intuición e ampla experiencia, especializada en maternidade e psicoloxía infantil. 
A entrada é libre e gratuíta. Non volo perdades!

Cartaz

sábado, 7 de mayo de 2011

Fotos da nosa festa

Bico de Leite4
Bico de Leite3
Bico de Leite2
Bico de Leite1

Como se ve nas fotos, pasámolo xenial;)
Grazas a todas as persoas que compartistes esta divertida mañá connosco!

jueves, 5 de mayo de 2011

Cambio de lugar da festa deste sábado

lluvia2

Á vista do prognóstico de choiva para o sábado 7, decidimos celebrar a festa do noso certame de debuxo sobre lactación materna no Museo provincial (praza da Soidade, s/n).
Lembrade que gozaremos do obradoiro de baile dos Pesdélán... Agardámosvos!!!

Cartaz

miércoles, 4 de mayo de 2011

Aquí ten uns agasallos para o bebé

Esa foi a frase coa cal me foron entregadas un par de caixiñas chulísimas no hospital antes de me dar a alta.
Unha vez na casa, descubrín que os agasallos en cuestión non eran máis que unha efectiva técnica de comercio de diversas marcas, con diferentes produtos. Nas caixas viñan: cueiros e toalliñas, un biberón, un babeiro, dúas botellas de auga mineral de marcas diferentes (moi moi axeitadas para a preparación de biberóns), unha caixiña de cereais integrais (para que mamá recupere a figura canto antes mellor), mostra de crema cosmética para mamá, un mini kit de crema para o corpo, xabrón e pomada anti roibéns do cuíño, dúas revistas de "crianza" e un talón de subscrición gratuíta, así como outros similares para subscribirse a unha colección de libros de contos.
Hai que dicir que xa non entregan mostras gratuítas de leites de fórmula. Mais en troques entregan un catálogo completo das fórmulas dispoñibles no mercado, de leites de continuación, papillas, tarrinas, auga mineral, biberóns, chupetes, tronas, cadeiras de paseo, cadeiras para o coche, roupa, calzado, etc. Soa esaxerado, así que, velaquí algunhas fotos:

agasalliños1
agasalliños2

Boh, o de catalógos estouno a poñer eu. Eles póñenlles formato de revistas de crianza e engádenlle os clásicos artigos con consellos para coidar o bebé.
Está claro que saben onde buscar a súa clientela potencial, e están no seu dereito de vender, pero non ao custo de seguir fomentando a desinformación con frases como "Existen casos nos que a lactación materna non é posible", que lles serven de preludio para iniciar a súa oferta de produtos.
Estas frases, sumadas ás imaxes de nais dando biberón (non a teta), fan que a mensaxe sexa a de sempre: "O leite materno é o mellor -pero como non sempre se pode- o normal é criar con biberón e mira que sans e contentos están eses bebés". Co consecuente prexuízo de máis e máis nais sen a capacidade de tomar as súas propias decisións de xeito informado, e en vez diso, "comprando" o que nos seguen vendendo, filosofica e literalmente falando.
Creo que para equilibrar as cousas, hospitais e profesionais da saúde terían que ser igualmente receptivos a difundir a información proporcionada polos que defendemos o dereito de nais e bebés a gozar do aleitamento materno.

Elimar

NOTA: Como temos unha responsabilidade coas familias que nos ledes e esta é, por motivos económicos, unha materia pouco divulgada, aquí vos deixamos un estudo (en catro capítulos) sobre os riscos da lactancia artificial:
1 2 3 4
Grazas por difundir esta información.