sábado, 28 de mayo de 2011

Lactancia de múltiples II: unha experiencia

Nesta segunda e derradeira entrega, a asesora Gema Cárcamo González, cofundadora e presidenta de Multilacta e nai de dúas parellas de xemelgos aleitados, fálanos de cómo o viviu...

Son nai de dúas parellas de xemelgos aleitados de 6 e 10 anos respectivamente. Tiven sorte coa miña lactancia materna, sempre tiven confianza cega nas miñas capacidades coma nai humana, portadora de mamas. Son coma calquera mamífero. Teño dous peitos para alimentar aos meus fillos. E de momento funcionaron moi ben.

Cando estaba embarazada dos maiores tiña unha inmensa ilusión por aleitalos. Coma calquera das nais na miña situación, tiven inquietudes que tentei de resolver con información. Daquela eu non tiña internet, unha ferramenta que hoxe é de grande axuda para moitas nais coma min, onde la falla de loxística pode traerche graves problemas, entre outros, deixarte desamparada ao non poder acudir a un grupo de apoio.

Así e todo, tiña a axuda dos libros. Eu merquei El gran libro de los gemelos, de Coks Feenstra, e, malia que a súa primeira edición non era moi extensa con respecto á lactación materna, todas aquelas figuriñas de mamás aleitando asemade motivábanme aínda máis. Este libro ensinoume os pormenores dos nenos nados de partos múltiples e grazas a el fun consciente do que me podía pasar e que me pasou.

Los maiores naceron con 37 semanas de xestación, maduriños mais pequenos. Entre eles había unha diferenza de case un kilo. O máis más pequeno pesou 1.595 gramos e o maior, aínda con bo peso, colleu unha infección polo longo tempo que estivo coa bolsa rota e porque ademais foi monitorizado por vía cefálica. Separáronme dos meus nenos e estiven 24 horas sen poder erguerme porque tiña unha cesárea.

Ninguén me preguntou se quería aleitar eninguén me animou a sacarme leite nesas 24 horas. Eu sentíame moi triste, a mamá a carón meu tiña un fermoso bebé e eu que tiña dous, non tiña ningún. Ás 24 horas ninguén me agardaba en Neonados, senón non me explico por qué non agardaron para que aleitase aos meus nenos. Cando os coñecín foi todo moi frío, aínda non podo crer que a emoción que pensaba tería non era o que finalmente sentín.

Mais o primeiro que si quixen facer foi collelos e aleitalos. Como Roberto xa tiña unha mamadeira de leite de fórmula dentro e o meu pequeniño estaba na incubadora e non podían sacalo, quedei desinflada. Púxenme tan pesada que me dixeron que pedise un sacaleites no control de puérperas, e déronme sacaleites de embude co que logrei sacar un vaso duns 180 ml en toda la noite. Digo que foi nun vaso porque ninguén me deu nada para recoller o leite, e á mañá seguinte obrigáronme a tirar o leite polo retrete, así que foi frustrante.

Volvín baixar ver aos meus fillos e aleitei ao meirande, que se colleu ao peito deseguido coma un campión. Mais ao máis pequeniño seguiron sen sacalo. Ninguén coñecía o método nai canguro (outubro do 2000). Fun facendo así, mais negueime a tirar co leite de novo, así que baixaba sacarma mesmo de madrugada, malia que me rifaban por facelo, porque tiña que descansar.

Déronme a alta só a min e quedaron alí os nenos. Aluguei un sacaleites e sacábame leite para levarlles aos meus nenos. Ao pouco tempo déronme ao maior, mais o máis pequeno chegou estar ingresado 21 días. Iso si, cando tiven a oportunidade enganei á enfermeira e díxenlle que aleitaba directamente ao meu pequeno. Prendeuse dunha forma sen igual. Tiven algunha fendiña que cedeu soa, debido á práctica do meniño.

O meu único erro foi comparar aos meus nenos cos dos demais. Así fixen a maior parte da lactación diferida, porque a miña veciña dáballe ao seu neno unha cantidade x de leite artificial, que eu case lles obrigaba a tomar. E criáronse divinamente, mais aínda me parecía pouco. Unha mastite deu ao traste coa miña lactancia, xa que non souben tratala e destetei con cinco meses e medio. A partires de entón os meus fillos comezaron unha intolerancia ás proteínas do leite de vaca que ninguén soubo diagnosticar até case un ano despois. Cando tentei de relactar foi tarde, nin tiña apoio nin os bebés se enganchaban.

Cos pequenos foi todo diferente. Eu xa sabía o que era un grupo de apoio á lactación materna e me formara de xeito autodidacta. Naceron co dobre de peso ca o seu irmán maior máis pequeño e estiveron comigo ás 4 horas da miña cesárea, porque me volveron a separar deles por mor do parto. Tiven certas molestias co peito ao empezar, que arranxei cambiando aos bebés de peito e deixándoos cun peito adxudicado sen rotación.

Ás poucas semanas tiven unha mastite infecciosa, posiblemente por moitas das cousas que me ocorreran. Non sei se tivo que ver algo un frenillo dun dous nenos, do que me advirtiu unha amiga e asesora de lactancia, mais podería ser o problema, quen sabe. Co tempo e mais o tratamento, a lactancia non volveu dar problemas.

Aleitaba moi a miúdo, case siempre asemade, para poder aproveitar o tempo. Daba a demanda miña cando tiña que ir buscar ou levar os maiores ao cole, ceaba cos maiores para deitarme e aleitar os pequenos, mentres o pai durmía aos maiores. O meu leito de matrimonio foi propiedade dos xemelgos, aos que comecei aleitar na cama a partir dos 3 meses, cando empecei manexar a lactancia simultánea deitada. Non o fixera antes porque non dera coa técnica adecuada.

Grazas a aleitar deitada botei unha siesta duns 20-30 minutos cada vez que daba teta na casa. Pola noite ninguén espertaba, todos durmían ou mamaban. Tivemos folgas de lactancia, feridas por algún dente roto, unha molesta espinilla no peito e discusións por cambiar de teta. Aos catro anos e 9 meses decidimos de mutuo acuerdo deixar a teta, e a única que o pasou verdadeiramente mal fun eu, que aínda teño morriña daqueles tempos tan bonitos. Xamais tomaron suplemento, agás un día no hospital que eu non puiden ir porque estaba destrozada despois do ingreso dos piratas pequenos por ictericia por histoimcompatibilidad.

3 comentarios:

  1. ti pasachelo mal pero o cativo tamen o digo por experiencia,

    ResponderEliminar
  2. os meus non paran de chorar porq queren seguir coa lactancia,e eu estou pasandoo muy mal por culpa de unha mastite perdoade pero ninguen ve ben q de o peito con catro anos q ten a nena,e desta vez tiro a toalla,rindome,pero seguirei dando ánimo a todas as futuras nais,a min foime xenial ,verei sempre q poida as vosas publicacións.Bicos.

    ResponderEliminar
  3. O contorno non axuda, e na nosa sociedade non estamos afeitos a ver nenos de 4 aniños mamando, aínda que sexa normal na nosa especie non o é na nosa sociedade, se vivises en Mongolia seguramente o vían como o máis natural e vos habían felicitar e animar ós dous por iso. De todas maneiras nós non podemos cambiar de golpe o que pensa a xente que tes ó teu redor, pero podemos apoiarte se o necesitas, porque nós si que vemos normal e natural que a túa nena ou os teus nenos tomen teta con 4 anos (perdoa, pero non me queda moi claro na túa mensaxe se tes un ou dous), e en calquera caso se tes unha mastite non convén que deixes de extraer leite, se non é a nena ti mesma por outro método para que non empeore. Se queres escríbenos ó correo, ou vente por unha das reunións se podes e che apetece. Somos moitas as que aleitamos nenos grandiños e tamén moitas as que os destetamos xa grandiños, non imos intentar convencerte de nada, nin de que sigas nin de que o deixes, pero sexa cal sexa a túa opción seguro que podemos ofrecerche as nosas experiencias para darche algún truquiño que poida axudar ou polo menos para sentir que non todo o mundo o ve como algo malo.
    Un biquiño, moito ánimo e moitas grazas polos teus comentarios.

    ResponderEliminar