viernes, 29 de abril de 2011

Colo e teta

O tempo de ter ao voso bebé no colo, xunto ao peito, na cama, é moi curto en relación coa vida total do voso fillo. Así e todo, nel a lembranza do voso amor e disponibilidade duran toda a vida (William Sears)

Mi mamá es un canguro

Denomínase exteroxestación ao primeiro ano de vida dos nosos bebés, no que eles precisan continuar vivindo nas mesmas condicións que no útero, o que se traduce en lactación materna a demanda e contacto físico constante. 
Isto débese a que as crías humanas nacen prematuramente. Para que viñesen ao mundo co mesmo grao de desenvolvemento que especies semellantes, o embarazo debería durar 21 meses, mais se así fose, a cabeza do bebé non cabería polo canle de parto, que se estreitou como consecuencia da bipedestación.
Se queredes saber máis...
"Nuestros hijos y nosotros" (Meredith Small) 
"El concepto de continuum" (Jean Liedoff)
Entrevista a Sue Gerhardt

domingo, 24 de abril de 2011

Reunión temática de abril

Soy un pez

O derradeiro venres de abril dedicaremos a nosa xuntanza temática mensual ao DESTETE.
Xa sabedes que a OMS recomenda a lactación materna até os dous anos como mínimo e, despois, até que a nai e mais o neno ou nena queiran.
A idade en que o neno ou nena deixa de mamar de xeito espontáneo é variábel. En todo caso, cando chega ese momento, a nai adoita ter sentimentos ambivalentes: dunha banda, sente fachenda por ter cumprido a súa función, mais doutra, sente mágoa porque bota de menos os momentos do aleitamento. 
Non obstante, tamén hai situacións nas que a nai, por diversos motivos, desexa destetar. Nelas recoméndase "non ofrecer e non negar", coa finalidade de que o destete sexa paulatino e respetuoso co neno ou nena, xa que se trata dun gran cambio, tanto desde a perspectiva nutricional como emocional.
Aquí tendes información máis polo miúdo.
Lembrámosvos que, sexa como sexa o voso destete, natural ou dirixido, podedes buscar apoio na nosa asociación.
Deste tema falaremos máis ampliamente o venres 29. Coma sempre, tamén resolveremos as vosas dúbidas sobre outros aspectos da lactación materna.
Será de 17 a 19 h no noso local do Centro Lug II. Ao comezo da reunión haberá, na sá contigua e grazas á colaboración da Tradescola, un obradoiro infantil de cultura tradicional para que non se aburran os pequenos e pequenas;)
Agardámosvos!

sábado, 23 de abril de 2011

No Día do libro...

portada definitiva

Bico de leite
Bico de nai
Pinga de amor 
 
5 Anos de apoio á lactancia materna
dende este grupo de NAIS
que DEMOS, DAMOS E DAREMOS
O NOSO AGASALLO MÁIS GUSTOSO
O NOSO MELLOR MIMIÑO
O NOSO MELLOR CONSOLO
O NOSO OURO BRANCO

  Nesta curta pero intensa andaina, acompañáronnos outras nais que confiaron en nós para compartir as suás inquedanzas e dificultades, e coas nosas vivencias e mais o noso apoio puideron gozar do pracer de aleitar.
  Este libro é a nosa homenaxe a todas elas, onde se plasmaron algunhas desas consultas, coa intención de axudar a quen o lea, porque aleitar non só é o natural, senón que tamén é o máis fermoso e O MELLOR.


Con este fermoso texto da Montse, a nosa asesora en Foz, anunciamos, con moita ilusión, a publicación do noso libro, "Cinco anos de Bicos... de leite", no que recollemos unha selección das consultas que contestamos por mail nos primeiros cinco anos de traxectoria da nosa asociación, clasificadas por temas.
Coidamos, polo tanto, que pode ser unha ferramenta ben útil tanto para nais lactantes como para profesionais.
Informámovos que o podedes adquirir nas nosas xuntanzas a un prezo de 10 euros e que a recadación destinarase ás nosas actividades de promoción da lactación materna. Tamén o atoparedes en:
- Burela: Comercial Auma (libraría da igrexa)
- Foz: Libraría Ofifoz (avenida da Mariña 46)
- Lugo: Libraría Trama (avenida da Coruña 21)
Presentarémolo o mércores 18 de maio ás 18 horas no Salón de actos da Fundación Novacaixagalicia, sito na praza Santa María...

... Encantaríanos que viñésedes!

Cartaz


 

miércoles, 20 de abril de 2011

Interesante relatorio

O martes 26 de abril ás 19:30 no Centro de convivencia Maruja Mallo impartirase, dentro do programa Preto de ti, o relatorio "Lexislación en materia de corresponsabilidade", que versará sobre permisos e outras medidas de conciliación laboral e familiar. Consideramos fundamental coñecer e exercer os nosos dereitos neste ámbito, coa finalidade de pasar máis tempo cos nosos fillos e fillas. Ides ir? 

lunes, 18 de abril de 2011

Lactancia e dó

perda UP

Nesta entrada contamos cunha colaboración de luxo, a de Susana Cenalmor, asesora de Bbtta e, como nos di ela: nai de dous nenos, un bebé estrela dende abril 2009 e outro que é a nosa luz dende agosto 2010, enfermeira, apaixoada da lactancia, epenera dende hai pouco mais no fondo epenera de toda a vida...

Cando empezaches interesarte por este tema?

Comecei interesarme pola lactación materna estudando enfermeiría no derradeiro curso, tiven a sorte de facer prácticas cunha grande matroa e muller á que debo moito. O que nos ensinaban na escola distaba moito do que vía que facía ela coas mulleres na súa consulta... Escoitaba, asentía, entendía e apoiaba ás nais... Non tiña nada que ver co que se ensinaba sobre aleitamento na universidade. Gostei dese tipo de acompañamento... Fascinoume o sinxelo que pode ser algo que a sociedade empeñouse en complicar.
Anos despois, coas voltas que dá a vida, o destino achegoume outra vez á lactancia e empecei por fin a formarme, asemade que agardaba o nacemento do meu primeiro fillo. 
Gabriel naceu e marchou aos tres días de vida. Deixándome cos peitos cheos e os brazos baleiros... Perdíamos así as ilusións, os proxectos, os cimentos... Perdíamolo todo... Perder esa lactancia soñada tamén supuxo un dó. Agora, dous anos despois, coas feridas bastante cicatrizadas, decátome do que necesitaba daquela e do que poden precisar outras nais que ven en situacións semellantes.

Cres que as nais adoitan compartir esta experiencia nos grupos de apoio?

Non é unha experiencia que se comparta abertamente nos grupos de apoio. O certo é que é un tema do que se fala de maneira franca en poucos lugares... Estamos a falar dun tabú de tabúes... De feito, existe algún nome para esa subida do leite trala perda? Peitos cheos... brazos baleiros.

Cando si acoden a vós, que lles aconsellades?

Cando unha mamá perde a seu fillo, a sociedade trata de pensar por ela. O médico dalle unhas pastillas para "cortar o leite" e non se fala máis do tema... Esas pastillas adóitanse dar máis tarde do que se debería e sen información... Moitas veces ninguén pensa en que pode haber outro fillo lactando... 
Considero que a inhibición farmacolóxica da lactación é unha opción perfectamente válida, mais é a muller a que debe decidir, con todas as cartas sobre a mesa. Frecuentemente esas nais chegan ás súas casas e dan con que a inhibición, que pensaban sería inmediata, non o é. Ninguén lles explicou que é moi probábel que precisen extraerse leite para aliviar a tensión, é un pensamiento frecuente o "Funciono mal, o meu corpo perdeu meu fillo e as pastillas que me deron non me funcionan... Son eu a que está estragada".
Namentres os peitos vanse ingurxitando...
A lactancia pode inhibirse ademais dun xeito fisiolóxico: os peitos deixan gradualmente de producir leite e a nai extrae leite para manter o seu confort. Esta inhibición pode durar de unha a varias semanas.
Nambas as dúas opcións, estas mulleres necesitarán información e apoio para decidir qué facer e, unha vez decidido, cómo facelo.
A atención sociosanitaria neste tema é, de momento, bastante deficiente. Así e todo, nos últimos anos destapouse o veo e empézase a falar disto... Comeza haber unha conciencia social que até o de agora era inexistente polo silencio... Xa o dixemos antes: existe un nome para a subida do leite cando non hai bebé?

Para máis información:
Bibliografía
Foro SUA
Siempre en el corazón

viernes, 15 de abril de 2011

Festa do certame de debuxo

pesdelan

Hoxe fomos recoller os traballos presentados ao noso certame de debuxo sobre lactación materna, no que participan 113 nenos e nenas de catro colexios:
CEIP Luis Pimentel (Lugo)
CEIP Baamonde
CEIP Begonte
CEIP Castro Riberas de Lea
Agradecemos ben a estes catro centros que acollesen tal iniciativa, cuxa finalidade é a normalización do aleitamento.
Pecharemos esta actividade cunha festiña -como debe ser;) Nela entregaremos os diplomas e mais os agasallos e expoñeremos todos os debuxos. Celebrarémola o sábado 7 de maio ás 12 horas nos xardíns da Deputación de Lugo. De haber prognóstico de chuvia, avisaremos con antelación do cambio de lugar.
Para amenizar a festa, temos a sorte de contar coa música dos PESDELÁN -non volo perdades!

lunes, 11 de abril de 2011

Máis sobre a SMLM 2011

Xa vos avanzáramos que a Alianza mundial pola lactancia elixira o lema da Semana mundial da lactancia materna 2011: "Comunícate! Lactancia materna: unha experiencia 3D"...

Pois ben, o devandito organismo vén de publicar dous documentos interesantes:
- Tríptico
- Bases do concurso fotográfico
O prazo de entrega de traballos ao certame da WABA remata o vindeiro venres 15 de abril. Así e todo... aínda estades a tempo de participar!;)
    

miércoles, 6 de abril de 2011

Normal ou superior?

gaturro

Que estamos a facer mal na promoción e protección da lactación materna?

Aleitar os fillos é o normal, tanto como enxendralos, xestalos e parilos... vén sendo o seguinte paso natural...
A que vén logo tanto rebumbio co tema? Que foi o que aconteceu para que teñamos que estar teima que teima con que “o peito é o mellor” -“breast is best”, como din os anglófonos...
O peito non é “o mellor” porque é o NORMAL...
Que pasa logo co biberón? En que lugar queda, se o miramos deste xeito? Pois semella sinxelo: o leite artificial é peor, máis ben MOITO PEOR...
Pode parecer un leve matiz semántico, unha forma de dicir o mesmo, mais nada máis lonxe da realidade... Estamos a dicir case o contrario, poñemos o normal como anormal e viceversa.
Son xa décadas de terxiversar a realidade, de non mencionar o leite artificial por non falar mal del en aras do “politicamente correcto”, para protexer as supostas sensibilidades das familias que o utilizan, pero en realidade protexendo os intereses das grandes multinacionais farmacéuticas que o venden, xa son anos de máis de facer estudos sobre o leite materno coma se fose obxecto de investigación, coma se fose algo raro, excepcional, extraordinario, coma un ideal, case unha utopía... á beira do outro, do normal, do común e corrente: da lactancia artificial...
Logo estamos tolos? O raro é darlle leite de vaca modificada aos bebés humanos, ese é o experimento, ese é o obxecto de investigación! O patrón, o control co que hai que comparalo é o leite materno... Polo tanto, os estudos -miles ou centos de miles- que falan da “redución de riscos”, “da menor probabilidade” de contraer doenzas tomando e dando leite materno no canto de leite artificial, están expresados xusto ao revés:
É que é o leite artificial o que aumenta os riscos de contraer múltiples enfermidades... A estas alturas xa non colle a menor dúbida de que o leite artifical é netamente malo para a saúde de nais e bebés. Así de claro.
E logo, diredes, non era que se criaban igual?? “Pois eu tomei biberón e estou moi san” ou “O neno da veciña toma teta e é moi enfermizo”... Abofé, casos particulares haberá milleiros, pero estamos a falar de ciencia e de saúde pública, e o menos que podían facer as autoridades sanitarias é falar claro e tentar de verdade protexer aos máis indefensos.
Anos de campañas antitabaco (moitas realmente agresivas) por fin comezan dar os seus froitos... Cando eu era nena, era normal que os pais fumasen diante dos pequenos, na casa, nos coches, en todas partes.. Hoxe xa non o é. Bueno, normal nunca foi, só o parecía... por costume e repetición. Estaba socialmente aceptado, igual que hoxe o biberón, moitas similitudes...
Campañas antitabaco, campañas antidrogas , campañas de “prevención“ -mentira, de detección precoz- do cancro de mama, de colon...etc, etc..
Para cando, pregúntome, para cando unha campaña de prevención do uso do leite artificial??
Iso é o que funcionaría, iso é o que toca. As campañas de promoción de respirar aire puro, igual que as campañas de promoción da lactancia materna, resultan ñoñas, absurdas e inefectivas... Aínda que, se o miramos ben, practicamente non hai nin campañas das inefectivas a nivel institucional... Demasiados intereses comerciales en xogo , me temo.
Dar leite artificial aos meniños non é normal e tería xa que deixar de parecelo, o primeiro paso é dicilo claramente...
Por desgraza, se o dicimos, colectivos como o noso estamos abocados ao rexeitamento social, a ser tildadas de extremistas, de esaxeradas, de querer “facer sentir culpables ás nais” (sic)...
É, polo tanto, unha tarefa ingrata de máis para nós, que preferimos ser axuda, apoio nai a nai, normalización. E mesmo, se cadra, facer a parte ñoña e inefectiva da promoción...
As campañas de saúde pública, que as fagan as autoridades, nós tentamos lembrarllo cada día a quen corresponda.

Patricia López Izquierdo
Presidenta de Bico de leite

viernes, 1 de abril de 2011

Ampliación da redución de xornada

O artigo 37,5 do Estatuto dos traballadores dispón:
"Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de 8 anos ou unha persoa con discapacidade fisica, psíquica ou sensorial, que non exerza actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, de entre un oitavo e a metade da súa duración".
Moitas persoas gozan xa desta posibilidade, coa finalidade de pasar máis tempo con seus fillos e súas fillas. Agora está en marcha unha petición para ampliar a súa duración a 12 anos, que podedes asinar aquí.
Grazas pola vosa colaboración!