lunes, 18 de abril de 2011
Lactancia e dó
Nesta entrada contamos cunha colaboración de luxo, a de Susana Cenalmor, asesora de Bbtta e, como nos di ela: nai de dous nenos, un bebé estrela dende abril 2009 e outro que é a nosa luz dende agosto 2010, enfermeira, apaixoada da lactancia, epenera dende hai pouco mais no fondo epenera de toda a vida...
Cando empezaches interesarte por este tema?
Comecei interesarme pola lactación materna estudando enfermeiría no derradeiro curso, tiven a sorte de facer prácticas cunha grande matroa e muller á que debo moito. O que nos ensinaban na escola distaba moito do que vía que facía ela coas mulleres na súa consulta... Escoitaba, asentía, entendía e apoiaba ás nais... Non tiña nada que ver co que se ensinaba sobre aleitamento na universidade. Gostei dese tipo de acompañamento... Fascinoume o sinxelo que pode ser algo que a sociedade empeñouse en complicar.
Anos despois, coas voltas que dá a vida, o destino achegoume outra vez á lactancia e empecei por fin a formarme, asemade que agardaba o nacemento do meu primeiro fillo.
Gabriel naceu e marchou aos tres días de vida. Deixándome cos peitos cheos e os brazos baleiros... Perdíamos así as ilusións, os proxectos, os cimentos... Perdíamolo todo... Perder esa lactancia soñada tamén supuxo un dó. Agora, dous anos despois, coas feridas bastante cicatrizadas, decátome do que necesitaba daquela e do que poden precisar outras nais que ven en situacións semellantes.
Cres que as nais adoitan compartir esta experiencia nos grupos de apoio?
Non é unha experiencia que se comparta abertamente nos grupos de apoio. O certo é que é un tema do que se fala de maneira franca en poucos lugares... Estamos a falar dun tabú de tabúes... De feito, existe algún nome para esa subida do leite trala perda? Peitos cheos... brazos baleiros.
Cando si acoden a vós, que lles aconsellades?
Cando unha mamá perde a seu fillo, a sociedade trata de pensar por ela. O médico dalle unhas pastillas para "cortar o leite" e non se fala máis do tema... Esas pastillas adóitanse dar máis tarde do que se debería e sen información... Moitas veces ninguén pensa en que pode haber outro fillo lactando...
Considero que a inhibición farmacolóxica da lactación é unha opción perfectamente válida, mais é a muller a que debe decidir, con todas as cartas sobre a mesa. Frecuentemente esas nais chegan ás súas casas e dan con que a inhibición, que pensaban sería inmediata, non o é. Ninguén lles explicou que é moi probábel que precisen extraerse leite para aliviar a tensión, é un pensamiento frecuente o "Funciono mal, o meu corpo perdeu meu fillo e as pastillas que me deron non me funcionan... Son eu a que está estragada".
Namentres os peitos vanse ingurxitando...
A lactancia pode inhibirse ademais dun xeito fisiolóxico: os peitos deixan gradualmente de producir leite e a nai extrae leite para manter o seu confort. Esta inhibición pode durar de unha a varias semanas.
Nambas as dúas opcións, estas mulleres necesitarán información e apoio para decidir qué facer e, unha vez decidido, cómo facelo.
A atención sociosanitaria neste tema é, de momento, bastante deficiente. Así e todo, nos últimos anos destapouse o veo e empézase a falar disto... Comeza haber unha conciencia social que até o de agora era inexistente polo silencio... Xa o dixemos antes: existe un nome para a subida do leite cando non hai bebé?
Para máis información:
Bibliografía
Foro SUA
Siempre en el corazón
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario