miércoles, 6 de abril de 2011

Normal ou superior?

gaturro

Que estamos a facer mal na promoción e protección da lactación materna?

Aleitar os fillos é o normal, tanto como enxendralos, xestalos e parilos... vén sendo o seguinte paso natural...
A que vén logo tanto rebumbio co tema? Que foi o que aconteceu para que teñamos que estar teima que teima con que “o peito é o mellor” -“breast is best”, como din os anglófonos...
O peito non é “o mellor” porque é o NORMAL...
Que pasa logo co biberón? En que lugar queda, se o miramos deste xeito? Pois semella sinxelo: o leite artificial é peor, máis ben MOITO PEOR...
Pode parecer un leve matiz semántico, unha forma de dicir o mesmo, mais nada máis lonxe da realidade... Estamos a dicir case o contrario, poñemos o normal como anormal e viceversa.
Son xa décadas de terxiversar a realidade, de non mencionar o leite artificial por non falar mal del en aras do “politicamente correcto”, para protexer as supostas sensibilidades das familias que o utilizan, pero en realidade protexendo os intereses das grandes multinacionais farmacéuticas que o venden, xa son anos de máis de facer estudos sobre o leite materno coma se fose obxecto de investigación, coma se fose algo raro, excepcional, extraordinario, coma un ideal, case unha utopía... á beira do outro, do normal, do común e corrente: da lactancia artificial...
Logo estamos tolos? O raro é darlle leite de vaca modificada aos bebés humanos, ese é o experimento, ese é o obxecto de investigación! O patrón, o control co que hai que comparalo é o leite materno... Polo tanto, os estudos -miles ou centos de miles- que falan da “redución de riscos”, “da menor probabilidade” de contraer doenzas tomando e dando leite materno no canto de leite artificial, están expresados xusto ao revés:
É que é o leite artificial o que aumenta os riscos de contraer múltiples enfermidades... A estas alturas xa non colle a menor dúbida de que o leite artifical é netamente malo para a saúde de nais e bebés. Así de claro.
E logo, diredes, non era que se criaban igual?? “Pois eu tomei biberón e estou moi san” ou “O neno da veciña toma teta e é moi enfermizo”... Abofé, casos particulares haberá milleiros, pero estamos a falar de ciencia e de saúde pública, e o menos que podían facer as autoridades sanitarias é falar claro e tentar de verdade protexer aos máis indefensos.
Anos de campañas antitabaco (moitas realmente agresivas) por fin comezan dar os seus froitos... Cando eu era nena, era normal que os pais fumasen diante dos pequenos, na casa, nos coches, en todas partes.. Hoxe xa non o é. Bueno, normal nunca foi, só o parecía... por costume e repetición. Estaba socialmente aceptado, igual que hoxe o biberón, moitas similitudes...
Campañas antitabaco, campañas antidrogas , campañas de “prevención“ -mentira, de detección precoz- do cancro de mama, de colon...etc, etc..
Para cando, pregúntome, para cando unha campaña de prevención do uso do leite artificial??
Iso é o que funcionaría, iso é o que toca. As campañas de promoción de respirar aire puro, igual que as campañas de promoción da lactancia materna, resultan ñoñas, absurdas e inefectivas... Aínda que, se o miramos ben, practicamente non hai nin campañas das inefectivas a nivel institucional... Demasiados intereses comerciales en xogo , me temo.
Dar leite artificial aos meniños non é normal e tería xa que deixar de parecelo, o primeiro paso é dicilo claramente...
Por desgraza, se o dicimos, colectivos como o noso estamos abocados ao rexeitamento social, a ser tildadas de extremistas, de esaxeradas, de querer “facer sentir culpables ás nais” (sic)...
É, polo tanto, unha tarefa ingrata de máis para nós, que preferimos ser axuda, apoio nai a nai, normalización. E mesmo, se cadra, facer a parte ñoña e inefectiva da promoción...
As campañas de saúde pública, que as fagan as autoridades, nós tentamos lembrarllo cada día a quen corresponda.

Patricia López Izquierdo
Presidenta de Bico de leite

1 comentario:

  1. Felicidades por el artículo, ojalá se hablara con esta misma claridad a todos los niveles, hay que empezar a mirar YA y de verdad por la salud de nuestros niños. Un saludo!

    ResponderEliminar