Eu teño un encanto de filliña que hoxe cumpre 15 meses, a Eva.
A verdade é que sempre tiven claro que a aleitaría, pero como no embarazo oín tantas historias sobre o difícil que era a lactancia, decidín prepararme lendo libros e webs sobre este tema. No puerperio mesmo merquei o "Lawrence" como obra de consulta (aínda que está dirixido a médicos e eu son de Letras)...
Porén, o inicio da lactancia puxéronnolo complicado. Tras un parto no que me sentín vítima no canto de protagonista, separóuseme oito días da miña filla. O motivo: poñela en observación por febre no alumbramento. A consecuencia: aleitala cada tres horas, entre tomas dábanlle chupete e mais mamadeiras de leite artificial ou de soro glucosado, comentarios tipo "Pola noite non baixes, que total, para o leite que tés"...
Desde a alta, as dúas gozamos moitísimo da lactancia, que durará até que ela o precise.
Descubrín Bico cando a Eva tiña 6 meses. Consciente da importancia do seu labor, fíxenme socia e espero así poder axudar a outras nais no futuro. Oxalá ningunha se perdese esta marabillosa experiencia!