jueves, 29 de enero de 2009

Raquel

Eu non fun das primeiras en chegar, descubrín Bico de leite no 2005, embarazada da miña primeira nena. Foi un encontro fugaz, pero algo quedou. Despois naceu a miña Z., as cousas ían ben coa teta, so que eu non o sabía, e todo o mundo ó meu redor vía que a nosa lactancia remataría axiña: "o teu leite non lle chega", "se queda con fame terás que darlle un biberón", "vai xustiña de peso",... pero eu non quería renderme tan axiña. Estaba chea de inseguridades que eran alimentadas polos comentarios dos demáis, so podía apoiarme no meu compañeiro Miguel, que me alentaba nos malos momentos pese a ter tantas dúbidas coma min. Os primeiros 15 días foron moi complicados, ata os 3 meses fomos subsistindo pese a todo e a todos, e entón, un día ó sair dunha revisión do pediatra, coa pantasma de que "está moi por debaixo da media" fun a unha reunión: por primeira vez alguén intentaba buscar o problema, e, aínda sen velo (porque non o había), ofrecíame posibles solucións. Pero o que marcou a diferencia foi que as mulleres que había me comprendían e me apoiaban, por fin alguén máis cría que eu era quen de aleitar á miña filla, e descubrín a tranquilidade. A lactancia foi ben, coma sempre fora, e eu a vivín con calma dende entón.

Cando Z. ía facer 6 meses unha compañeira de embarazo seguía a falarme de Bico de leite, e decidín voltar, esta vez para quedarme, para intentar dar a outras nais o apoio que eu buscaba querendo aleitar. Pero ademáis de dar recibo moito: atopei moitas amigas, comparto experiencias de lactancia e maternidade con outras nais, descubro cada día máis mulleres felices por conseguir dar o peito ós seus fillos e fillas como elas querían...

Hoxe a Z. xa ten 3 aniños, e unha irmá que en marzo fará 3 meses. Coa L. descubrín a normalidade que supón, para min como nai, dar a teta cando tes seguridade e estás rodeada de xente que te entende.
Z. e L. toman teta, e agora a xente que nos ve non me di que o meu leite non vale, ou que quedan con fame, pola contra pregúntanme moitas cousas e teñen a proba de que son posibles.

Ogallá algún día aleitar ós nosos fillos e fillas volva ser un saber popular como o foi ata hai menos de 100 anos, as mulleres volvamos ter a seguridade de que todas somos capaces de dar peito, e o coñecemento para solucionar os problemas que poidan xordir. Mentres tanto, eu seguirei aquí poñendo o meu gran de area para que ese día chegue.


Raquel, mamá de Z., L. e O B.
Febreiro 2009

Durante un ano as dúas irmás compartiron teta, aquí podedes ler algo máis de como foi o noso tandem

Novembro 2010

Sobre a experiencia de inicio de lactación de O B.

Editado marzo 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario