domingo, 28 de agosto de 2016

Relación entre a composición/variedade da dieta materna e a composición do seu leite (editamos a entrada para engadir nº de contacto)


A nosa asociación ven de asinar un acordo de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para a realización dun estudio de investigación.
O obxectivo de dito estudio non é outro que determinar a relación existente entre a composición/variedade da dieta materna e a composición do seu leite.
A investigación vaise a levar a cabo por parte dun equipo de traballo do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da Facultade de Veterinaria de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela e mais a matrona titular do centro de saúde de San Roque de Lugo, socia de Bico de leite e profesional implicada no día a día por conseguir que as lactancias maternas sexan exitosas nas familias ás que presta servizo.

Para facer realidade esta investigación é necesario contar coa doazón de pequenas mostras de leite materno de nais que estean aleitando, que se atopen en calquera momento da súa lactancia, que ademais terán que respostar a un pequeno cuestionario sobor da dieta cotiá que están a seguir.

Esas mostras serán analizadas no laboratorio e despois cruzaránse eses datos cos datos da dieta materna, de xeito que se poida establecer a posible relación entre dieta materna e composición do seu leite, obxecto do estudio.

E aquí é onde entrades vós...

Solicitamos a vosa axuda e colaboración neste estudio dun xeito moi sinxelo: dándoo a coñecer entre futuras nais e nais lactantes da vosa contorna e entre os vosos contactos e compartindo esta información para que se animen a doar unha mostra de leite e a respostar ese cuestionario,... e mesmo animándovos a doar ese leite vos mesmas, todas as que aínda estades aleitando.

De cara á recollida da mostra de leite, podedes poñervos en contacto coa asociación, que colaborará neste proceso, ou mesmo directamente coa matrona investigadora, Dona Olga López Racamonde no teléfono 627 53 76 47.

Moias grazas pola vosa axuda na difusión deste proxecto e na colaboración directa.

Para nós como asociación é todo un privilexio que a USC teña confiado en nós para colaborar nunha investigación levada a cabo íntegramente na nosa provincia.

Editada: Ademáis de no teléfono de Olga que xa vos proporcionamos (e que estes días está de vacacións, así que pregámosvos paciencia ata que volte o día 5 de setembro), tamén podedes contactar no 645930000 con Patricia Regal López, responsable directa do acordo de colaboración asinado. Agardamos poder proporcionarvos mañá se é posible unha dirección de correo electrónico na que poderedes consultar dúbidas, interesarvos por outros estudios..... o que queirades. 

Graciñas pola vosa atención.


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada