sábado, 10 de diciembre de 2011

Lactancia e gardarías

blocks

Para esta entrada tivemos a sorte de entrevistar a Beatriz Ferreira Varela, socia de Criando e directora da escola infantil municipal A Caracola (A Coruña). Á vista de que moitas gardarías poñen trabas á lactación materna, queremos deixar constancia de que outro xeito de traballar, 100% respectuoso co aleitamento, é posíbel...

Preséntaste?

Pois teño dous peques, unha nena de 6 anos (con dous e medio de teta) e un segundo de 20 meses (adoptado e cunha relactación frustrada), e se me unín a Criando foi agradecida por o que vin e sentín, xa que aínda que acudín sen problemas coa miña lactancia, quería aprender máis e logo quedei...

A OMS recomenda aleitar dous anos como mínimo e a duración media do aleitamento en España está en tres meses... Por que?

A iso quero contestar cunha reflexión... Canto maior me fago, máis comprobo que as mamás non teñen INSTINTO propio e se deixan aconsellar polos demais, e é aí onde conseguen un criterio de actuación. Así, se as túas amigas non dan teta… ti non darás teta, se na túa familia ninguén aleitou, ti non te lanzas... Falo da maioría dos casos. Para min o título do libro de Carlos González “Un agasallo para toda a vida” deixa claro que a lactancia é só para unhas elixidas e eu síntome orgullosísima do vivido coa miña filla Dulce, algo inimaxinable e irrepetible. Nestes momentos nos que estamos en plena aterrizaxe dun novo curso chegan as mamás con bebés de 4, 6, 8 meses e coa súa teta por bandeira e eu axúdolles e infórmolles de que se queren seguir coa teta que non a deixen, que esta escola fará o indecíbel para que sigan lactando, que malia que haxa uns horarios estipulados que debemos cumprir (entradas e saídas), as nais lactantes poden vir cando queiran, e aquelas que polo seu horario non poden vir son alentadas, apoiadas, confortadas... para que non abandonen. E se o fan ou as vemos desanimadas, axudámoslles co destete.

Con que obstáculos dan as nais que aleitan máis tempo "do habitual"?

Unha nai que dá a teta máis de 6 meses sempre leva unha etiqueta: es rariña, desas que paren na casa, non traballas... Non está ben visto e, para colmo, as mamás déixanse aconsellar e, se dan con algún obstáculo, o umbral de sufrimento é diferente dunhas a otras…. En todo caso, non se pode forzar algo así.

Existe en Galiza una normativa sobre promoción do aleitamento materno nas escolas infantís? (seica hai uns anos presentouse unha proposición non de lei no Parlamento autonómico que quedou en nada...)

Si, no 2006 presentouse no Parlamento galego esa proposición e eu non sei se se aprobou, mais eu collina por bandeira e sae en todas as circulares que edito, nos folletos de presentación que entrego ás familias... en todo. As escolas son cada vez máis conscientes de que hai que coidar a imaxe que se dá nelas. En varias municipais da Coruña demos relatorios ás familias e ao persoal educativo. 
É a nosa obriga axudar ás mamás e eu sempre digo que, se te tratan mal, reacciones, escribas, cando alguén interrompe ou impide o teu dereito natural de alimentar ao teu fillo ou á túa filla.

Por que nalgunhas garderías non se permite que a nai leve leite materno extraído para que, mentres ela traballa, se alimente ao seu bebé? Consecuencias disto.

Iso faise POR DESCOÑECEMENTO, FALTA DE FORMACIÓN DA DIRECCIÓN E DO PERSOAL... O que descoñeces ou non te interesa, apártalo, prohíbelo...
E as consecuencias?
Pois en moi poucos casos a resposta é enfrontarse. Na maioría asumes e non rechistas porque a tónica xeral é ver as escolas como INIMIGAS DA LACTANCIA MATERNA. Xa fartei de expoñelo en relatorios de Carlos González ou de Rosa Jové, nas que nos critican, ás veces nelas expuxemos a nosa visión da escola… 
Frecuentemente as familias queren deixar a teta e ven a escola coma unha salvación e as que reciben axuda e mimos (si, mimos) para que sigan, atopan o apoio para prolongar a súa lactancia o tempo que desexen. O que teño claro é que na miña escola ninguén vai deixar a teta porque nós llo prohibamos.

Por que a sociedade espera un destete forzoso antes de que a/o nena/o comece o colexio? Consecuencias disto.

Coido que xa dei razóns dabondo...
Aleitar dá moitas satisfaccións, pero se ti, despois de parir, non atopas máis que inconvenientes, asígnanche un pediatra que de doenzas saberá moito, mais de alimentación, e xa non digamos de teta, non sabe ou non lembra o aprendido na carreira... Quen vai dar a teta? Este é un tema terrible. Non preguntas polos pediatras, pero son os inimigos nº1 das nais lactantes. A maioría (si, maioría) das nosas consultas son de nais desesperadas porque o seu pediatra lles di que o bebé non engorda, e, no canto de analizar como mama, suplementan con leite artificial... E veñen a nós pedindo auxilio e chorando, para oír que tamén poderían terlles aconsellado un suplemento de máis teta, máis veces e sen reloxo.

Agradecemos moito a Beatriz que compartise connosco as súas reflexións sobre a súa apaixoante labor e aproveitamos para deixarvos aquí dous documentos que, algún día, esperamos ver en galego:

Tríptico sobre a normativa do aleitamento nas escolas infantís

Rede de apoio á lactación materna (centros de saúde, escolas infantís e grupo de apoio)
 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario