martes, 15 de noviembre de 2011

A inhibición farmacolóxica da lactancia

cabergolina

Existe unha situación na que tomar as pílulas para cortar o leite é unha boa opción e estas están indicadas: cando a muller vén de ter o seu bebé hai poucas horas e NON quere iniciar o aleitamento materno. Neste caso a cabergolina, que é o fármaco mais utilizado hoxe en día con este fin, causa unha redución brusca do nivel de prolactina en sangue e (na meirande parte dos casos, aínda que non sempre) evita a subida do leite.
Así e todo, cómpre sinalar que:
- Este medicamento non está exento de riscos, e a miúdo causa efectos secundarios como mareos, vómitos, cefaleas e hipotensión. Se cadra, estos efectos adoitan atribuírse ao posparto inmediato e confúndense coa "normalidade" sen ser tal. 
- Toda muller debería ser ben informada, a priori e con tempo, dos posibles riscos de tomar esa medicación, así como do perigo para a saúde que significa suprimir a lactancia, a curto e a longo prazo, para ela e o seu bebé.
Lamentablemente, son moitas outras as circunstancias en que este fármaco é prescrito para ás nais, co suposto fin de suprimir a lactancia pero con dudoso éxito.
Hai que ter en conta que, unha vez trascorridas as primeiras semanas tralo parto, os niveis de prolactina van volvendo naturalmente á normalidade e a produción de leite é regulada pola sución do bebé e polo propio baleiramento do peito, de xeito que baixar os niveis de prolactina hipofisaria ten pouco ou ningún efecto sobre a función da glándula mamaria, e sobre a lactancia en sí mesma.
Todo isto vén significar que as devanditas pastillas non van causar o efecto desexado de "cortar o leite" (aínda que si poden ter os outros efectos secundarios, e case sempre baixan a producción nalgunha medida).
Con demasiada frecuencia, as nais atópanse con ingurxitacións e dor por simple acumulación de leite despois de tomaren as pastillas que supostamente lles ían  "quitar o leite" e non fixeron tal.
Situacións típicas deste tipo son:
 -Mastites: nestes casos confiar nas pastillas é especialmente perigoso, xa que é  preciso manter o aleitamento para seguir extraendo o leite do peito e curar así o proceso, evitando a formación de abscesos. Isto engadido a que a medicación vén seguida da indicación estricta de "non aleitar".
- Destetes repentinos: sinxelamente para  deixar de amamantar "aquí e agora" por mil e un motivos, xustificados ou non, adóitase receitar cabergolina, coa idea de que ao tomala o leite desaparecerá inmediatamente sen maior complicación... Véndose entón as nais na anterior tesitura de peitos ingurxitados e risco de mastitis, xunto con posibles efectos secundarios, ademais de sentirse loxicamente confusas e desorientadas co que aconteceu... que foi contrario ás súas expectativas... 
Co tempo, o leite acaba por marchar, pero do mesmo xeito que marcharía por falta de succión e de estímulo en varios días ou semanas e sen tomar o fármaco.
Lembremos que destetar é un proceso que se debería facer sempre de xeito progresivo, que non precisa de medicación algunha e, sobre todo, que é unha decisión que a nai debe tomar libremente despois de ser correctamente informada de todas as opcións posibles e das implicacións que pode ter a súa decisión para ela e o seu bebé.

Patricia
IBCLC

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada