Lembrámosvos as cousas que podedes mercar nas nosas reunións...
-Libro "Cinco anos de Bicos... de leite" (consultas de lactancia): 10€
-Libro "Pel con pel" (fotografías e poemas): 12€
-Boletos para o noso sorteo de Nadal: 3€
-Lotería de Nadal: 5€ -mirade que número máis bonito!;)
... E os fins aos que se destina a recadación (artigo 2 dos nosos estatutos):
1) Reunir a futuras nais, mulleres embarazadas, nais lactantes ou que o foran, e a persoas interesadas na lactancia materna.
2) Proporcionar información e apoio ás mulleres que desexen disfrutar dunha lactancia materna exitosa, a través da organización de grupos de apoio, constituídos fundamentalmente por nais en distintos puntos da provincia de Lugo.
3) Protexer, promover e apoiar a lactancia materna divulgando a súa importancia en todos os ámbitos da sociedade,(familias, profesionais sanitarios, educadores, outros estamentos interesados e medios de comunicación), mediante distintas iniciativas de sensibilización e normalización, cooperando, así mesmo, con outras organizacións de fins semellantes.
4) Defender o dereito de todas as mulleres a amamantar os seus fillos/as tanto tempo como desexen e a recibir todo o apoio social e profesional para acadalo.
5) Informar ás mulleres sobre os seus dereitos laborais en período de lactancia, velar polo seu cumprimento e loitar pola homologación no ámbito europeo en cuestións como permiso por maternidade, axudas económicas, apoios institucionais, etc...Loitando así pola conciliación laboral e familiar e promovendo a igualdade de xénero conforme prevé o artigo 9.2 da Constitución Española.
6) Difundir información sobre a existencia de grupos de apoio á lactancia materna entre a poboación da provincia de Lugo (obxectivo recollido no tratado conxunto elaborado en 1989 pola OMS e UNICEF, Iniciativa Hospital Amigo dos Nenos)
7) Protexer os intereses e dereitos das nais no ámbito sanitario e social, defendendo os cambios normativos necesarios para facilitar o desenvolvemento da lactancia como son:
a) Dereito da muller a estar en compañía da súa parella ou doutra persoa de confianza durante todas as fases do parto.
b) Dereito a unha atención sanitaria máis respectuosa durante o parto, no que a muller poda poñer ao seu fillo/a ao peito nada máis nacer, favorecendo deste xeito o vínculo nai-fillo/a e o inicio exitoso da lactancia.
c) Dereito a ser informada, apoiada e respectada durante o periodo de embarazo e lactancia.
d) Dereito da nai de permanecer co seu fillo/a en caso de hospitalización de calquera dos dous, especialmente durante a lactancia.
e) Dereito a continuar coa lactancia materna unha vez reiniciada a actividade laboral, reivindicando o permiso de maternidade de 6 meses, as reducións de xornada laboral, excedencias pagadas e incremento de prazas de garderías públicas cercanas aos centros de traballo.
8) Promover a sensibilización da directiva e persoal dos servizos sanitarios para que os intereses das nais sexan defendidos na práctica diaria tal como se recolle no Plan Integral de Atención Sanitaria e Social da Muller do Sergas.
Grazas pola vosa colaboración!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario