lunes, 25 de julio de 2011

Lactancia e profesión médica

Gran parte das dificultades polas que atravesa o mundo débense a que as persoas desinformadas están completamente seguras e as persoas informadas, cheas de dúbidas (Bertrand Russell)

médica

Eu tiven a sorte, cando naceu meu primeiro fillo, de dar cunha pediatra pro-lactancia, pro-crianza con apego, inmunóloga, alergóloga e ademais puericultora.
Máis dunha vez saín da consulta cunha receita debidamente asinada e selada que puña: “Delle teta, toda a que poida”. Ela dicía que o da receita era para dar a sensación psicolóxica á nai de que o pediatra estaba “resolvendo” a súa inquedanza.
Dúbidas coa lactación, veña recomendarme o grupo de apoio. Dúbidas sobre choros, sono ou alimentación, veña recomendarme os libros do Carlos González.
Pois esa mesma doutora contoume un día que aos pediatras non se lles ensina cómo criar un neno san, senón cómo curar patoloxías, e que, polo tanto, un pediatra non sabe NADA da práctica da lactancia, senón só de fisioloxía. Que de práctica saben as nais experimentadas e mais os grupos de apoio.
Entón, que diremos de médicos de cabeceira, urólogos, etc... que saberán eles sobre o aleitamento? Por que dan en recomendar destetes ou cuestionar decisións que son, antes que nada, moi persoais?
Parecera que o levar a bata branca lles obriga a ter resposta para todo, mesmo para o que non lles preguntamos.
E se topan con algunha nai que XA tén as respostas que precisa, tómano coma que “en Internet dinse moitas cousas”, ou coma que “qué saben eses da OMS, que só estan alí sentados sen facer nada”...
O triste é cando dan con nais confusas, con dúbidas, que necesitan respostas acertadas, e o que reciben é un baleirado das súas propias experiencias e crenzas, dos seus prexuízos, vamos, desinformación en estado puro.
E esa nai sae da consulta coma se levase unha receita asinada e selada que di: “É unha parvada aleitar a miña filla de 18 meses”, “Teño que ir pensando en destetar a meu bebé de 9 meses”, “Hai que quitar o peito mentres tome antibiótico”, ou calquera outra barbaridade das que adoitan dicirse a cotío ás nais lactantes nas consultas.
É o poder que teñen as batas brancas.
A ver cándo as mulleres facemos valer o poder que temos coma nais.

Elimar

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada