domingo, 22 de mayo de 2011

Lactancia e cine II

Azur e Asmar (Michel Ocelot, 2006)

AZUR_ET_ASMAR_01

Esta fermosa película de animación comeza cunha escea de lactación materna: unha nodriza árabe está a aleitar ao seu fillo Asmar e mais a Azur, fillo dun nobre francés viúvo. Coida ambos os dous nenos co mesmo agarimo: cántalles cancións, lelles contos... Un destes fala dunha fermosa fada, cuxa búsqueda emprenden os irmáns de leite ao facerse mozos...
Non vos contamos máis, para que a vexades, que paga a pena!;)

Ao fío disto preguntamos ás nosas socias polo tema dos irmáns de leite e velaquí o que nos contestaron...

Xiana
A miña sogra tivo unha irmá de leite, pero por desgraza non se criaron xuntas, senón que súa nai marchou traballar de nodriza á Coruña e deixouna en Lugo ao coidado de parentes, sen teta e sen nai:( Anos despois nunca tivo reparo en afirmar que ela quería á súa filla de leite, a quen criara mais non parira... moi comprensible, e moi triste...

Sonsoles
O outro día estaba atendendo un cliente coa nena colgada da teta... O home contábame tan traquilamente as súas desventuras, informábase da posibilidade de pleitear por unhas fincas... E despois chorába emocionado falando dun irmán de teta (un neno que aleitara súa nai canda el) ao que quería moito.... Ai a teta....:)

Julia
A min miña avoa contábame que a ela lle dera leite outra muller que non era súa nai. Agora sinto non terlle prestado máis atención. O estrano deste caso é que miña avoa non era de boa casa (seus pais eran caseiros), e a muller que lle daba leite era das familias máis ricas do pobo, de feito, a que foi irmá de leite de miña avoa (nacida no 1912) estudou para mestra e aínda me deu a min clase.

Montse
Eu teño dúas historias:
Miña nai aleitou a meu irmán e mais a un sonriño de meu pai. Miña tía traballaba e miña avoa paterna (que coidaba do bebé) pediulle a miña nai (entón vivían xuntos) que aleitara ao meu curmán. A miña nai caíalle o leite do outro peito mentres mamaba meu irmán, que se alimentou só de LM até os 13 meses.
E a outra historia é a da miña avoa materna, que compartían leite ela e mais a súa comadre para os nenos. Eu enteireime de nena, cando un dos bebés, que agora está en Arxentina, veu pasar unhas vacacións e deu con un dos meus tíos e díxolle que xamais permitise que maldicisen o leite que mamaron, xa que foi o mesmo...


Precisamente o vindeiro venres preséntase un libro infantil sobre este tema...

libro irmáns de leite

...aínda que a capital nos queda un pouco lonxe;)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada