martes, 20 de enero de 2015

"A nosa batalla co frenillo sublingual". Por Yoani, Toni e Tiago.

Si, a lactación materna é algo natural e instintivo. Non obstante, con frecuencia poden xurdir retos. As máis das veces, por prácticas desaconselladas, produto da desinformación. Pero algunhas outras veces, por causas fisiolóxicas, como é o caso de YoaniToni e Tiago. Coa asesoría e atención axeitadas, puideron gañar esta batalla ao freo sublingual. Eles quixeron contarnos a súa experiencia:

"O noso fillo Tiago naceu o 16 de setembro do 2014. Foi un parto natural polo que só estivemos 2 días no hospital. Debo dicir que as matronas que me atenderon calquera dos días foron moi atentas, humanas e moi profesionais. Varias veces no día visitábannos para ver se todo ía ben, se Tiago mamaba e se agarraba ben o peito, se precisaba axuda, etc.
Aínda corrixindo a postura e facendo o que me mandaban  doíame moito e o neno facíame moito dano, chegando a facerme unha greta grande nun dos peitos.
No informe de alta do pediatra non se indicaba ningún problema físico nin de saúde, aínda que eu nunca puiden estar diante nas consultas para poder preguntar, posto que levaban o neno as auxiliares e volvíano a traer despois das consulta.
A supervisora da planta díxome o día que me deron a alta que fose á asociación Bico de Leite, da que xa me falara a miña matrona Ana, porque alí atoparía axuda e consello.
Ao día seguinte de estar de alta , o venres 19, fomos á sede da Asociación na hora de reunión. Alí estaba Esther, a nosa salvadora. Despois de valorar a postura e ensinarme outras observou o neno e viu que o problema era que tiña o frenillo da lingua moi curto: un tipo 2. Recomendounos falar con algún cirurxián maxilofacial para que o valorasen e se era conveniente cortalo. Falounos de Soledad, cirurxiá maxilofacial en Polusa e gran defensora do aleitamento. Chamámola ese mesmo día e informounos moi ben de como debíamos facer para que fose o máis axiña posible. Falamos tamén coa nosa pediatra para axilizar os trámites e ela opinaba igual ca Esther: debíamos operalo canto antes. O certo é que no lo puxeron todo moi sinxelo, pero os tramites no Sergas son lentos, e cando nos deron cita para operar o noso fillo era xa o 30 de setembro.
Foron 15 días de dor e moito traballo para poder manter a lactancia materna exclusiva. Día e noite sacando o leite e poñéndoo ó final de cada toma un pouquiño no peito para que non preferise o biberón á teta.
O noso pobre Tiago non podía mamar porque o frenillo non lle deixaba mover a lingua e mordía. El cansaba sen obter o leite necesario e eu adoecía de dor. Nin coas pezoeiras  podía evitar a dor.
O día da operación eu estaba moi nerviosa, aínda que me dixeran que era pouca cousa e que non se daría nin conta. Así foi. Soledad explicounos como era o corte e que canto antes se fixese mellor para os dous, porque non precisaba anestesia nin lle provocaba dor, e que era unha mágoa que non llo tivesen feito no hospital antes de darnos a alta, aforrándonos así tanta dor e tantos problemas. Puxémoslle unha sabanilla para suxeitalo, e foi o único que lle molestou. O corte foi rápido e sinxelo. Tiago nin se decatou e quedou durmido aos 5 minutos. Eu tranquiliceime moito ao velo tan ben e ás dúas horas saquei o dobre de leite do que conseguía sacar habitualmente, e é que a tranquilidade é amiga íntima da lactación.
Ao non poder poñer ao meu fillo ao peito curoume a greta que tiña, pero ao estar sacando leite cada pouco produciume moita canseira  e unha mastite por sobreprodución, que tardei un mes en desfacerme dela. Tiago só mama un peito de cada vez e ás veces non o remata de todo, polo que tiña que sacar todo o exceso de leite ata que el só conseguiu regularme a produción.
Hoxe o noso fillo ten 4 meses. El é feliz no meu coliño coa súa teta, e eu son feliz dándolle o mellor alimento que pode tomar, porque ademais de leite tamén toma moito amor.
Dar a teta é duro, é escravo, é sacrificado, pero tamén é marabilloso, agradable, barato, cómodo, hixiénico, é natural e axuda a perder o peso collido no embarazo; é o mellor que podemos facer pol@s nos@s fill@s, e por eles todo o esforzo é pouco. É estupendo velo durmido na teta cando remata de mamar, ou como xoga con ela cando xa non ten fame. E claro que xoga con ela, é o seu primeiro xoguete, o seu pano de bágoas, o seu alimento e tamén o seu consolo. É o todo para el. Como non pelexar para que o siga tendo!!!. Nós non somos de chupetes, biberóns nin mantiñas ou xoguetes de apego. Nós somos de apego ás persoas: ao noso fillo e el aos seus pais. Apego ao amor. O apego únenos na vida e á vida, non a obxectos inertes.
Grazas a Bico de Leite pola axuda, o consello e por estar a calquera hora dispoñibles para poder chamar, sempre dispostas a escoitar e axudar. E grazas tamén por loitar para que o aleitamento sexa a primeira opción. Se esta experiencia servise para que actualizasen protocolos no hospital e lles revisasen o frenillo sublingual aos bebés nacidos alí, aforraríanse moitos problemas e moitos abandonos da lactancia materna.
Aínda que teña que volver a traballar, por sorte (porque teño traballo) ou por desgraza (porque a baixa de maternidade é moi curta), seguirei dándolle de mamar mentres el queira a teta".

YOANI JARTÍN SALGADO.



Aparencia dun freo sublingual Tipo 2*

O freo sublingual defínese como unha membrana mucosa situada baixo a lingua. Se dificulta ou impide o movemento normal desta, dise que hai anquiloglosia ou freo sublingual curto. Na foto obsérvase un freo tipo 2. Este pode restrinxir considerablemente a elevación e extensión da lingua, que se observa plana ou lixeiramente cambada.
A frenotomía é o procedemento cirúrxico polo que se secciona o freo sublingual. É unha técnica sinxela que se realiza en poucos segundos. Hai cirurxiáns que optan por aplicar anestesia tópica, pero na maioría de casos non é necesario, posto que, é unha zona pouco inervada e que apenas ten sensibilidade.
Ás veces prodúcese un lixeiro sangrado sen maior transcendencia, que se detén simplemente comprimindo a zona cunha gasa. Unha vez realizada a frenotomía, o bebé é colocado ao peito deseguida para continuar a lactación.
Convén advertir que a frenotomía pode non solucionar de inmediato os problemas de lactación. Malia que a maioría de nais notan unha melloría ao instante, noutros casos pode ser necesario realizar exercicios específicos de fisioterapia da succión e ter paciencia ata que o neno aprenda a mamar movendo a lingua de xeito correcto.
Para os bebés, as consecuencias dun freo curto poden variar moito, e aínda que a curto prazo poden afectar negativamente á lactación, a medio e longo prazo causan tamén outros trastornos (na dentición, o fala, a respiración e pode mesmo determinar a propensión a sufrir problemas como otite, sinusite, etc).
Esta decisión debe ser valorada na familia logo de recibir a información oportuna e adecuada por parte dos profesionais correspondentes.

* Referencias:


2 comentarios:

  1. Jolin eu non atopei con ninguén en Galicia que lle operase o frenillo a miñ filla. Esta info tedes q facerlla chegar ó resto de grupos de lactancia pq descoñecese q en Galicia alguén os opere. Ou é q só operan o 1 e 2???
    O meu calvario durou 9 meses e era un tipo 4 e falei con asociacions da Coruña, Santiago e Pontevedra e en todas me dixeron q nadie opera aquí os 3 e 4 😦

    Alegrome por esta mamá e o seu neno de corazón.

    A miña historia foi moito mais longa, doloros e complicada.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Por iso é tan importante a difusión. Tentaremos seguir a túa suxestión de publicar máis cousas deste tema.

      Eliminar