martes, 26 de marzo de 2013

Experiencias que rompen esquemas: Poñer as cousas difíciles "así de fáciles".

Chámome Raquel, son asesora de lactancia, teño dúas nenas de agora 7 e 4 anos, que mamaron en tándem durante un ano e tomaron teta ta os 4 o os 3 anos e medio. E agora son tamén nai dun neno que naceu a finais do ano pasado. Non vos conto todo isto para alardear, cada maternidade é diferente, e todas iguais de importantes, pero quería poñervos en situación. 
O B. naceu nun parto precioso, respectado, íntimo, co seu pai, eu e a matrona, coas irmás e avoa acompañándonos ós poucos minutos de nacer, con máis dunha hora de pel con pel na nosa cama, durmindo xuntiños... e as cousas non foron como a seda.
Moitas persoas neses primeiros días me dixeron que os terceiros veñen rompendo esquemas e no noso caso foi así. Non é, como me dicía moita xente, que pensara que iso non me ía pasar a min, é que nin sequera se me pasara pola cabeza a idea de que a lactancia podía non ir ben.

O B. non se colleu ó peito nesa hora de pel con pel, estivo tranquilo, mirándonos e logo entrou nese letargo de moitas horas no que entran todos os bebés. Cando non conseguín que se collera despois das primeiras 24 horas empecei a sacarme costro e darllo cunha culleriña, con tranquilidade, sen pensar máis aló. Logo empezou a intentar coller o pezón tan grande na súa boquiña diminuta e non conseguía máis ca apretar as encías... e mancarme. Ós cinco días pesamolo e xa empezara a recuperar o peso normal que perdera despois de nacer, xa me subira o leite e parecía que as cousas ían collendo forma,... pero non. Durante todo ese tempo o B. facía os pises e as cacas xustiños, eu facía compresión mamaria nas tomas, e, para despistarnos, non era un bebé que durmise seguido nin que chorase seguido, espertaba a intervalos máis ou menos regulares, mamaba e volvía comezar. Pero pasaban os dias e eu decatábame de que as cousas non ían ben. Era a miña terceira lactancia e os meus peitos eran cada vez máis brandos e o tempo que el mamaba sen comprimir o peito, máis curto. A fin de semana antes de que cumplise 15 días e foramos a revisión coa pediatra, comecei a estimulsrme co sacaleites e darlle o pouco que conseguía sacar despois das tomas. O martes que facía medio mes fomos pesalo e confirmouse o que eu temía, o seu peso era o mesmo que dous dias despois de nacer, menos que cando o pesaramos despois da subida do leite. Non quería que fose certo, e que os meus temores se convertesen en certeza, foi coma se me caera unha lousa enriba.

Ó meu favor tiña toda a miña experiencia e os meus coñecementos, eu tiña a certeza de que as cousas tiñan solución, tardarían mais ou menos tempo, teria que facer mais ou menos esforzos, pero o meu bebé estaba san e ia estar ben. E, aínda así, non se trata do que sabes, senón do que sintes: primeiro a culpabilidade por ter sospeitado que as cousas non ían ben e non ter posto remedio antes, e despois a incertidume, que é, coido, o peor sentimento de todos ó que nos enfrontamos as nais cando temos problemas coa lactancia: mirar o teu bebé mentres durme despois de darlle teta e suplementar co teu leite extraído pouco antes, e antes de volver coller o sacaleites para volver comezar sentir esa vertixe, esa sensación no estómago... "e se isto que estou a facer non é abondo? E se intentando facer o que sei que é o mellor non vai ben o meu bebé? E se non son quen de manter este ritmo todo o tempo que el o necesite?" A facilidade para pasar da confianza ó afundimento en só uns minutos... o importante que é ter soporte.
Desta vez creo que o estereotipo que a pediatra tiña de min tamén me axudou. Téñolle que agradecer que só escoitei a palabra biberón unha soa vez, cando lle respostei entre bágoas que sabía o importante que era que o meu fillo estivese ben alimentado, que ía estimularme co sacaleites entre tomas e darlle o meu leite, que ía levar un control para saber que estaba funcionando, e que se non era así non deixaría de intentalo pero sabía que sería necesario suplementar durante un tempo con leite artificial. O único que faltou foi que esa información saíse dela para ter a certeza de que outra nai no meu caso se sentise igual de respaldada, pero teño que agradecer que por primeira vez despois de tantos anos e nunha situación tensa e facendo cousas que non son habituais, non me sentín en ningún momento cuestionada nin atacada senón sempre respectada, e seguro que sabedes o que vale iso vindo dunha profesional sanitaria. Pesei ó meu bebé cada dous ou tres días con ela, aínda que sabía que podían saír resultados inexactos ó non ser a mesma báscula e non estar recomendado, pero eu necesitaba saber que as cousas ían ben, que iamos escalando.
O meu bebé recuperou o peso do nacemento á semana seguinte e a finais do primeiro mes seguía collendo peso de maneira normal. Despois de case quince días deixei de usar o sacaleites (e custoume vencer á incertidume). Dentro duns días vai facer 3 meses e o meu bebé miudiño, hai máis de dous meses que mama e gaña peso ben sen axuda, e aínda así a miña ferida non curou de todo, a emocional, aínda sinto a inseguridade e non son quen de sentir aquela certeza que tiven en todo momento coa miña segunda nena. Sei que leva o seu tempo, e que, como o todo, pasará.
Eu tiven sorte, sabía o que tiña que facer, tiña experiencia anterior, un compañeiro que me daba forzas cando flaqueaba o meu ánimo, unha familia que a estas alturas nin se prantexaba que eu non fose quen de aleitar ó meu bebe,... e ademáis tiña ás miñas compañeiras da asociación, as mesmas que cada venres van ás reunións de nais, que sabía que me comprendían e coas que podía desafogar e coas que podía contar.
Eu, despois de anos de comezar no meu camiño da maternidade, tiña a rede perfecta para loitar pola nosa lactancia. Pero sabía que o meu era un caso excepcional, non facía máis ca pensar na sorte que tiña e en que tería pasado de ser a miña primeira lactancia, de atopar comentarios que minasen a miña confianza como pasaba coa miña primeira filla,... e de todas as nais que non tiñan a sorte de ter quen as apoiase, quen as entendese, quen as animase e as axudase, que non chegaban á asociación por descoñecemento da súa existencia ou por medo despois de escoitar algún comentario malintencionado,...
Por iso escribín isto, porque isto é o que pasa nas reunións de nais, isto é o que somos en Bico de leite: nais, que sabemos o que sentimos as nais cando queremos aleitar, e que podemos botar unha man coa nosa experiencia, os nosos coñecementos ou só escoitando a quen queira desafogar.
Grazas ás miñas compañeiras, ó meu compañeiro, as miñas fillas, ó meu fillo, á miña familia, á miña pediatra, a todo o meu entorno, por poñerme as cousas difíciles así de fáciles.

1 comentario:

  1. Moitos bicos de leite para Raquel, quero lembrarlle que gracias a ela e as outras nais de bico, o meu unico fillo Lois segue con 19 meses tomando a tetiña, os nosos comenzos tamen foron moi dificiles pero o tempo pasa e despois da loita ven a recompensa, é duro pero paga a pena é lembra que non estas sola! unha aperta dende Quiroga.Anabel

    ResponderEliminar