sábado, 25 de febrero de 2012

Lois, Pablo e Anabel

apoio á lm
(ilustración da galega Esther Sánchez Espiñeira, mención especial do xurado no I Concurso de Carteis FEDALMA 2012)


A nosa historia comeza nas clases de preparación ao parto, alí, a nosa matrona, unha grande profesional, insistiu moito na importancia da lactancia, relatounos os enormes beneficios que tiña criar ao bebé, tomando o leite da nai, insistiu en non deixar o peito por tomar según que mediciñas, xa nos advertiu de que moitas veces o peito se deixa antes do debido por un mal asesoramento, e decidimos seguir o seu consello, dándolle ao noso bebé cando nacese, Teta.
O noso bebé chegou ao mundo através dunha cesárea, polo que o pequeno xa tomara dous biberóns de soro glucosado antes de chegar ao meu colo, nese intre nós non sabiamos nada de nada sobre lactancia, durante o embarazo léramos moito sobre o parto e o embarazo pero nada sobre lactancia, demos por suposto que era algo natural. O caso é que no hospital o protocolo impediume estar co meu pequeno até pasadas unhas horas, cando chegou eu estaba dolorida e o pequeno non daba agarrado o peito, estivemos cinco días no hospital, no que o bebé foi extraendo algo de leite, moi pouquiña, e grazas a unhas pezoeiras de silicona que nos recomendou unha visita, pero onde tomou uns cantos biberóns de leite artificial, porque as enfermeras nos dixeron que o bebé tiña que comer cada tres horas, senón lle podía dar unha baixada de sucre, así que a experiencia foi moi estresante: o neno non collía a teta, e co medo de que lle pasase algo dabámoslle biberón de leite artificial, ao final coas pezoeiras conseguimos que mamase algo, a explicación de por que o bebe non mamaba era que eu tiña os bicos moi planos e por eso non collía ben o peito, eu polo visto era defectuosa....
Na casa o primeiro mes e medio foi moi duro, o pequeno estaba todo o día colgado da teta, o pobre non daba sacado o necesario e dormíase na tetiña, así que pasaba as horas nos meus brazos coa teta na boca, pero non conseguía coller peso, nós estabamos nervosos e preocupados, o pediatra díxonos que se non medraba, teriamos que darlle suplemento de leite artificial e que seguramente o neno se acostumbrase ao biberón e fose deixando a teta pouco a pouco, así que se nos falaban do suplemento viamos o demo, pensando que deixaría a teta, parecíanos que non seriamos capaces de darlle o peito ao neno nin sequera tres meses, ademais estabamos tan cansos, o neno tiña fame todo o rato, o único que podia facer en todo o día era darlle a teta e cambiarlle o cu, non tiña nin dez minutos para facer nada, nin comidas, nin casa, ...un estrés total, neste intre pensei que necesitabamos a axuda de alguén e entrei en internet a buscar, ali atopei a Bico de Leite e decidín mandarlles un mail pedindo consello, o contacto con ellas marcou un antes e un despois na lactancia do meu neno.
Compramos un sacaleites manual e intentamos suplementar co noso propio leite, como tiñamos medo do biberón dabámoslle a leite que sacaba da teta cunha xeringa, o neno comía todo todiño, e aínda non era suficiente, en Bico aconselláronnos facerlles unha visita para ver o bebé -malia que nos separaban 100 km, foi a viaxe máis rentable que fixemos nunca. Ao chegar á reunion do venres, atopamos a Raquel e Patricia, que nos trataron e atenderon marabillosamente, ao ver ao pequeño, dixeron que o bebé tiña o queixo cara atrás, polo que tiña dificultade para coller a teta, ademais o neno estaba tan delgadiño que nos recomendaron suplementar inmediatamente con leite artificial e biberón, pero claro explicáronnos como facer a suplementación para non perder o noso leite. A cuestión é ben sinxela cando cha explican e cando entendes como funciona o peito, en todas as tomas tiñamos que poñer o neno primeiro nunha das tetas e da outra ao mesmo tempo sacamos o leite (cun estupendo sacaleites eléctrico que nos prestaron as amigas de Bico de Leite) e lla dabamos cun biberón seguidamente, e por último preparabamos un biberón de leite artificial e tamén llo dabamos até que o pequeno quedaba farto, primeiro 30 ml, se era necesario outros 30, e así sucesivamente; grazas a esta receita foi posíbel que o bebé aumentase de peso de xeito moi rápido, o pobre tiña que recuperar o tempo perdido, a receita foi moi ben e chegamos aos tres meses, o neno medrou dabondo para enganchar por si mesmo de xeito efectivo a tetiña, nese intre xa cada vez foi sendo menos necesario o leite artificial, até o momento no que xa non tomaba ningún, despois pouco a pouco, seguindo as indicacións das nosas amigas, fómoslle quitando os suplementos do noso propio leite, até hoxe en dia, no que o noso pequeno xa ten cinco meses e só toma teta a demanda, algo que nos parecía imposíbel é unha realidade grazas á perseverancia e á axuda inestimable que nos deron, atopamos dificultades no camiño pero a satisfacción de telas superado é moi grande, e ver sorrir ao noso neno e saber que lle damos o mellor paga a pena. Moitas grazas, Bico.

2 comentarios:

  1. A primeira parte que contas lembrame moito o meu propio caso... os primeiros momentos son dificiles non sabes como facer...e no hospital, incriblemente, polo menos naquel tempo (cos outros dous fillos todo cambiou) á mínima te enchufaban o biberon...Menos mal que eu o tiña claro, que si chega ser por eles...No meu caso enseguida collín o tranquillo, e a cousa foi moi ben desde o principio, pero sei de moita xente que se desanimou e non tivo ou non soubo buscar unha axuda, como vos...tan necesaria cando as cousas se complican...Como se agradece, nestes casos unha man amiga!
    Por certo, moitas grazas por mostrar o meu deseno

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola Esther, nestes derradeiros meses chego tarde a todo, pero non quero deixar de agradecer o teu comentario, no hospital polo menos no meu caso ves que os tempos non cambiaron moito, o meu agradecemento pra Bico de Leite e moi grande, foron esa man amiga que como ti dis tanto se agracede.

      Eliminar