lunes, 18 de julio de 2011

O destete natural nos animais

antitetas

Tirando da miña deformación profesional coma veterinaria, hoxe quero escribir sobre un tema que adoita dar moito que falar e ser causa dalgunhas desavinzas familiares e sociais: o destete.

Cando e como destetar as crías ?

É normal que sigan mamando os pequenos cando xa andan, comen, falan, e mesmo van ao cole?

Como xa sabemos as posturas dos organismos oficiais prolactancia ... agora quero facer unha comparativa a título informativo co destete dos animais.
O primeiro é dicir que entre eles a variabilidade é tan ampla case coma entre nós, hai nais que mesmo se negan a aleitar as súas crías, o que non deixa de causarnos tristeza e incomprensión...
E hainas que destetan abruptamente, sen contemplacións, cando a elas lles parece, apartando os cachorros e fuxindo do seu contacto.
Isto é bastante común entre as cadelas, ás que os cadeliños adoitan trabar e deixarlles marcados os dentiños nas tetas, o cal non pode ser nada agradable de aturar.
En xeral, o destete coincide coa introdución da alimentación de adultos de forma plena, é dicir, os gatiños deixan a teta cando xa comen moito pienso para gatiños, os becerros destétanse de todo cando xa poden comer herba ou cereais...

Ou non??

Pois non. É moi frecuente que tanto gatiños coma becerros queiran seguir mamando moito mais alá de empezar a comer de todo. E o máis curioso se cadra é que moitas vacas e gatas non poñen impedimento en que o sigan facendo e continúan dándolles a teta... mesmo até a idade adulta.

Seguro que as/os que teñades relación coa gandeiría e o mundo rural e/ou os/as que criárades moitos gatos, isto xa o sabiades...

Dende tempo inmemorial utilízanse métodos e dispositivos coercitivos para evitar estas lactancias realmente prolongadas. Xeralmente colócase no fuciño dos buchos (ou máis frecuememente buchas) un aparello con pinchos cara arriba, de xeito que, ao ir mamar, crávanselle estas púas á vaca na ubre e polo tanto ela fuxe, patéao, e non lle permite aleitarse.
Arestora estes dispositivos veñen de fábrica con moi variados deseños e calidades e responden ao explícito e sinxelo nome de "ANTITETAS"...

Coma este blog non trata sobre o benestar animal nin sobre o papel da veterinaria na prevención do maltrato... non me extenderei na miña opinión ao respecto destes usos e costumes. Que cadaquén se faga a súa propia opinión.

Sinxelamente quería deixar constancia de que a lactancia e o destete poden ser tan complexos e involuntarios nos nosos semellantes mamíferos coma en nós.
Os animais domésticos tenden a sufrir os mesmos prexuízos que as mulleres e as nenas e nenos, e a cotío son sometidos a parecidos tratamentos condutistas e coercitivos...

Xa vedes, o destete a miúdo non é tan natural e espotáneo como se podería pensar... nin sequera nos animais.

Patricia

No hay comentarios:

Publicar un comentario