lunes, 31 de enero de 2011

Lactancia e separación precoz

metodo canguro

Temos comprobado que unha das causas máis frecuentes de fracaso da lactancia é a separación nai-bebé tralo parto, xa que impide o agarre espontáneo. Esta rutina hospitalaria ten moitos máis efectos perniciosos, que podedes ler aquí.

E que podemos facer ante esta situación? Pois precisamente o que as nais non adoitamos facer: PEDIR!
Pedir tempo co bebé inmediatamente tralo parto. As súas primeiras dúas horas de vida son fundamentais para a instauración do vínculo e as mais das probas que se lle adoitan facer poden esperar.
Pedir, se a separación vai prolongarse no tempo, o aloxamento conxunto ou, no seu defecto, que nos avisen sempre que o bebé teña fame. A lactancia con horarios ríxidos impide a produción e a inxesta de leite necesarias.
Pedir que non lle dean mamadeiras nin chupetes, que poden interferir co inicio da lactancia.
Pedir información constante sobre a evolución do bebé, facendo constar a nosa vontade de telo connosco en canto desapareza a causa da separación.
Pedir apoio nesta experiencia que tan estresante resulta para o bebé, a nai e mailo pai.

E que pasaría se non nos separasen? Isto -a que é marabilloso?

Aviso

domingo, 30 de enero de 2011

Dous vídeos...

... para esta fría mañá de domingo:

Dunha banda, aquí vos deixamos o enlace a un vídeo da asociación El parto es nuestro que é unha fermosa homenaxe á lactancia materna. Titúlase "Se as tetas falasen"... 

Doutra banda, como hoxe se celebra o Día escolar da paz e conscientes de que podemos cambiar o mundo desde os nosos fogares, convidámosvos a ver este vídeo, que pertence á campaña do Consello de Europa en prol dunha crianza positiva.

Que teñades un moi bo día!


 

sábado, 29 de enero de 2011

Lactancia e caries

dientes

Os máis recentes estudos insisten en que a lactancia materna non aumenta a incidencia de caries.
Como se explica neste artigo da Liga de la leche, o motivo radica na diferente succión das lactancias artificial e natural. Na primeira, o leite sae da mamadeira, case sen esforzo, bañando os dentes. Na segunda, pola contra, a mamila é aspirada até a parte posterior do paladar e o leite non entra en contacto coa cavidade oral.
A caries dental débese a factores xenéticos e ambientais. Só a correcta hixiene bucal (xa dende que saen os primeiros dentes) e mais unha dieta axeitada (baixa en azúcares) poden previla.
Velaquí dous recursos interesantes:
Estudo da Academia americana de Pediatría
Información sobre a caries da Sociedade española de Odontopediatría

domingo, 23 de enero de 2011

Reunión temática de xaneiro

Dedicaremos esta primeira xuntanza temática do ano a un tema sobre o que adoitamos recibir consultas: o peso do bebé.
Ao crermos que o bebé non mama dabondo, cómpre que analicemos catro indicadores:
- Ouriños
- Deposicións
- Estado xeral
- Peso
En canto a este último, teremos en conta as curvas de crecemento publicadas pola OMS no 2006 para nenos e nenas de peito, que podedes consultar aquí.
Na reunión veremos posíbeis situacións de baixo peso e resolveremos as vosas dúbidas ao respecto...
Se vos interesa, xa sabedes! Vémonos este venres 28, a partires das 17 horas, no Centro Lug II;)

Fotos da nosa asemblea

3

1

Tomamos decisións, renovamos a xunta directiva e... que ben o pasamos!!

lunes, 17 de enero de 2011

Asemblea 2011

Celebrarémola este domingo 23 ás 10.30 no Colexio Galén e convocamos a ela a todas as socias! Cómpre que nos vexamos as caras, que falemos dos nosos proxectos e soños para este ano e que constatemos que cada vez somos máis;)

A orde do día será a seguinte:

-Aprobación e valoración das actividades e das contas do ano 2010

-Renovación dos cargos da xunta directiva

-Programación do ano en curso

-Rogos e Preguntas

Vémonos o domingo!

domingo, 9 de enero de 2011

Saímos na tele!

Coñecedes o programa MOBilízate? Pois ben, a produtora decidiu rodar un capítulo sobre maternidade e lactancia, en colaboración con asociacións das catro provincias galegas. Para Lugo contactaron connosco, o cal nos alegrou moito;)
Este venres 14 terá lugar a gravación, que inclúe unha tetada ás 12 da mañá na praza de Abastos. Todas as nais que queirades participar nela estades convidadas!

Lactancia e posparto

"Para criar un neno cómpre a tribu enteira" (proverbio africano)

nadando

Laura Gutman califica o puerperio de "caída ao submundo oceánico, cos seus tesouros e mais os seus perigos innatos" e resalta a importancia de que a nai reciba apoio dabondo, de que non se sumerxa soa nesas augas...
Mais o certo é que, no noso contorno, as puérperas xeralmente carecen, carecemos, de axuda. E de recibila, moitas veces está condicionada a aceptar consellos non pedidos... Non se adoita escoitar ás nais, sobre todo de seren primeirizas...
Como consecuencia, a nai recente síntese abandonada, o cal prexudica a súa autoestima e mais a súa relación co bebé, a outra vítima, aínda máis vulnerábel, deste grave problema de saúde pública do que non se fala... Un mal comezo para a instauración do vínculo e da lactancia.
Ademais de compartir as vosas dúbidas e inquedanzas con outras nais nas nosas reunións, velaquí algúns recursos online que vos poden ser útiles:
Apoio á dificultade emocional materna
Apoio ao estrés postraumático posparto
Artigo sobre o tratamento da depresión posparto en nais lactantes
O posparto é sempre unha etapa complexa e delicada... Pedide axuda!

lunes, 3 de enero de 2011

Novidades

Malia estarmos en festas, en Bico de leite non paramos! Velaquí todo no que participamos ultimamente:

- O 14 de decembro asistimos, convidadas pola Deputación de Lugo, á presentación de "Caracois", unha colección de contos e curtas dirixida aos máis cativos. E como proba da nosa presenza, aquí tendes unha fotiño;)

- O 17 de decembro tivemos o obradoiro de portabebés. Dende aquí gostariamos de agradecer á Bea todo o que aprendimos nel!

- Lembrades o concurso de fotografía sobre lactancia materna?
Pois ben, dunha banda, Fedegalma vén de editar uns fermosos calendarios cunha selección dos traballos presentados. Vide a unha reunión de Bico e levade un de balde!
Doutra banda, e froito da colaboración entre Fedegalma e a editorial Galaxia, publicouse, "Pel con pel", un libro con textos de dez poetas galegos adornados con fotos do devandito concurso -aínda podedes pedírllelo aos Reis;)

pel_con_pel1

- Comunicámosvos tamén que o libro de consultas de Bico está a piques de publicarse e estamos ben contentas co resultado!

- Por último, anunciámosvos que na sección "Difúndeo" colgamos un novo documento: a lista de materiais para préstamo que temos na asociación. Se atopades algo interesante, achegádevos a unha das nosas xuntanzas! Reanudarémolas o vindeiro día 7 de xaneiro (de 11 a 13 horas, no Centro Lug II).

Por certo, será a primeira reunión do novo ano, así que aproveitamos para desexarvos un MOI BO 2011!!!