miércoles, 29 de abril de 2009

lunes, 27 de abril de 2009

Arantxa

Eu son Arantxa e teño tres fillos, Alicia, de cinco anos e medio e á que aleitei durante catro, Nacho, de tres e medio, aleitado ata os tres anos, e Laura, de case catro mesiños. Aleitei en tándem durante dous anos, o destete de Alicia foi pactado, o de Nacho foi espontáneo durante o embarazo de Laura.


Para min aleitar ós meus fillos era o natural, non concebía non facelo, pero aínda pensaba que había mulleres que non tiñan leite suficiente, ou que non tiñan bo leite. Cando quedei preñada de Alicia, xa me informara o suficiente para saber que non era así, e que eu aleitaría ós meus fillos. O que non sabía era que o faría prolongadamente. Hoxe, eu, persoalmente, non concibo unha crianza que non conleve un aleitamento prolongado.

Cheguei a Bico de Leite no embarazo de Nacho, cando xa Alicia me fixera percorrer o camiño que me fixo libre e que me levou a buscar outras respostas porque as convencionais non valían con ela, respostas ás que cheguei gracias á lactancia materna. Alí atopei a mulleres que pensaban como eu, que aleitaban prolongadamente e sen prexuizos, e que querían facer da lactancia materna o que nunca debeu deixar de ser, e loitar contra a desinformación, e axudar a outras nais a aleitar ós seus bebés. E alí descubrín a miña vocación de asesora, quizais porque aínda que físicamente as miñas lactancias foron moi boas, psicolóxicamente non o foron tanto (nenos “baixiños de peso”, nenos que mamaban todo o día, que durmían pouco….. a eterna sombra da falta de leite), e sentía a necesidade de comunicar a outras nais que todo iso era normal, e que aleitar ós nosos bebés é o máis fermoso da crianza. Sentía a necesidade de axudar a que outras nais poideran experimentar o que se sinte ó alimentar ós teus fillos, cando te miran co bico na boca, cando acariñan o peito, cando aleitas a un bebé maior.

Ogallá chegue o día en que non fagamos falta, pero ata entón, seguiremos a traballar xuntas, gracias por estar ahí.

miércoles, 22 de abril de 2009

Reunión temática do mes de abril

Este venres 24 de abril, no local da rúa García Portela 11 baixo, de 17 a 19h terá lugar a reunión temática deste mes adicada ó destete e a calquera outra situación de lactancia que vos interese.

Por suposto, coma sempre, hai lugar para vós e os vosos pequenos.

martes, 14 de abril de 2009

Son o que mamo

"SON O QUE MAMO”

Con esta expresión invito a refexionar sobre o que inflúe o ambiente, as nosas vivencias e experiencias, o que vemos, oímos, sentimos….. día a día no entorno máis próximo na nosa formación como persoas, na nosa personalidade, na nosa maneira de enfrentarnos á vida, no que proxectamos para o futuro...Sobre todo nos máis pequechos, nos nosos fillos e fillas que son nos que nos podemos ver reflectidos, nos que máis evidentemente imos vendo como xermolan esas sementes que imos pratando, intencionadamente ou non.

E toda esta reflexión a partir dunha conversa coa miña nena de 4 anos xusto antes de se durmir, cando a súa cabeciña traballa moito na recapitulación das cousas que fixo, que pensou, que vivíu ao longo do día….Pois ben, estabamos o pequecho na teta case dormido, ela e máis eu na cama cando me pregunta se Aldán cando sexa grande será papa...
-E eu vou ser mamá sabes? E os meus bebés van sair pola vulva claro!!! (silencio e queda pensando) E vou ter moitos bebés, pero na casa claro! (eu non parín na casa pero si temos contos e eu lle falo das distintas posibilidades, das experiencias de outras mamás cercanas....) Non quero ir ao hospital....E voulles dar a tetiña todo o que queiran, ata que sexan grandes e xa non queiran máis vale? (ela mamou ata os tres anos) E ti vas estar con nós.


Este tipo de cousas son as que me fan seguir crendo na importancia máxima da normalización da lactancia, de que debemos seguir facendo actividades que fagan saír fóra a lactancia, que os meniños e meniñas ( e os que non o son tanto) o vexan, que vexan aleitar a outros nenos e nenas, grandes e pequenos, na casa, no parque, no monte, no cine, no teatro, na rúa, na praia, nos contos, na tele........ en fin, que se volva a converter en algo natural e habitual e non só en algo tan pouco frecuente que nos chame a atención cando o vemos.

Catuxa.
Febreiro 2009

lunes, 6 de abril de 2009

I CONCURSO FOTOGRAFÍA LACTANCIA MATERNA NOIA-FEDEGALMA 2009

Coa finalidade de promover a Lactación Materna, a matrona de Noia: Pilar Burke, decide organizar en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Apoio á Lactación Materna (FEDEGALMA), e coa participación da Dirección Xeral de Saúde Pública, e o Excmo. Concello de Noia un concurso de fotografía, con fotos realizadas ás nais que aleitan os seus fillos e fillas en diferentes situacións da vida: no campo, na praia, nunha cafetería ou restaurante,...


As bases do concurso son as seguintes:

1. As fotografías serán orixinais e deberán versar sobre a Lactación Materna na vida cotiá.
2. A fotografías serán de tamaño 20x25, en branco e negro ou en cor, e cun máximo de tres por participante. Sempre que sexa posible enviarase tamén en formato electrónico (JPEG, JPG) nun CD ou ben por correo electrónico a fedegalma@fedegalma.org
Enviaranse ó seguinte enderezo:
Centro de Saúde (Att. Matrona)
C/ República Arxentina s/n
15200 Noia-A Coruña
3. No mesmo envío adxuntaranse os datos do participante:
• Nome completo.
• DNI.
• Enderezo.
• Teléfono de contacto.
• Enderezo de correo electrónico (se o ten).
• Nome da nai e do neno ou nenos protagonistas.
• Autorización firmada aceptando expresamente as bases do concurso e a utilización de ditas imaxes en promoción da Lactación Materna.

4. Admitiranse as fotografías recibidas antes do 20 de Maio.
5. Non poderán participar familiares directos dos membros do xurado.
6. Farase unha exposición con todas as fotografías recibidas no “Teatro Coliseo Noela” os días 12 e 13 de Xuño.
7. O xurado estará formado por: unha enfermeira de pediatría, a matrona, un representante do Concello, un fotógrafo, e unha socia representante de FEDEGALMA.
8. Os premios entregaranse ó final da Charla sobre Lactación Materna, que se celebrará no mesmo lugar da exposición o día 13 de Xuño. Os gañadores serán informados previamente.
9. O fallo do xurado será inapelable.
10. Non se devolverán as fotografías. En todo caso poderán ser utilizadas pola organización e os patrocinadores do Concurso (FEDEGALMA e Dirección Xeral de Saúde Pública) con fins de promoción da Lactación Materna en diferentes ámbitos: publicacións, exposicións, carteis,...

PREMIOS
• Un primeiro premio de 1.000€ á mellor fotografía.
• Un segundo premio de 600€.
• Un terceiro premio de 400€.
• Un cuarto premio de 200€ do Concello de Noia en cheques regalo para gastar en comercios da cidade.

Bases en galego
Bases en castelán

Animádevos a participar e normalizar a imaxe da lactancia!