lunes, 26 de septiembre de 2011

Presentación do noso libro en Foz

portada definitiva

O vindeiro sábado 1 de outubro ás 18:00 na libraría Ofifoz (avenida da Mariña 46), as nosas asesoras mariñás presentarán o libro "Cinco anos de Bicos... de leite", no que recollemos unha selección das consultas que contestamos por mail nos primeiros cinco anos de traxectoria da nosa asociación, clasificadas por temas. 
Lembrámosvos que podedes adquirilo nas nosas xuntanzas a un prezo de 10 euros e a recadación destinarase ás nosas actividades de promoción da lactación materna. Tamén o atoparedes na devandita libraría e nestas dúas:
- Burela: Comercial Auma (libraría da igrexa)  
- Lugo: Libraría Trama (avenida da Coruña 21)

A presentación mariñá marca o comezo dos actos da Semana mundial da lactación materna...

... Gostariamos ben de que nos acompañásedes!

viernes, 23 de septiembre de 2011

Reunión temática de setembro

Tentempie para dos

O venres 30 de setembro de 17 a 19h na Aula de educación maternal do SERGAS (r/ Doutor Garcia Portela 11-baixo, Lugo) teremos a nosa primeira reunión temática do curso 2011-2012;) Por certo, será a nosa derradeira xuntanza nese local, xa que en outubro voltaremos ao Centro Lug2 -mais disto falarémosvos noutra entrada...
A reunión versará sobre a falta de leite ou HIPOGALACTIA.
Existen varios motivos que poden, ben inhibir (hipogalactia total), ben reducir (hipogalactia parcial) a produción de leite materno, e que tedes enumerados neste documento:

Actualizacións de Diana West, IBCLC

Porén, os estudos e informes oficiais (p.e. o Plan Estratéxico para a Protección, Promoción e Apoio ao aleitamento en Europa) advirten reiteradamente que as preocupantes tasas de lactación materna se deben a unha falsa hipogalactia, derivada da falta de apoio social e institucional, tema sobre o que podedes ler máis aquí:

Artigo Inma Marcos
Artigo El club de la teta

Vides o vindeiro venres a falar de todo isto e das dúbidas sobre lactación materna que vos xurdan?

Agardámosvos!;)

martes, 20 de septiembre de 2011

Máis contos con tetas: MAXIA!

Así se titula o libro ilustrado de Charo Pita e Madalena Matoso editado por OQO editora.

Nel Óscar, o curmán grande do bebé da Tía Elisa queda ao cargo deste, mentres ela vai á compra. Cando se pon a chorar e o curmán deduce que ten fame, pasea a vila enteira buscando algo que darlle de comer: na pastelaría, na horta, na granxa, na peixaría, na carnizaría… volvendo ao fin á casa da Tía Elisa, onde o avó a vai buscar para que lle dea de comer. E mentres Óscar mira as bolsas da compra agardando ver o que comen os bebés, a Tía Elisa as deixa pousadas, senta no sofá, desabotoa a blusa e fai Maxia! 

E para nós foi toda una sorpresa descubrir que era un libro infantil no que o tema principal é a lactancia, pero tratado de xeito que os nenos que non tomaron teta aprenden sen máis que o que comen os bebés é teta e que ademáis os fai estar contentos e tranquilos e, para os nenos que si tomaron teta e se lembran é toda unha sorpresa chegar ó final e ver que para eles a resposta estaba ben clara, pero aínda así se sorprenden de velo nun libro. 

E para min, para a mamá, que comparasen a teta con algo máxico é un punto a favor, porque está preto do que sentimos as nais ao saber que podemos criar a un bebé só co noso corpo -algo extraordinario sen deixar de ser algo cotián.

Ogallá que pouco a pouco e grazas a libros coma este ver un bebé tomando teta nun libro deixe de ser unha sorpresa :)

(ás miñas nenas, ademáis, lles encanta buscar os lugares por onde pasou Óscar nas últimas páxinas do libro :) )

Raquel

viernes, 16 de septiembre de 2011

Lactancia e depresión

tristeza

Á vista do xeneralizado descoñecemento sobre este tema, queremos deixar constancia de tres ideas básicas, respaldadas pola evidencia científica:

1- A lactación materna protexe da depresión postparto na medida en que mellora o vínculo co bebé e proporciona á nai benestar físico (oxitocina mediante) e a satisfacción racional de estar a facer algo único, crucial e de enorme proveito para a vida daquel.

2- Os problemas co aleitamento, especialmente a dor continua e non tratada ou a sensación de "non poder" ou de "facelo mal" poden agravar ou precipitar unha depresión postparto. Polo tanto, é imprescindíbel tratar a dor e os problemas, resolvendo as súas causas o máis axiña posíbel e apoiando incondicionalmente á nai que aleita.

3- Nos casos de depresión diagnosticada e lactancia en curso, cómpre tratar á nai e, asemade, protexer e preservar a lactación materna. A compatibilidade dos medicamentos receitados pode consultarse aquí.

Saben moito máis estas dúas investigadoras:
Ibone Olza
Kathleen Kendall-Tackett

lunes, 12 de septiembre de 2011

Proximamente... (reeditada)

 11032011-IMG_1181

Agosto 

- do 5 ao 31: exposición fotográfica en Foz
- día 19: obra de teatro

Setembro 

- do 5 ao 29: exposición fotográfica en Burela
- día 11: asemblea extraordinaria
- día 30: reunión temática sobre a falta de leite
  
Outubro

- do 1 ao 8: Semana mundial da lactación materna
  Foz:
    Presentación do noso libro
    Cine para mamás e bebés
  Lugo:
    Exposición fotográfica
    Acto conmemorativo
- día 15: obradoiro Sentimentos de nais e pais    
- día 28: reunión temática sobre o sono
 
Novembro 

- día 5: obradoiro de masaxe infantil 
- día 25: reunión temática sobre a alimentación complementaria

Decembro

- día 3: obradoiro de portabebés 

Iremos informándovos destes actos máis polo miúdo aquí...
E velaquí un cartaz para enviar a quen pensedes que poidan interesar... 
Graciñas mil!;)

viernes, 9 de septiembre de 2011

Lactancia e cine IV

la-lait-des-autres1

Le lait des autres (Jacques Tréfouël, 2008)

O Morvan (do celta mor, negro, e vand, montaña) é un macizo
montañoso sito na rexión de Borgoña (Francia). Esta área, comeza dicindo o documental, "sempre foi considerada coma a terra do leite por excelencia. Xa os romanos deixaron constancia de que as galas de Bitracte mollaban os seus peitos nunha fonte do monte Beuvray para obter moito leite para aleitar a seus fillos. Dende entón, as descendentes cristiás destas mulleres estiveron moi solicitadas. En Dun-les-Places achouse a nodriza do rei de Roma. De Empury procedía a do fillo de Napoleón III. Esta predilección polas nodrizas do Morvan fixo que no século XIX se poblase de bebés recén nados"...
... até o punto de que París se baleirou de bebés, e as zonas de nodrizas se chamaron "o pequeno París".       
Ao principio só as familias acomodadas facían uso das nodrizas, mais na época da Revolución industrial, mesmo se obrigou ás mulleres da clase obreira a mandar seus bebés ao campo durante os primeiros dous anos, para así cumprir con xornadas laborais agotadoras -o historiador que analiza este feito comentaba que eses bebés adoitaban ser enfermizos, debido á escaseza de médicos nas pequenas vilas, mais quizais a causa debamos buscar no sentimento de abandono e desvinculación que tiveron que experimentar.   
O seguinte paso foi que as nodrizas viaxasen a París, para aleitar os bebés de familias ricas, deixando atrás os seus propios fillos e fillas e mais a súa parella. A viaxe dende o campo até a capital, coñecida como "purgatorio", facíana en condicións moi penosas, como tal denominación indica...
Dada a magnitude deste fenómeno, chegouse a regulalo. Esixíase ás nodrizas que se desen de alta na Prefectura de policía, facíaselles un exame médico e logo inscribíanse no Grand Bureau des Nourrices, creado en París no 1869.
Este traballo comezou desaparecer coa invención do leite de fórmula, que a poboación viu como algo moderno e beneficioso, se ben incrementou enormemente as taxas de mortalidade infantil... até o punto de que unha viñeta da época o denomina "o perigo branco"... algo que hoxe se consideraría politicamente incorrecto:(

lunes, 5 de septiembre de 2011

Xenerosidade

lactancia entre especies

Esta fermosa foto, publicada nun xornal hindú, está nominada este ano ao prestixioso concurso de fotografía de National Geographic.
Agradecemos á nosa querida socia Rosa que nolo comunicase;)
(Por certo, os medios que difundiron esta nova citaban como fonte esta fermosa web, mais nela non consta a autoría da imaxe. Se a sabedes, dicídenola! Mil grazas...)