jueves, 29 de diciembre de 2011

Convocatoria de asemblea

Convidamos ás socias e aos socios á asemblea que terá lugar no centro Lug2 o sábado 14 de xaneiro ás 10:30 horas

A orde do día será a seguinte: 
- Programación das nosas vindeiras actividades, sinaladamente:
. Concurso de debuxo sobre lactación materna
. Xornadas de asesoría en lactancia  
- Renovación dos cargos de presidenta e secretaria 
- Rogos e preguntas 

Gostariamos ben de contar coa vosa asistencia...

E desexámosvos un moi feliz 2012!

sábado, 24 de diciembre de 2011

Bo Nadal

cabaliños

Gozade ben destas festas!
Moitos bicos... de leite


(Imaxe: fragmento do debuxo de Daniela Gómez Vázquez,
do CEIP Baamonde)

jueves, 22 de diciembre de 2011

Avisos

1- Malia que os e as peques teñan vacacións de Nadal, en Lugo en Bico de leite seguimos a reunirnos nestas datas...
-mañá 23 de 11 a 13h
-o venres 30 de 17 a 19h, mais non haberá reunión temática
... agás o venres 6, día de Reis, no que estaremos a abrir agasallos;)
2- Lembrade que gañará a nosa rifa de Nadal aquela persoa que elixiu o número que coincida coas dúas derradeiras cifras do primeiro premio da lotería. Como algúns números están en branco, en defecto de gañadora, consultaremos o segundo premio, e, no seu caso o terceiro... Que temos moitas ganas de dar ese lote de libros!  
3- E o máis importante... Esperamos que hoxe toque o 47126;) 

sábado, 17 de diciembre de 2011

A duración do aleitamento

última2

1- "O patrón de duración da lactancia nos humanos até hai menos de cen anos, e aínda hoxe en sociedades non contaminadas pola civilización predominante, foi de 3 a 4 anos con variacións entre o ano e os 7 ou máis anos. Arestora a Organización Mundial da Saúde (OMS) e mais o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) recomendan manter o aleitamento até os 2 anos ou máis en todos os países do mundo." 
(Fonte: web da Academia española de pediatría)

2- Galicia (datos INE 2006) tén as taxas de lactancia máis baixas de España:
48,2% bebés maman ás 6 semanas
38,3% bebés maman aos 3 meses
17,5% bebés maman aos 6 meses 

3- Conclusión: debemos preocuparnos pola CURTA duración da lactancia, non pola súa EXCESIVA duración...  

Para máis información: 

Blog Ileana Medina
Blog Eloísa López
Artigo Katherine Dettwyler 
Artigo Jack Newman

martes, 13 de diciembre de 2011

Este venres...

... en FOZ:

A partir das 18h na nosa xuntanza na casa da Xuventude faremos unha merenda para despedir ben o 2011;)

Reunión Foz 1

... en LUGO:

Teremos dúas actividades:
- xuntanza de 11 a 13h
- obradoiro de porteo de 16 a 18.30h

Sexa na Mariña ou na capital... Agardámosvos! 
 

sábado, 10 de diciembre de 2011

Lactancia e gardarías

blocks

Para esta entrada tivemos a sorte de entrevistar a Beatriz Ferreira Varela, socia de Criando e directora da escola infantil municipal A Caracola (A Coruña). Á vista de que moitas gardarías poñen trabas á lactación materna, queremos deixar constancia de que outro xeito de traballar, 100% respectuoso co aleitamento, é posíbel...

Preséntaste?

Pois teño dous peques, unha nena de 6 anos (con dous e medio de teta) e un segundo de 20 meses (adoptado e cunha relactación frustrada), e se me unín a Criando foi agradecida por o que vin e sentín, xa que aínda que acudín sen problemas coa miña lactancia, quería aprender máis e logo quedei...

A OMS recomenda aleitar dous anos como mínimo e a duración media do aleitamento en España está en tres meses... Por que?

A iso quero contestar cunha reflexión... Canto maior me fago, máis comprobo que as mamás non teñen INSTINTO propio e se deixan aconsellar polos demais, e é aí onde conseguen un criterio de actuación. Así, se as túas amigas non dan teta… ti non darás teta, se na túa familia ninguén aleitou, ti non te lanzas... Falo da maioría dos casos. Para min o título do libro de Carlos González “Un agasallo para toda a vida” deixa claro que a lactancia é só para unhas elixidas e eu síntome orgullosísima do vivido coa miña filla Dulce, algo inimaxinable e irrepetible. Nestes momentos nos que estamos en plena aterrizaxe dun novo curso chegan as mamás con bebés de 4, 6, 8 meses e coa súa teta por bandeira e eu axúdolles e infórmolles de que se queren seguir coa teta que non a deixen, que esta escola fará o indecíbel para que sigan lactando, que malia que haxa uns horarios estipulados que debemos cumprir (entradas e saídas), as nais lactantes poden vir cando queiran, e aquelas que polo seu horario non poden vir son alentadas, apoiadas, confortadas... para que non abandonen. E se o fan ou as vemos desanimadas, axudámoslles co destete.

Con que obstáculos dan as nais que aleitan máis tempo "do habitual"?

Unha nai que dá a teta máis de 6 meses sempre leva unha etiqueta: es rariña, desas que paren na casa, non traballas... Non está ben visto e, para colmo, as mamás déixanse aconsellar e, se dan con algún obstáculo, o umbral de sufrimento é diferente dunhas a otras…. En todo caso, non se pode forzar algo así.

Existe en Galiza una normativa sobre promoción do aleitamento materno nas escolas infantís? (seica hai uns anos presentouse unha proposición non de lei no Parlamento autonómico que quedou en nada...)

Si, no 2006 presentouse no Parlamento galego esa proposición e eu non sei se se aprobou, mais eu collina por bandeira e sae en todas as circulares que edito, nos folletos de presentación que entrego ás familias... en todo. As escolas son cada vez máis conscientes de que hai que coidar a imaxe que se dá nelas. En varias municipais da Coruña demos relatorios ás familias e ao persoal educativo. 
É a nosa obriga axudar ás mamás e eu sempre digo que, se te tratan mal, reacciones, escribas, cando alguén interrompe ou impide o teu dereito natural de alimentar ao teu fillo ou á túa filla.

Por que nalgunhas garderías non se permite que a nai leve leite materno extraído para que, mentres ela traballa, se alimente ao seu bebé? Consecuencias disto.

Iso faise POR DESCOÑECEMENTO, FALTA DE FORMACIÓN DA DIRECCIÓN E DO PERSOAL... O que descoñeces ou non te interesa, apártalo, prohíbelo...
E as consecuencias?
Pois en moi poucos casos a resposta é enfrontarse. Na maioría asumes e non rechistas porque a tónica xeral é ver as escolas como INIMIGAS DA LACTANCIA MATERNA. Xa fartei de expoñelo en relatorios de Carlos González ou de Rosa Jové, nas que nos critican, ás veces nelas expuxemos a nosa visión da escola… 
Frecuentemente as familias queren deixar a teta e ven a escola coma unha salvación e as que reciben axuda e mimos (si, mimos) para que sigan, atopan o apoio para prolongar a súa lactancia o tempo que desexen. O que teño claro é que na miña escola ninguén vai deixar a teta porque nós llo prohibamos.

Por que a sociedade espera un destete forzoso antes de que a/o nena/o comece o colexio? Consecuencias disto.

Coido que xa dei razóns dabondo...
Aleitar dá moitas satisfaccións, pero se ti, despois de parir, non atopas máis que inconvenientes, asígnanche un pediatra que de doenzas saberá moito, mais de alimentación, e xa non digamos de teta, non sabe ou non lembra o aprendido na carreira... Quen vai dar a teta? Este é un tema terrible. Non preguntas polos pediatras, pero son os inimigos nº1 das nais lactantes. A maioría (si, maioría) das nosas consultas son de nais desesperadas porque o seu pediatra lles di que o bebé non engorda, e, no canto de analizar como mama, suplementan con leite artificial... E veñen a nós pedindo auxilio e chorando, para oír que tamén poderían terlles aconsellado un suplemento de máis teta, máis veces e sen reloxo.

Agradecemos moito a Beatriz que compartise connosco as súas reflexións sobre a súa apaixoante labor e aproveitamos para deixarvos aquí dous documentos que, algún día, esperamos ver en galego:

Tríptico sobre a normativa do aleitamento nas escolas infantís

Rede de apoio á lactación materna (centros de saúde, escolas infantís e grupo de apoio)
 

 

martes, 6 de diciembre de 2011

Novo obradoiro de porteo

IMG_6970

É unha fachenda para Bico de leite que o obradoiro de porteo do pasado sábado fose un éxito, así que queremos dar as grazas a Bea polo seu esforzo e ao público pola súa asistencia e participación.

Debido a que se nos fixo un pouco curto, imos repetilo o venres 16 de decembro de 16 a 18.30 no Centro Lug2, organizándonos do seguinte xeito:
- de 16 a 17h impartirase de novo a parte teórica
- de 17.15 a 18.30 faremos prácticas cos distintos portabebés

Contactaremos vía mail coas persoas que asististes o sábado, coa finalidade de que asistades á parte práctica, de balde e sen necesidade de inscrición.

As demais persoas precisades inscribirvos en bicodeleite@yahoo.es, lembrade que o obradoiro é gratuíto para socias e socios e só custa 5€ para as demais persoas.

Animádevos a vir... Seguro que logo lles pedides aos Reis un mei ou un pouch...
;)

sábado, 3 de diciembre de 2011

Que lle merco?



Achégase o Nadal e algunhas socias pensamos proporvos ideas de agasallo concordes coa filosofía biqueira...

Ademais dos dous libros que seguimos a vender nas nosas reunións ("Cinco anos de Bicos... de leite" a 10€ e "Pel con pel" a 12€), atoparedes máis lecturas recomendadas aquí:

Lista 1
Lista 2

En canto a outros obxectos, velaquí o que se nos ocorreu...

Fular elástico para portear a recén nacidos
Mei tai para portear nenos/as a partir dos 5 meses
Xoguetes de madeira ou de cartón reciclado 
Bonecas embarazadas, que paren, portean, aleitan 
Bebé glotón
Portabonecos
Ovos sorpresa de chocolate de comercio xusto

... Ou tendes vós algunha suxerencia?;) 

martes, 29 de noviembre de 2011

Pequeno cambio de horario

O obradoiro de porteo será este sábado de 11.15 a 12.45, perdoade as molestias...
Bicos de leite

sábado, 26 de noviembre de 2011

Obradoiro de portabebés

boneca porteadora

O sábado 3 de decembro de 11.30 a 13.30 no Centro Lug2 teremos un obradoiro de porteo, impartido novamente por Bea de Serdoulas, unha auténtica experta no tema.
Velaquí o programa: 
-Falaremos dos beneficios de levar así a nosos fillos e a nosas fillas
-Probaremos os distintos tipos de portabebés 
-Resolveremos as vosas dúbidas
Lembrade que esta actividade é de balde para persoas asociadas e custa só 5€ para as demais.
Se vos interesa, inscribídevos xa en bicodeleite@yahoo.es...

Agardámosvos!!!

lunes, 21 de noviembre de 2011

Apoio a Preescolar na casa

Nós, a asociación Bico de leite, queremos manifestar o noso apoio á Fundación Preescolar na casa e animámosvos a participar nos vindeiros actos en prol da súa continuidade:

- Recollida de firmas (podedes asinala aquí)
- Manifestación este sábado 26 de novembro en Lugo, que sairá ás 12h da praza do Ferrol, primeira sede do devandito proxecto, e irá até a praza da estatua de Antonio Gandoy, o seu fundador.

Grazas pola vosa colaboración!

Seguiremos informando...  

sábado, 19 de noviembre de 2011

Reunión temática de novembro

ac

O venres 25 de novembro de 17 a 19h no Centro Lug2 (r/ Pintor Corredoira 4) teremos a nosa xuntanza temática mensual, que esta vez tratará sobre ALIMENTACIÓN COMPLEMENTARIA.
Aos bebés alimentados con lactación materna exclusiva comezarán ofrecérselles outros alimentos cando cumpran 6 meses, se ben o aleitamento debería durar, segundo a OMS, até os 2 anos como mínimo.
Para iniciar este ofrecemento doutros alimentos cómpre:
-que o bebé se teña sentado,
-que perdera o reflexo de extrusión (é dicir, que manteña o alimento na boca), 
-que amose curiosidade por outros alimentos,
-que saiba dicir non (con palabras ou xestos) -para que cando exprese este rexeitamento, respectemos a súa decisión e non o forcemos a comer.

Para máis información:

Relatorio de Carlos González
Recomendacións da Unión europea
Información sobre alimentación complementaria a demanda

Na reunión intercambiaremos experiencias neste tema e tamén resolveremos as dúbidas sobre lactancia que nos plantexedes.

Vide compartir a tarde do venres connosco!

jueves, 17 de noviembre de 2011

martes, 15 de noviembre de 2011

A inhibición farmacolóxica da lactancia

cabergolina

Existe unha situación na que tomar as pílulas para cortar o leite é unha boa opción e estas están indicadas: cando a muller vén de ter o seu bebé hai poucas horas e NON quere iniciar o aleitamento materno. Neste caso a cabergolina, que é o fármaco mais utilizado hoxe en día con este fin, causa unha redución brusca do nivel de prolactina en sangue e (na meirande parte dos casos, aínda que non sempre) evita a subida do leite.
Así e todo, cómpre sinalar que:
- Este medicamento non está exento de riscos, e a miúdo causa efectos secundarios como mareos, vómitos, cefaleas e hipotensión. Se cadra, estos efectos adoitan atribuírse ao posparto inmediato e confúndense coa "normalidade" sen ser tal. 
- Toda muller debería ser ben informada, a priori e con tempo, dos posibles riscos de tomar esa medicación, así como do perigo para a saúde que significa suprimir a lactancia, a curto e a longo prazo, para ela e o seu bebé.
Lamentablemente, son moitas outras as circunstancias en que este fármaco é prescrito para ás nais, co suposto fin de suprimir a lactancia pero con dudoso éxito.
Hai que ter en conta que, unha vez trascorridas as primeiras semanas tralo parto, os niveis de prolactina van volvendo naturalmente á normalidade e a produción de leite é regulada pola sución do bebé e polo propio baleiramento do peito, de xeito que baixar os niveis de prolactina hipofisaria ten pouco ou ningún efecto sobre a función da glándula mamaria, e sobre a lactancia en sí mesma.
Todo isto vén significar que as devanditas pastillas non van causar o efecto desexado de "cortar o leite" (aínda que si poden ter os outros efectos secundarios, e case sempre baixan a producción nalgunha medida).
Con demasiada frecuencia, as nais atópanse con ingurxitacións e dor por simple acumulación de leite despois de tomaren as pastillas que supostamente lles ían  "quitar o leite" e non fixeron tal.
Situacións típicas deste tipo son:
 -Mastites: nestes casos confiar nas pastillas é especialmente perigoso, xa que é  preciso manter o aleitamento para seguir extraendo o leite do peito e curar así o proceso, evitando a formación de abscesos. Isto engadido a que a medicación vén seguida da indicación estricta de "non aleitar".
- Destetes repentinos: sinxelamente para  deixar de amamantar "aquí e agora" por mil e un motivos, xustificados ou non, adóitase receitar cabergolina, coa idea de que ao tomala o leite desaparecerá inmediatamente sen maior complicación... Véndose entón as nais na anterior tesitura de peitos ingurxitados e risco de mastitis, xunto con posibles efectos secundarios, ademais de sentirse loxicamente confusas e desorientadas co que aconteceu... que foi contrario ás súas expectativas... 
Co tempo, o leite acaba por marchar, pero do mesmo xeito que marcharía por falta de succión e de estímulo en varios días ou semanas e sen tomar o fármaco.
Lembremos que destetar é un proceso que se debería facer sempre de xeito progresivo, que non precisa de medicación algunha e, sobre todo, que é unha decisión que a nai debe tomar libremente despois de ser correctamente informada de todas as opcións posibles e das implicacións que pode ter a súa decisión para ela e o seu bebé.

Patricia
IBCLC

viernes, 11 de noviembre de 2011

Traballando arreo

Belén o pasado sábado impartindo o obradoiro de masaxe infantil...

Na prensa local

obradoiro masaxe 2011

Patricia o luns inaugurando a exposición fotográfica no Centro social Uxío Novoneyra...
(fonte: La Voz de Galicia; autor: Pradero)

Na prensa local

patri expo un

Esther hoxe falando do aleitamento materno ao alumnado do Ciclo de educación infantil do Politécnico...

esther en fp;)

jueves, 10 de noviembre de 2011

De compras

Lembrámosvos as cousas que podedes mercar nas nosas reunións...

-Libro "Cinco anos de Bicos... de leite" (consultas de lactancia): 10€
-Libro "Pel con pel" (fotografías e poemas): 12€
-Boletos para o noso sorteo de Nadal: 3€
-Lotería de Nadal: 5€ -mirade que número máis bonito!;)


lotería

... E os fins aos que se destina a recadación (artigo 2 dos nosos estatutos):
 
1) Reunir a futuras nais, mulleres embarazadas, nais lactantes ou que o foran, e a persoas interesadas na lactancia materna.

2) Proporcionar información e apoio ás mulleres que desexen disfrutar dunha lactancia materna exitosa, a través da organización de grupos de apoio, constituídos fundamentalmente por nais en distintos puntos da provincia de Lugo.

3) Protexer, promover e apoiar a lactancia materna divulgando a súa importancia en todos os ámbitos da sociedade,(familias, profesionais sanitarios, educadores, outros estamentos interesados e medios de comunicación), mediante distintas iniciativas de sensibilización e normalización, cooperando, así mesmo, con outras organizacións de fins semellantes.

4) Defender o dereito de todas as mulleres a amamantar os seus fillos/as tanto tempo como desexen e a recibir todo o apoio social e profesional para acadalo.

5) Informar ás mulleres sobre os seus dereitos laborais en período de lactancia, velar polo seu cumprimento e loitar pola homologación no ámbito europeo en cuestións como permiso por maternidade, axudas económicas, apoios institucionais, etc...Loitando así pola conciliación laboral e familiar e promovendo a igualdade de xénero conforme prevé o artigo 9.2 da Constitución Española.

6) Difundir información sobre a existencia de grupos de apoio á lactancia materna entre a poboación da provincia de Lugo (obxectivo recollido no tratado conxunto elaborado en 1989 pola OMS e UNICEF, Iniciativa Hospital Amigo dos Nenos)

7) Protexer os intereses e dereitos das nais no ámbito sanitario e social, defendendo os cambios normativos necesarios para facilitar o desenvolvemento da lactancia como son:

a) Dereito da muller a estar en compañía da súa parella ou doutra persoa de confianza durante todas as fases do parto.

b) Dereito a unha atención sanitaria máis respectuosa durante o parto, no que a muller poda poñer ao seu fillo/a ao peito nada máis nacer, favorecendo deste xeito o vínculo nai-fillo/a e o inicio exitoso da lactancia.

c) Dereito a ser informada, apoiada e respectada durante o periodo de embarazo e lactancia.

d) Dereito da nai de permanecer co seu fillo/a en caso de hospitalización de calquera dos dous, especialmente durante a lactancia.

e) Dereito a continuar coa lactancia materna unha vez reiniciada a actividade laboral, reivindicando o permiso de maternidade de 6 meses, as reducións de xornada laboral, excedencias pagadas e incremento de prazas de garderías públicas cercanas aos centros de traballo.

8) Promover a sensibilización da directiva e persoal dos servizos sanitarios para que os intereses das nais sexan defendidos na práctica diaria tal como se recolle no Plan Integral de Atención Sanitaria e Social da Muller do Sergas.


Grazas pola vosa colaboración!
                  

sábado, 5 de noviembre de 2011

Exposición no Uxío Novoneyra

expo hula

A nosa exposición fotográfica segue a viaxar...

Tralo seu paso polo Centro Cenima de Foz, a Casa da cultura de Burela e o hall do Hospital Lucus Augusti, agora podedes ver as fermosas fotos do concurso de Fedegalma do 2009, acompañadas de textos escritos polas socias de Bico de leite, no Centro social Uxío Novoneyra (r/ Quiroga Ballesteros, s/n).

Alí estará do 8 ao 30 de novembro, de luns a venres, de 16 a 21h.

Se aínda non a vistes... esta é a vosa oportunidade;)

E aproveitamos para convidarvos ao acto de inauguración, que terá lugar este luns 7 ás 19h, así como para agradecer ao Concello a súa colaboración.

Cartaz

jueves, 3 de noviembre de 2011

Patricia, IBCLC

última

No verán a nosa Patricia escribiu un fermoso texto, inspirado nesta foto da derradeira toma do seu terceiro fillo...

UN ANO DESPOIS DO DESTETE

Hoxe o meu fillo pequeno cumpre 6 anos e hoxe hai un ano que nos destetamos.
Un longo camiño percorrido que empezou aínda moito antes... se cadra xa cando que eu mesma fun aleitada pola miña nai, e mais aínda dende que lin os primeiros contos onde se falaba da teta e saían unhas fermosas ilustracións que así sen decatarme, posiblemente marcaron o meu camiño para sempre.
Podo dicir sen temor a trabucarme que a lactancia cambiou a miña vida.
Lembro con nitidez a primeira toma do meu fillo maior, esa naturalidade coa que se prendeu ó peito e mamou sen máis, sen dor, sen incomodidades, tan sinxela e directamente, chegoume ó corazón.
Logo, veu a súa irmá e con ela o meu mundo empezou a medrar de verdade; comecei a aprender mais sobre a lactancia e sobre crianza. Todo cobrou un novo sentido para min... unha nova vocación tomaba forma na miña mente e nas miñas entrañas...
Cando o meu terceiro pequeno entrou na escena, xa tiña eu bastante claro que quería tratar con outras nais para axudalas no posible a vivir as súas lactancias tan ben como eu vivía as miñas.
Aínda non sabía daquela canto mais me ían aprender a min esas outras nais, e canto sairía eu gañando nestas entrañables relacións entre iguais, tan variadas como o é a propia humanidade.
O universo puxo no meu camiño a Bico de Leite, o meu benquerido grupo de lactancia, e xa nada tivo volta atrás.
Paso horas e horas lendo sobre lactación, falando con nais, ás veces con pais ou profesionais, mirando incansable a pantalla do ordenador e absorbendo como unha esponxa toda a información posible sobre o aparentemente inacabable tema da teta...
Que terá tanto que falar este asunto?
Que será tan apaixonante no simple feito de que unha muller alimente a un neno? O normal.
Non sei, se cadra hai cousas na vida tan interesantes; mais eu vexo nesto un compendio de todas as ciencias e as artes do mundo.
A lactancia é  un percorrido pola embrioloxía e a anatomía, a xestación e o nacemento, a neonatoloxía, a pediatría, a xinecoloxía, a endocrinoloxía, a psicoloxía, a socioloxía e a historia.
A lactancia é unha función fisiolóxica, é un feito médico, é tamén un acto social, é unha maneira de relacionarse e mais é unha forma de autocoñecemento.
Aleitar é nutrir o corpo mais é un acto de amor. A teta é a poesía e a ciencia a un tempo.
Pouco mais se lle pode pedir … Ou non?
Hai poucas semanas que me presentei a un exame de certificación internacional como consultora de lactancia...  Que vos parece? isto da teta tamén é unha profesión!
Hoxe, que vai un ano da derradeira toma do meu último fillo, a lactancia para min segue sendo un camiño cheo de futuro...
Porque dar a teta é só o principio do principio, pouco hai mais marabilloso que (como os bebés) ter aínda toda a vida por diante.


(orixinalmente publicado no blog A falar da teta do grupo de apoio Alma)

... E hoxe temos a honra de anunciar que Patricia, presidenta e asesora de Bico de leite... XA É IBCLC (consultora certificada de lactación materna)! Aquí podedes ler máis sobre este título, que no noso país só ostentan unhas 50 persoas...

En nome de todas as biqueiras... Moitos parabéns Patri!!!

sábado, 29 de octubre de 2011

Segundo obradoiro de outono

papa mudando

O sábado 5 de novembro ás 11.00 no Centro social Maruja Mallo (r/ Primavera 37, Lugo) a nosa socia e fisioterapeuta Belén García Iglesias impartirá un obradoiro de MASAXE INFANTIL.
Este obradoiro é gratuíto para as socias e custa só 5€ para as demais persoas.
Segundo a Asociación española de masaxe infantil, esta "é unha antiga tradición en moitas culturas do mundo, que se transmitiu de nais a fillas e que foi redescuberta en Occidente. Moitos estudos de investigación revelan a necesidade do contacto afectivo como parte fundamental dos primeiros anos de vida, e a masaxe infantil é un dos máis agradábeis e doados métodos para establecer este primeiro contacto... O bebé non se nutre só de comida, precisa fundamentalmente amor e agarimo, que lle proporcionen unha seguridade e acollida emocional para poder crecer de xeito armónico".

Convencímosvos, non si? Pois inscribídevos antes do sábado 5 en bicodeleite@yahoo.es, ese día vide co voso bebé, unha mantiña e aceite de masaxe, e listo!;) 

viernes, 21 de octubre de 2011

Reunión temática de outubro

coleito

O venres 28 de outubro de 17 a 19h no Centro Lug2 (r/ Pintor Corredoira 4) teremos a nosa xuntanza temática mensual sobre LACTANCIA E SONO.

Este tema adoita preocupar ás nais e aos pais, como é lóxico, xa que durmir é unha necesidade fisiolóxica básica;) así que velaquí máis información para mellorar as noites... Xa vos avanzamos que a evidencia científica apoia que a familia durma xunta, habida conta da fase de exteroxestación dos nosos bebés.  

Web Dormir sin llorar
Web Alba lactancia materna
Tríptico Unicef sobre o coleito

Desta e doutras cuestións relativas ao aleitamento falaremos o vindeiro venres.

Lembrade ademais que ese mesmo día temos dúas actividades máis:
- Ás 12h no Salón de actos do HULA terá lugar o acto de clausura da exposición fotográfica sobre lactación materna, coa proxección do documental "Restaurar o paradigma orixinal", do doutor Nils Bergman.
- Ás 18.30 no Centro CENIMA de Foz proxectarase o documental "O peito non ten horario", da experta consultora en lactación materna Gro Nylander, acto ao que bebés, nenos e nenas son moi benvidos.  

A entrada a estes tres eventos é libre e gratuíta.

Agardámosvos!

lunes, 17 de octubre de 2011

Exposición fotográfica no hospital de Lugo

IMGP5711

Coma un máis dos actos da Semana mundial da lactación materna, e tralo seu paso por Foz e Burela, ao longo do mes de outubro podedes gozar da exposición fotográfica no hall do Hospital Lucus Augusti, coas fermosas fotos do concurso de Fedegalma do 2009, acompañadas de textos escritos polas socias de Bico de leite.

Cartaz  

Clausurarase o venres 28 de outubro ás 12.00 no Salón de actos do devandito hospital, evento no que se proxectará o documental de Nils Bergman "Restaurar o paradigma orixinal".  O doutor Bergman dirixe a Maternidade do Hospital de Mowbray (Sudáfrica) e é un prestixioso investigador e defensor do método canguro (lactación materna e contacto pel con pel), que a Organización mundial da saúde recomenda implementar en todos as Unidades de Neonatoloxía.

Aproveitamos para agradecer ao Hospital Lucus Augusti a súa actitude favorábel dende o inicio para albergar esta exposición e para a celebración do acto ao que agora vos convidamos, no que se amosará o devandito documental, cuxo visionado, tanto para profesionais como para familias, consideramos imprescindíbel.

Animádevos a asistir! 

 

sábado, 15 de octubre de 2011

Sorteos

sorteos

De cara ao Nadal, tendes dúas opcións máis para colaborar coa nosa asociación, mercando:
- ben participacións de lotería, por 5 € (recargo 1€) - o número evos ben bonito... e o cartaz aínda máis...;)
- ben boletos da nosa rifa (3€), na que poderedes conseguir este lote de libros:
“Comer, Amar, Mamar" de Carlos González
“Lo que hacen las madres, sobre todo cuando parece que no hacen nada" de Naomi Stadlen
“Dormir sin lágrimas” de Rosa Jové
“Maxia!” de Charo Pita e Madalena Matoso
“Ella” de Àngel Sauret

Moitas grazas por adiantado!
 

lunes, 10 de octubre de 2011

Primeiro obradoiro de outono

Yo también

O sábado 15 de outubro de 10.30 a 12h no Centro social Maruja Mallo (r/ Primavera 37, Lugo) Carmen Sirvent Artiaga impartirá un relatorio-obradoiro sobre SENTIMENTOS DE NAIS E PAIS.
É a segunda vez que contamos coa colaboración altruísta desta psicóloga, tralo obradoiro de primavera, que fora un grande éxito. Para quen non a coñezades, dirémosvos que Carmen é unha marabillosa terapeuta humanista de exquisita intuición e ampla experiencia, especializada en maternidade e psicoloxía infantil.
Nesta ocasión falaremos dos sentimentos que xorden en nós como consecuencia de ser nais e pais, analizarémolos, intercambiaremos experiencias...
O obradoiro é gratuíto para as socias e custa só 5€ para as demais persoas.

Gostabamos ben de que viñésedes;)

Nota: Pregamos puntualidade, xa que Carmen tén de saír ás 12 en punto (graciñas)
 

sábado, 8 de octubre de 2011

Cinema na Mariña

Bebes-la-pelicula

Coma parte das celebracións da SMLM 2011 na Mariña, que comezaron o pasado sábado 1 coa presentación do noso libro, agora propoñémosvos un ciclo de cinema que esperamos que vos guste.

Proxectaremos dous filmes do ano 2010, ambos moi recomendábeis, ás 18.30 no Centro CENIMA de Foz:

- 14 de outubro: Bebés

Este documental francés segue a vida de catro bebés, durante o seu primeiro ano de vida, en diferentes lugares do mundo. Nel temos a oportunidade de ver como transcorre o día a día destes nenos e nenas e de comparar como se relacionan co seu contorno de diferente xeito, segundo onde vivan...

- 28 de outubro: O peito non ten horario

Este documental noruegués, entre outras cuestións, trata a relación do fracaso do aleitamento coa separación nai-bebé. Os textos son da experta asesora Gro Nylander.

A entrada é libre e gratuíta, sendo os bebés, os nenos e as nenas máis que benvidos. Trátase de pasar un bo rato en familia -agora que vén o frío;)

Vémonos alí!

Cartaz

martes, 4 de octubre de 2011

Comezan as festas...

san frolilan asociativo

... E comprácenos anunciarvos que este sábado 8 na praza de Santo Domingo (tralo kiosko de prensa), participaremos nesta interesante iniciativa, xunto con estas 11 asociacións:

A cova da terra
Adega
Asambleia anticapitalista lucense
Axunica
Ayuda en acción
Bandullo ecolóxico
Implicadas no desenvolvemento
Mádia leva
15-M
Asociación pola defensa do parque Rosalía
Proxecto home

Esperamos que este sexa só o inicio dun traballo en rede con outras asociacións que operan na nosa cidade.
     
Non esquezades pasar polo noso stand!

Nota: Gardaremos a recadación nunha caixa de caudais que foi un agasallo da ferretería Nodal -grazas;) 

lunes, 3 de octubre de 2011

Así foi a presentación do noso libro na Mariña

presentación

O sábado fixemos unha bonita presentación do noso libro:

Esther leu unha consulta, que empezou ela e.... rematou Sabela...
Beni falou un pouco do inicio da asociación e da formación do grupo da Mariña, así como da importancia dos grupos de nais...
Patricia leu manifesto da SMLM 2011...

E logo seguimos falando do que facemos e non facemos nos grupos de lactancia.

Gozamos moito deste acto, no que seguimos o lema da SMLM que con el inauguramos: COMUNICÁMONOS

presentación3

Grazas mil...
Ás organizadoras (Montse, Carina, María José)
Ás que participastes na presentación
Ás que asististes a ela
E especialmente á dona da libraría Ofifoz, polo seu apoio e a súa colaboración desinteresada

Seguimos a tecer redes...

Prensa

Regresamos ao Centro Lug2...

Lug II

A partir de outubro volvemos reunirnos no Centro Lug2 (na intersección das rúas Armando Durán e Pintor Corredoira).
Debido á xestión privada deste centro dependente da Xunta de Galicia, agora cóbrase pola utilización das súas instalacións -tamén ás entidades sen ánimo de lucro, coma a nosa (aínda que a contía a pagar sexa menor: 30€ ao ano).
Tivemos un debate interno sobre se seguir reuníndonos alí, xa que na nosa asociación non estamos de acordo coa privatización dos servizos públicos, incompatíbel co modelo de Estado social que sería desexable.
Porén, por diversos motivos de carácter práctico, decidimos seguir celebrando alí as nosas xuntanzas (polo menos até decembro 2012) e...

... Agardámosvos!  
 

sábado, 1 de octubre de 2011

SMLM 2011: programa

IMG_7694

Como sabedes, hoxe comezan en todo o mundo as celebracións pola Semana da lactancia materna, con ocasión da cal programamos os seguintes actos:

En Foz...
    Presentación do noso libro "Cinco anos de Bicos... de leite": hoxe 1 de outubro, ás 18:00 na libraría Ofifoz (cartaz aquí)
    Cine para mamás e bebés (programa por determinar)

En Lugo...
    Exposición fotográfica no Hospital universitario Lucus Augusti: todo o mes de outubro (cartaz aquí)
    Participación no San Froilán asociativo: día 8 de outubro na praza de San Marcos

SMLM 2011: manifesto

logo_breastfeeding_gateway

Lactancia materna: Fala connosco!

MANIFESTO

Dende Bico de leite e dende todo o movemento social a favor da lactancia materna, recoñecemos:

• Que a lactancia materna é un dereito de todas as familias.

• Que aumentar a duración do aleitamento ten efectos positivos para toda a comunidade.

• Que o apoio ás familias que elixen aleitar a seus fillos e súas fillas pasa por unha boa información, unha boa atención sanitaria, o respecto social, medidas de conciliación familiar e laboral axeitadas e tamén pola implicación de todos os seus membros.

Temos en conta:

Que a comunicación é un elemento esencial para protexer a lactancia materna e apoiar ás mulleres que aleitan.
Que arestora enos posíbel comunicarnos a través de grandes ou pequenas distancias nun intre.
Que xurdiron novos canais que permiten actualizar coñecementos e difundir información fiable e actualizada sobre lactancia materna.

Cremos que cómpre:
 
Traballar en rede alén do noso tempo e lugar, propiciando deste xeito o debate e o diálogo a todos os niveis e en todos os eidos.
 
E, polo tanto, pedimos:
 
• Que dende todos os ámbitos se difunda información fiable e actualizada sobre lactancia materna.
• Que as entidades, persoas e organismos comprometidas co apoio ás nais lactantes dispoñan de recursos para dar visibilidade á situación actual da lactancia e atender ás nais.
• Que as familias poidan atopar con facilidade recursos na súa comunidade que lles ofrezan información e apoio no seu desexo de aleitar.
• Que se dea visibilidade e apoio ás necesidades das familias que aleitan.

Feliz Semana Mundial da lactancia materna!!!

lunes, 26 de septiembre de 2011

Presentación do noso libro en Foz

portada definitiva

O vindeiro sábado 1 de outubro ás 18:00 na libraría Ofifoz (avenida da Mariña 46), as nosas asesoras mariñás presentarán o libro "Cinco anos de Bicos... de leite", no que recollemos unha selección das consultas que contestamos por mail nos primeiros cinco anos de traxectoria da nosa asociación, clasificadas por temas. 
Lembrámosvos que podedes adquirilo nas nosas xuntanzas a un prezo de 10 euros e a recadación destinarase ás nosas actividades de promoción da lactación materna. Tamén o atoparedes na devandita libraría e nestas dúas:
- Burela: Comercial Auma (libraría da igrexa)  
- Lugo: Libraría Trama (avenida da Coruña 21)

A presentación mariñá marca o comezo dos actos da Semana mundial da lactación materna...

... Gostariamos ben de que nos acompañásedes!

viernes, 23 de septiembre de 2011

Reunión temática de setembro

Tentempie para dos

O venres 30 de setembro de 17 a 19h na Aula de educación maternal do SERGAS (r/ Doutor Garcia Portela 11-baixo, Lugo) teremos a nosa primeira reunión temática do curso 2011-2012;) Por certo, será a nosa derradeira xuntanza nese local, xa que en outubro voltaremos ao Centro Lug2 -mais disto falarémosvos noutra entrada...
A reunión versará sobre a falta de leite ou HIPOGALACTIA.
Existen varios motivos que poden, ben inhibir (hipogalactia total), ben reducir (hipogalactia parcial) a produción de leite materno, e que tedes enumerados neste documento:

Actualizacións de Diana West, IBCLC

Porén, os estudos e informes oficiais (p.e. o Plan Estratéxico para a Protección, Promoción e Apoio ao aleitamento en Europa) advirten reiteradamente que as preocupantes tasas de lactación materna se deben a unha falsa hipogalactia, derivada da falta de apoio social e institucional, tema sobre o que podedes ler máis aquí:

Artigo Inma Marcos
Artigo El club de la teta

Vides o vindeiro venres a falar de todo isto e das dúbidas sobre lactación materna que vos xurdan?

Agardámosvos!;)

martes, 20 de septiembre de 2011

Máis contos con tetas: MAXIA!

Así se titula o libro ilustrado de Charo Pita e Madalena Matoso editado por OQO editora.

Nel Óscar, o curmán grande do bebé da Tía Elisa queda ao cargo deste, mentres ela vai á compra. Cando se pon a chorar e o curmán deduce que ten fame, pasea a vila enteira buscando algo que darlle de comer: na pastelaría, na horta, na granxa, na peixaría, na carnizaría… volvendo ao fin á casa da Tía Elisa, onde o avó a vai buscar para que lle dea de comer. E mentres Óscar mira as bolsas da compra agardando ver o que comen os bebés, a Tía Elisa as deixa pousadas, senta no sofá, desabotoa a blusa e fai Maxia! 

E para nós foi toda una sorpresa descubrir que era un libro infantil no que o tema principal é a lactancia, pero tratado de xeito que os nenos que non tomaron teta aprenden sen máis que o que comen os bebés é teta e que ademáis os fai estar contentos e tranquilos e, para os nenos que si tomaron teta e se lembran é toda unha sorpresa chegar ó final e ver que para eles a resposta estaba ben clara, pero aínda así se sorprenden de velo nun libro. 

E para min, para a mamá, que comparasen a teta con algo máxico é un punto a favor, porque está preto do que sentimos as nais ao saber que podemos criar a un bebé só co noso corpo -algo extraordinario sen deixar de ser algo cotián.

Ogallá que pouco a pouco e grazas a libros coma este ver un bebé tomando teta nun libro deixe de ser unha sorpresa :)

(ás miñas nenas, ademáis, lles encanta buscar os lugares por onde pasou Óscar nas últimas páxinas do libro :) )

Raquel

viernes, 16 de septiembre de 2011

Lactancia e depresión

tristeza

Á vista do xeneralizado descoñecemento sobre este tema, queremos deixar constancia de tres ideas básicas, respaldadas pola evidencia científica:

1- A lactación materna protexe da depresión postparto na medida en que mellora o vínculo co bebé e proporciona á nai benestar físico (oxitocina mediante) e a satisfacción racional de estar a facer algo único, crucial e de enorme proveito para a vida daquel.

2- Os problemas co aleitamento, especialmente a dor continua e non tratada ou a sensación de "non poder" ou de "facelo mal" poden agravar ou precipitar unha depresión postparto. Polo tanto, é imprescindíbel tratar a dor e os problemas, resolvendo as súas causas o máis axiña posíbel e apoiando incondicionalmente á nai que aleita.

3- Nos casos de depresión diagnosticada e lactancia en curso, cómpre tratar á nai e, asemade, protexer e preservar a lactación materna. A compatibilidade dos medicamentos receitados pode consultarse aquí.

Saben moito máis estas dúas investigadoras:
Ibone Olza
Kathleen Kendall-Tackett

lunes, 12 de septiembre de 2011

Proximamente... (reeditada)

 11032011-IMG_1181

Agosto 

- do 5 ao 31: exposición fotográfica en Foz
- día 19: obra de teatro

Setembro 

- do 5 ao 29: exposición fotográfica en Burela
- día 11: asemblea extraordinaria
- día 30: reunión temática sobre a falta de leite
  
Outubro

- do 1 ao 8: Semana mundial da lactación materna
  Foz:
    Presentación do noso libro
    Cine para mamás e bebés
  Lugo:
    Exposición fotográfica
    Acto conmemorativo
- día 15: obradoiro Sentimentos de nais e pais    
- día 28: reunión temática sobre o sono
 
Novembro 

- día 5: obradoiro de masaxe infantil 
- día 25: reunión temática sobre a alimentación complementaria

Decembro

- día 3: obradoiro de portabebés 

Iremos informándovos destes actos máis polo miúdo aquí...
E velaquí un cartaz para enviar a quen pensedes que poidan interesar... 
Graciñas mil!;)

viernes, 9 de septiembre de 2011

Lactancia e cine IV

la-lait-des-autres1

Le lait des autres (Jacques Tréfouël, 2008)

O Morvan (do celta mor, negro, e vand, montaña) é un macizo
montañoso sito na rexión de Borgoña (Francia). Esta área, comeza dicindo o documental, "sempre foi considerada coma a terra do leite por excelencia. Xa os romanos deixaron constancia de que as galas de Bitracte mollaban os seus peitos nunha fonte do monte Beuvray para obter moito leite para aleitar a seus fillos. Dende entón, as descendentes cristiás destas mulleres estiveron moi solicitadas. En Dun-les-Places achouse a nodriza do rei de Roma. De Empury procedía a do fillo de Napoleón III. Esta predilección polas nodrizas do Morvan fixo que no século XIX se poblase de bebés recén nados"...
... até o punto de que París se baleirou de bebés, e as zonas de nodrizas se chamaron "o pequeno París".       
Ao principio só as familias acomodadas facían uso das nodrizas, mais na época da Revolución industrial, mesmo se obrigou ás mulleres da clase obreira a mandar seus bebés ao campo durante os primeiros dous anos, para así cumprir con xornadas laborais agotadoras -o historiador que analiza este feito comentaba que eses bebés adoitaban ser enfermizos, debido á escaseza de médicos nas pequenas vilas, mais quizais a causa debamos buscar no sentimento de abandono e desvinculación que tiveron que experimentar.   
O seguinte paso foi que as nodrizas viaxasen a París, para aleitar os bebés de familias ricas, deixando atrás os seus propios fillos e fillas e mais a súa parella. A viaxe dende o campo até a capital, coñecida como "purgatorio", facíana en condicións moi penosas, como tal denominación indica...
Dada a magnitude deste fenómeno, chegouse a regulalo. Esixíase ás nodrizas que se desen de alta na Prefectura de policía, facíaselles un exame médico e logo inscribíanse no Grand Bureau des Nourrices, creado en París no 1869.
Este traballo comezou desaparecer coa invención do leite de fórmula, que a poboación viu como algo moderno e beneficioso, se ben incrementou enormemente as taxas de mortalidade infantil... até o punto de que unha viñeta da época o denomina "o perigo branco"... algo que hoxe se consideraría politicamente incorrecto:(

lunes, 5 de septiembre de 2011

Xenerosidade

lactancia entre especies

Esta fermosa foto, publicada nun xornal hindú, está nominada este ano ao prestixioso concurso de fotografía de National Geographic.
Agradecemos á nosa querida socia Rosa que nolo comunicase;)
(Por certo, os medios que difundiron esta nova citaban como fonte esta fermosa web, mais nela non consta a autoría da imaxe. Se a sabedes, dicídenola! Mil grazas...)

miércoles, 31 de agosto de 2011

Aviso importante

En setembro en Lugo continuamos as xuntanzas na Aula de Educación maternal do SERGAS (r/ Doutor García Portela 11 - baixo), no seguinte horario:
- días 9 e 30: de 17 a 19h
- días 2, 16 e 23: de 11 a 13h

Na asemblea do día 11 decidiremos se seguimos a nos reunir alí ou voltamos ao Centro Lug II...

... Manterémosvos informad@s!

lunes, 29 de agosto de 2011

Exposición en Burela

bico13

En setembro poderedes gozar en Burela da exposición dos traballos do Concurso fotográfico de lactación materna de FEDEGALMA do ano 2009, acompañados de textos escritos por algunhas de nós, que de momento está en Foz até pasadomañá.

Teredes do 5 ao 29 de setembro para visitala, de luns a venres de 11 a 13 h e de 18 a 20 h e os sábados de 18 a 20h na Casa da Cultura de Burela. A entrada é libre e gratuíta.

Viredes, non si?;)

Cartaz

lunes, 22 de agosto de 2011

Asemblea extraordinaria

Convidamos a todas as socias (e ao socio) á asemblea extraordinaria que terá lugar no centro educativo Galén o domingo 11 de setembro ás 10:30 horas.

A orde do día será a seguinte:
- Programación das nosas vindeiras actividades (sinaladamente as da Semana mundial da lactación materna, que se celebrará a primeira semana de outubro)
- Debate sobre o financiamento da nosa asociación
- Rogos e preguntas

Gostariamos de contar coa vosa asistencia!

viernes, 12 de agosto de 2011

Un pouco de teatro

queres que cho conte?

O venres 19 agosto ás 11.30 no Museo provincial de Lugo (praza da Soidade, s/n) temos a sorte de contar cunha representación do espectáculo "Queres que cho conte?", obra baseada nunha escolma de contos populares, que serán narrados aos máis pequenos nunha mestura de música e teatro.
O acto correrá a cargo do grupo de teatro Palimoco e enmárcase na iniciativa Cultura sobre rodas da Deputación de Lugo, que persegue potenciar o tecido asociativo da nosa provincia.

A entrada, coma sempre, é libre e gratuíta...
... Animádevos a vir!

Cartaz

lunes, 8 de agosto de 2011

Exposición en Foz

bico2

Este mes podedes gozar dunha fermosa exposición coas fotos do Concurso fotográfico de lactación materna de FEDEGALMA do ano 2009, acompañadas de textos escritos por algunhas de nós.

Tedes até o 31 de agosto para visitala, de luns a sábado de 9 a 14h e de 17 a 20h no Centro CENIMA de Foz. A entrada é libre e gratuíta.

Non vola perdades!;)

Cartaz

viernes, 5 de agosto de 2011

Amnesia colectiva

na praia

Nestas vacacións tiven tempo de reflexionar por que a xente fita as nais lactantes...
Paseando pola praia observei que xa está socialmente aceptado que algunhas mulleres non levemos a parte de arriba do bikini. Porén, cando eu ía porteando e aleitando a miña filla as mais das persoas que nos cruzabamos nos miraban coma se estivesen a ver un dinosaurio ou unha pantasma...
E un día algo fixo clic na miña cabeciña e entendín por que semellante escea (que debería ser normal e cotiá) desencadeaba semellante reacción:
     
Vivimos nunha sociedade que esqueceu para que temos tetas.

(Mentres nos limitemos a amosalas, tolérase, mais se as empregamos para nutrir aos nosos fillos e ás nosas fillas (fóra da intimidade do noso fogar), xa non pasan inadvertidas...)

Susana

lunes, 1 de agosto de 2011

Postal mariñá

xuntanza burelá

Coa chegada de Bico de Leite á Mariña xorde un espazo onde poder aleitar e ver a outras nais aleitando, de forma natural, sen pudores nin medos, onde poder recibir a información e o apoio que moitas nais mariñás precisamos.
As xuntanzas adoitan ser moi participativas e enriquecedoras. Son pequenas mesas redondas compostas por nais de moi diversa índole (embarazadas, primeirizas con bebés moi pequechos, nais próximas a rematar a baixa maternal, a introducir a alimentación complementaria, nais con lactancias prolongadas...) que comparten as súas experiencias en torno á lactancia, o que acostuma ser de gran axuda para todos aqueles que se achegan a Bico de Leite por primeira vez con moitas dúbidas por resolver.
Estas xuntanzas axudan a cubrir un oco baleiro en moitas familias actuais, nas que se perdeu a cultura do aleitamento, servindo como punto de apoio ás nais para soterrar falsos mitos e crenzas producidas, na sua maioría, polo descoñecemento.

María José

viernes, 29 de julio de 2011

Lactancia e cine III

Bebes-la-pelicula

Bebés (Thomas Balmès, 2010)

Este documental segue a vida de catro bebés, durante o seu primeiro ano de vida, en diferentes lugares do mundo.
Nel temos a oportunidade de ver como transcorre o día a día destes nenos e nenas e de comparar como se relacionan co seu contorno de diferente xeito, segundo onde vivan...
... mais non queremos avanzarvos máis;) Simplemente comentarvos que a lactación materna tén (afortunadamente) unha importante presenza, sobre todo na vida do bebé namibio...

Web oficial

lunes, 25 de julio de 2011

Lactancia e profesión médica

Gran parte das dificultades polas que atravesa o mundo débense a que as persoas desinformadas están completamente seguras e as persoas informadas, cheas de dúbidas (Bertrand Russell)

médica

Eu tiven a sorte, cando naceu meu primeiro fillo, de dar cunha pediatra pro-lactancia, pro-crianza con apego, inmunóloga, alergóloga e ademais puericultora.
Máis dunha vez saín da consulta cunha receita debidamente asinada e selada que puña: “Delle teta, toda a que poida”. Ela dicía que o da receita era para dar a sensación psicolóxica á nai de que o pediatra estaba “resolvendo” a súa inquedanza.
Dúbidas coa lactación, veña recomendarme o grupo de apoio. Dúbidas sobre choros, sono ou alimentación, veña recomendarme os libros do Carlos González.
Pois esa mesma doutora contoume un día que aos pediatras non se lles ensina cómo criar un neno san, senón cómo curar patoloxías, e que, polo tanto, un pediatra non sabe NADA da práctica da lactancia, senón só de fisioloxía. Que de práctica saben as nais experimentadas e mais os grupos de apoio.
Entón, que diremos de médicos de cabeceira, urólogos, etc... que saberán eles sobre o aleitamento? Por que dan en recomendar destetes ou cuestionar decisións que son, antes que nada, moi persoais?
Parecera que o levar a bata branca lles obriga a ter resposta para todo, mesmo para o que non lles preguntamos.
E se topan con algunha nai que XA tén as respostas que precisa, tómano coma que “en Internet dinse moitas cousas”, ou coma que “qué saben eses da OMS, que só estan alí sentados sen facer nada”...
O triste é cando dan con nais confusas, con dúbidas, que necesitan respostas acertadas, e o que reciben é un baleirado das súas propias experiencias e crenzas, dos seus prexuízos, vamos, desinformación en estado puro.
E esa nai sae da consulta coma se levase unha receita asinada e selada que di: “É unha parvada aleitar a miña filla de 18 meses”, “Teño que ir pensando en destetar a meu bebé de 9 meses”, “Hai que quitar o peito mentres tome antibiótico”, ou calquera outra barbaridade das que adoitan dicirse a cotío ás nais lactantes nas consultas.
É o poder que teñen as batas brancas.
A ver cándo as mulleres facemos valer o poder que temos coma nais.

Elimar

viernes, 22 de julio de 2011

A falar da teta!

tercera-lactancia

As compañeiras de ALMA avísannos de que organizan, en colaboración con FEDEGALMA, un concurso de relatos sobre lactancia materna no que podemos tomar parte todas as nais galegas, contando as nosas experiencias, os nosos sentimentos ao aleitar...

Temos aínda tempo até o 31 de agosto do 2011... Participaremos, non si?;)

Máis información

lunes, 18 de julio de 2011

O destete natural nos animais

antitetas

Tirando da miña deformación profesional coma veterinaria, hoxe quero escribir sobre un tema que adoita dar moito que falar e ser causa dalgunhas desavinzas familiares e sociais: o destete.

Cando e como destetar as crías ?

É normal que sigan mamando os pequenos cando xa andan, comen, falan, e mesmo van ao cole?

Como xa sabemos as posturas dos organismos oficiais prolactancia ... agora quero facer unha comparativa a título informativo co destete dos animais.
O primeiro é dicir que entre eles a variabilidade é tan ampla case coma entre nós, hai nais que mesmo se negan a aleitar as súas crías, o que non deixa de causarnos tristeza e incomprensión...
E hainas que destetan abruptamente, sen contemplacións, cando a elas lles parece, apartando os cachorros e fuxindo do seu contacto.
Isto é bastante común entre as cadelas, ás que os cadeliños adoitan trabar e deixarlles marcados os dentiños nas tetas, o cal non pode ser nada agradable de aturar.
En xeral, o destete coincide coa introdución da alimentación de adultos de forma plena, é dicir, os gatiños deixan a teta cando xa comen moito pienso para gatiños, os becerros destétanse de todo cando xa poden comer herba ou cereais...

Ou non??

Pois non. É moi frecuente que tanto gatiños coma becerros queiran seguir mamando moito mais alá de empezar a comer de todo. E o máis curioso se cadra é que moitas vacas e gatas non poñen impedimento en que o sigan facendo e continúan dándolles a teta... mesmo até a idade adulta.

Seguro que as/os que teñades relación coa gandeiría e o mundo rural e/ou os/as que criárades moitos gatos, isto xa o sabiades...

Dende tempo inmemorial utilízanse métodos e dispositivos coercitivos para evitar estas lactancias realmente prolongadas. Xeralmente colócase no fuciño dos buchos (ou máis frecuememente buchas) un aparello con pinchos cara arriba, de xeito que, ao ir mamar, crávanselle estas púas á vaca na ubre e polo tanto ela fuxe, patéao, e non lle permite aleitarse.
Arestora estes dispositivos veñen de fábrica con moi variados deseños e calidades e responden ao explícito e sinxelo nome de "ANTITETAS"...

Coma este blog non trata sobre o benestar animal nin sobre o papel da veterinaria na prevención do maltrato... non me extenderei na miña opinión ao respecto destes usos e costumes. Que cadaquén se faga a súa propia opinión.

Sinxelamente quería deixar constancia de que a lactancia e o destete poden ser tan complexos e involuntarios nos nosos semellantes mamíferos coma en nós.
Os animais domésticos tenden a sufrir os mesmos prexuízos que as mulleres e as nenas e nenos, e a cotío son sometidos a parecidos tratamentos condutistas e coercitivos...

Xa vedes, o destete a miúdo non é tan natural e espotáneo como se podería pensar... nin sequera nos animais.

Patricia

viernes, 15 de julio de 2011

Concurso de carteis

Paintbrushes

Se alguén de vós goza de dotes artísticas, ten aínda mes e medio para deseñar o cartel do Congreso de Fedalma 2012, que terá lugar en Águilas (Murcia) e cuxo lema será "Lactancia materna: un compromiso social".
Aquí podedes consultar as bases desta interesante iniciativa.

viernes, 8 de julio de 2011

O leite materno está contaminado?

contaminación

  Onte saíu na televisión esta nova:
  "A causa da baixa calidade do esperma dos homes podería estar nos contaminantes que afectan ás nais, durante o embarazo e a lactancia. Analizouse leite materno de mulleres galegas e catalás e todos estaban contaminados por diversos tóxicos"
  Aquí temos un vello tema (hai estudios deste tipo en diversos países dende hai moitos moitos anos), sempre igual de mal tratado polos medios, e, o que é peor, polos propios investigadores. Que, no canto de poñer o dedo acusador nos contaminantes, o poñen no leite materno, que queda como o verdadeiro culpable dos males dos pequenos.

 Pártese duns supostos verdadeiros:

-O leite é un marcador fiable da contaminación ambiental, porque leva unha mostra representativa da graxa da femia que o produce, e na graxa corporal acumúlanse case todos os tóxicos.
-Os tóxicos ambientais son abundantes na nosa sociedade industrial e nocivos para saúde. Moitos actúan como disruptores endocrinos, substituíndo ás hormonas e alterando a fisioloxía reprodutiva, entre outras.
-Os bebés nas súas primeiras etapas de crecemento, sobre todo intraútero, son especialmente sensíbeis a estes contaminantes.
-A calidade do semen e as taxas de fertilidade masculina están baixando a niveis preocupantes nas últimas décadas.

  Pero á vez ignóranse outros supostos igualmente certos e moi importantes para interpretar correctamente os resultados do estudo:

-As taxas de lactación materna dende hai case un século son tan baixas en todo o mundo que a maior parte da poboación apenas recibiu leite materno na súa infancia, ou non o recibiu en absoluto.
-O leite de vaca tamén ten unha alta concentración de contaminantes e tóxicos ambientais (que, non vos enganedes, non eliminan ao procesar o leite para adaptalo aos bebés). 
-Ademais de carecer da grande maioría dos compoñentes normais do leite da propia especie, o leite artificial en si é malo para a saúde.

 Polo tanto, a miña conclusión directa é que se cadra é mais ben a FALLA de leite humano o que podería estar causando esta epidemia de infertilidade, xunto coa elevada e preocupante concentración de tóxicos por contaminantes ambientais, tanto no aire que respiramos como na auga que bebemos, ou na totalidade dos alimentos que inxerimos ao longo da nosa vida.

  Daría risa se non fose que é para chorar, que xusto teñan que sinalar co dedo ao alimento máis natural e mellor adaptado ás nosas necesidades, o máis seguro,  o máis nutritivo e o único que realmente nos protexe de enfermar: o leite humano.
Estaría ben que fixesen un estudo de verdade prospectivo e caso-control, no que diferenciasen a calidade do esperma (dentro duns anos) dos nenos alimentados con leite humano comparándoo co esperma dos nenos alimentados con leite de vaca modificado. Teño para min que o resultado non variaría grande cousa... aínda que se cadra saían peor parados os de leite artificial... Non vos sería a primeira vez...
En calquera caso, o que debería preocuparnos a todos, comezando por científicos e políticos, son os contaminantes e a súa orixe, como diminuílos e facer que desaparezan da cadea alimentaria, e non do leite materno, onde van parar en última instancia.

  Pero xa sabemos que descontaminar o ambiente dá moitos menos cartos que vender leite artificial e tratamentos de fertilidade...

Patricia

jueves, 7 de julio de 2011

Unha oportunidade desaproveitada

11Vull_pit_.jpg

O pasado 16 de xuño aprobouse no Congreso a Lei de seguridade alimentaria e nutrición, que podedes consultar aquí.
É unha norma que desenvolve o dereito á saúde, recoñecido no artigo 43 da Constitución, que encomenda aos poderes públicos "organizar e tutelar a saúde pública mediante medidas preventivas e as prestacións e servizos precisos".
Trátase dunha lei ambiciosa, de contido moi variado... na que se obvia toda referencia á lactación materna, o cal é especialmente indignante en dous capítulos:
- Capítulo VII: Alimentación saudábel, actividade física e prevención da obesidade
Bótase de menos unha alusión á protección do aleitamento materno no ámbito das garderías e dos centros educativos, tendo en conta que hai anos que sabemos que o exceso de graxa e de proteína do leite de vaca contribúe ao sobrepeso dende a infancia...
- Capítulo VIII: Publicidade de alimentos
Esta era unha marabillosa ocasión (se os movementos pro lactancia tivésemos feito o noso traballo de presión social) para elevar a rango de lei as disposicións do Real decreto regulador dos preparados para lactantes (RD 867/2008 de 23 de mayo), constantemente vulnerado polos establecementos distribuidores de leite artificial...
En fin, trátase dunha lei controvertida noutros aspectos (non acadou o consenso nin das asociacións de empresarios nin das de consumidores), mais no tocante á lactación materna non é xa que sexa discutíbel, é que a obvia por completo, contribuíndo así a invisibilizala (aínda máis)...   

lunes, 4 de julio de 2011

Máis ca un congreso

01072011520

Onte volvín de Castelldefells. Coma "asesora en formación", esta foi a miña primeira vez nun congreso sobre lactación materna e, a verdade, foi toda unha experiencia...

Venres 1 de xullo
Comezamos co relatorio inaugural, un relatorio sen relator, xa que se trataba dunha fermosa presentación con reflexións filosóficas e históricas sobre a lactación materna e cos (moi emotivos) relatos de tres nais.
A continuación aprendemos (eu, moitísimo) sobre inmunidade e síntese do leite materno, coas doutoras Ana Martín e Catherine W. Genna.
Á tarde, tralas comunicacións de profesionais, rimos co sentido de humor de Carlos González falando da alimentación complementaria (aproveito para anunciarvos que as papillas teñen os días contados!) e gozamos das explicacións da neonatóloga Concha de Alba sobre o apego.

Sábado 2 de xullo    
Este día tivemos a sorte de escoitar a Catherine W. Genna en dúas ocasións: pola mañá falounos da comunicación e da integración sensorial dos bebés e pola tarde das "bandeiras vermellas" é dicir, dos sinais, ben da nai, ben do bebé, aos que debemos estar atentas as asesoras. Catherine é unha recoñecida experta, unha excelente comunicadora e unha encantadora persoa. Aquí podedes vela coa nosa Patricia:

02072011527
 
A media mañá Carmela Baeza ofreceunos unha intervención preciosa (unha das miñas preferidas) sobre lactación materna e sexualidade, á que seguiu unha mesa redonda sobre os grupos de apoio.
Comezamos a tarde coas comunicacións libres e unha das elixidas foi a de Patricia, sobre dous casos de hipogalactia, o cal é unha grande fachenda para Bico de leite! E para que compartades esta alegría connosco, velaquí unha fotiño:

02072011530

A clausura do evento correu a cargo de Rosa Jové, que reflexionou sobre cómo coa lactación materna podemos mellorar a economía, o medio ambiente, a conciencia cidadá... o mundo, en definitiva...
... E isto era precisamente o que se respiraba neste evento:
   A pertenza a un movemento social imparábel
   A solidariedade entre nais
   O amor por nosos fillos e nosas fillas
   O valor dos sentimentos
   A sensación de que PODEMOS
... Vamos, que estou desexando que sexa o Congreso Fedalma do ano que vén!;)

Susana