miércoles, 24 de marzo de 2010

Reunión temática de marzo: FERTILIDADE, EMBARAZO E LACTANCIA. Método MELA e lactancia materna en tándem

Este venres é o último do mes de marzo así que vos agardamos coa reunión temática do mes.

FERTILIDADE, EMBARAZO E LACTANCIA. Método MELA e lactancia materna en tándem

Cantas cousas! Que é todo isto do que imos falar o venres? Pois por orde, falaremos da posibilidade ou imposibilidade de quedarse embarazadas dando o peito, sabemos que corre un medio-rumor entre as nais que di que se das peito non quedas preñada, pero temos que desmentilo... ou case.

Por iso falaremos do método MELA de anticoncepción ou tamén chamado método de amenorrea e lactancia: a fiabilidade deste método como anticonceptivo é igual que outros como o preservativo ou a pílula anticonceptiva, dun 98%, pero teñen que cumplirse 3 puntos básicos:
  1. o bebé ten que ter menos de 6 meses
  2. a lactancia ten que ser exclusiva (sen suplementos nin outras bebidas), e non deben transcorrer máis de 4 horas polo día e seis pola noite entre tomas.
  3. a nai non teña a menstruación (sangrado despois dos 56 días postparto.
O método pode alongarse máis aló dos seis meses se o peito se ofrece antes das comidas como é a recomendación xeral e se siguen respectando os periodos, pero a súa eficacia vai diminuíndo conforme pasan os meses.

Así que xa sabedes que si se pode quedar unha embarazada dando o peito, e que pasa entón?
Teño que destetar ó meu bebé?
Non, non tes que destetar ó teu bebé se ti non queres facelo, lembra que a lactancia remata cando unha das partes non desexa seguir.

Pero non é perigoso para o embarazo continuar a dar o peito?
Non, a única indicación para destetar durante o embarazo é unha ameaza real de parto prematuro. Normalmente a partir da metade do embarazo todas as nais teñen contraccións uterinas mentres dan o peito, pero son similares as de Braxton-Hicks e non son contraccións eficaces de dilatación do cuello do útero.

 Lactancia embarazada
Fotografía de Mónica Jiménez Rodríguez (Valladolid)
Participante do I Concurso Fotográfico de Lactancia Materna de FEDEGALMA


Seguro que quedo sen forzas e necesito comer moito máis...
Non, durante o embarazo a produción de leite detense, a partir do terceiro ou cuarto mes diminúe moito a produción e a partir da segunda metade cambia a composición do leite.

E terei leite abondo para os dous cando naza o pequeno?
Si. A produción adáptase, e de feito os nenos que comparten o peito co seu irmán grande adoitan gañar máis peso que os outros o primeiro mes, tampouco acusan as famosas crises de crecemento.

Eu non sabía disto, pois co que me gusta darlle de mamar ó meu neno... eu vou seguir dándolle se quedo embarazada para darlle ós dous á vez, encantaríame vivir esa experiencia.
Na lactancia non é boa idea poñerse topes, nin tampouco ter expectativas, máis da metade dos nenos que están mamando no comezo do embarazo se destetan antes de chegar á metade, sobre todo os máis pequenos, de menos de ano e medio, e moitas nais non levan ben a lactancia durante o embarazo polo aumento de sensibilidade dos pezóns ou o cambio de succión do neno, ou simplemente non se tolera a sensación.
Non hai nada de malo nisto, non se é mellor nai por dar teta máis tempo, o mellor é gozar da lactancia día a día todo o tempo que dure.


Se queres saber máis sobre estes temas ou falar doutros relacionados coa lactancia e a crianza vén ó grupo de nais, escoitámonos unhas ás outras e pasamos un rato agradable cos nosos pequenos.

O venres 26, de 17 a 19h no local da rúa García Portela 11, baixo

domingo, 7 de marzo de 2010

Unha máis

Este era o título da mensaxe que nos enviou Vanessa hai xa dous meses e medio. Co seu permiso e coa súa xenerosidade compartiuno con nós primeiro e agora convosco tamén.

Ó fío do tema da reunión do pasado mes de febreiro vos deixamos a experiencia de Vanessa e o seu pequeno Xan.

Hola, bos días,
chámome Vanessa e despois de algún tempo decídome a escribirvos para contarvos a miña historia.
Todo comenzou o 18 de agosto cando din a luz a cousiña máis bonita do mundo, Xan, o meu meniño.
Despois de ir a unha charla dunha colaboradora vosa nas clases de preparto, animoume máis ainda a darlle o peito ó meu neno.
Asi que naceu, e púxenme a iso. O principio foi complicado, lastimábame, fíxome gretas e estiven a piques de deixalo. Pero a miña ilusión e tamén gracias o meu marido pois seguín. Despois de 4 meses, estou feliz por unha parte porque conseguín algo que sempre tiña na miña mente, poder darlle de comer ó meu fillo co meu leite, pero agora que comencei a traballar pois faise máis duro, estou coa reducción de xornada, asi que a base de ordeñarme co sacaleites e de moito esforzo, a miña sogra lle pode dar un bibe a media mañá e despois xa estou eu, que correndo de un lado para outro consigo estar para as tomas na casa, porque ainda encima vivo en Friol e traballo en Lugo, polo q teño que sumar o tempo que me leva ir a casa.....

Agora teño algo de medo, porque non sei se conseguirei manter a lactancia, empecei a ordeñarme dúas semanas antes de empezar a traballar polo que de momento teño reservas, e máis tamén sigome ordeñando, pero o meu medo é que como agora Xan mama menos, chegue o momento en que esto se acabe (cousa que non me gustaria nada, a verdade...)

En fin que seguirei intentando manter a lactancia, porque considero que é o mellor regalo que lle podo dar o meu neno.

Unha aperta e bicos.
Vanessa

Xan e Vanessa


Seguro que moitas de vós tivestes sentimentos semellantes durante a vosa lactancia, se cadra cun comezo difícil, ó mellor con medos malia que as cousas ían funcionando, outras se cadra non, porque todas as lactancias son diferentes, pero sempre senta ben recoñecerse un chisquiño nas demáis mamás, saber que non es ti a única que se sinte así, poder compartilo con xente na mesma situación ca ti e que te comprende ou que che pode botar unha man, e incluso ser ti a que bota unha man a outra mamá simplemente aportando a túa experiencia.

Iso somos os grupos de nais.

Grazas Vanessa (e grazas Xan) :)