sábado, 31 de enero de 2009

Días de reunións





Facemos reunións de nais:

En Lugo cada venres, C.S. da Praza do Ferrol no Terceiro andar, onde está agora a Aula de Educación Maternal. , en horario de 11 a 13h agás o segundo e último venres de mes que son pola tarde de 17 a 19. Ademáis o último venres de mes está adicado a un tema cunha pequena charla inicial e coma sempre coa vosa participación sobre ese ou outros temas.

Na Mariña lucense as reunións de nais son o primeiro venres de mes de 18 a 20h na Casa da Cultura de Burela e o terceiro venres de mes na Casa da Xuventude de Foz de 18 a 20h.





jueves, 29 de enero de 2009

Patricia



Cando falo de min, case sempre me defino como veterinaria, é certo: iso estudei e con iso gaño a vida. Ademáis gústame.

Mais, dende hai algún tempo son outras as inquedanzas que ocupan o meu corazón e a miña cabeza case ó cen por cen...

Todo empezou cando tiven ó meu primeiro fillo (Mateo), hai xa máis de 7 anos, e dinlle a teta como o mais normal e sinxelo do mundo, aínda que só 6 meses; seguiu cando tiven a miña nena (Irene) ela continuou a mamar mesmo cando eu empecei a traballar e sacaba o leite, prolongámolo ata ós 20 meses.
Houbo un punto de inflexión especial aló polo 2003, cando entrei na rede de redes e coñecín así un xeito distinto de entender a crianza dos fillos, escotei falar de grupos de apoio a lactación materna, e de autores distintos como Carlos González...
Entón, algo en min fixo clic e todo cobrou sentido, comprendín que os meniños nacen para facernos felices e para séreno eles, e non para darnos traballos...
Non podo deixar de mencionar nestas liñas ó meu home e compañeiro, o pai dos meus fillos, que tan ben sabe compartir todo o bo e tamén o menos bo que a vida nos manda, e co que eu me fixen nai xusto ó mesmo tempo que el se converteu en pai...

Máis tarde, veu o meu terceiro pequeno (Román), e o seu embarazo coincidiu felizmente coa xestación do noso benquerido grupo Bico de Leite...
Moito é o que levo aprendido, gañado e compartido nestes últimos anos, comezando pola miña verdadeira vocación como asesora (eu que pensaba que era veterinaria vocacional...), pero especialmente en verdadeira e auténtica amizade, compañeirismo e realizacións de soños e proxectos comúns...

Moito é tamén, estou ben certa, o que nos queda aínda por facer e por percorrer xuntas...

Patricia López Izquierdo

Rosana


Son Rosana, traballo como graduada social e comparto a miña vida cun mariñense, temos dous pequechos un cieliño que se chama Antón de catro anos e unha ruliña que se chama Uxía de oito meses.


Tiven a sorte de ver nacer tamén a Bico de leite. Xuntounos Albina, unha matrona veterana das clases de preparación ó parto. Eu daba teta a Antón nese momento por instinto, mameino na casa. Empecei en Bico máis ben porque tamén vivo con naturalidade o asociacionismo, e aquel grupo de mulleres entrou na miña vida por sorte no momento perfecto. Logo comprendín a importancia dos grupos , de que as veces non é tan doado esto da teta porque hai moita falta de formación en lactancia , e dinme conta da realidade de moitas mulleres que queren dar teta pero non reciben o apoio que precisan.

Eu que colaboro con Bico nos temas burocráticos observo as monitoras da Asociación con admiración, formanse, respetan, non xuzgan, apoian, loitan, demostran que a teta empodera ás mulleres, que traballo e lactancia non só é posible senon algo desexable e o noso dereito, e tamén que a teta e todo o tempo que podemos pasar cos nosos fillos, son un agasallo para toda a súa vida, que mellora este mundo toliño que temos.

Rosana

Raquel

Eu non fun das primeiras en chegar, descubrín Bico de leite no 2005, embarazada da miña primeira nena. Foi un encontro fugaz, pero algo quedou. Despois naceu a miña Z., as cousas ían ben coa teta, so que eu non o sabía, e todo o mundo ó meu redor vía que a nosa lactancia remataría axiña: "o teu leite non lle chega", "se queda con fame terás que darlle un biberón", "vai xustiña de peso",... pero eu non quería renderme tan axiña. Estaba chea de inseguridades que eran alimentadas polos comentarios dos demáis, so podía apoiarme no meu compañeiro Miguel, que me alentaba nos malos momentos pese a ter tantas dúbidas coma min. Os primeiros 15 días foron moi complicados, ata os 3 meses fomos subsistindo pese a todo e a todos, e entón, un día ó sair dunha revisión do pediatra, coa pantasma de que "está moi por debaixo da media" fun a unha reunión: por primeira vez alguén intentaba buscar o problema, e, aínda sen velo (porque non o había), ofrecíame posibles solucións. Pero o que marcou a diferencia foi que as mulleres que había me comprendían e me apoiaban, por fin alguén máis cría que eu era quen de aleitar á miña filla, e descubrín a tranquilidade. A lactancia foi ben, coma sempre fora, e eu a vivín con calma dende entón.

Cando Z. ía facer 6 meses unha compañeira de embarazo seguía a falarme de Bico de leite, e decidín voltar, esta vez para quedarme, para intentar dar a outras nais o apoio que eu buscaba querendo aleitar. Pero ademáis de dar recibo moito: atopei moitas amigas, comparto experiencias de lactancia e maternidade con outras nais, descubro cada día máis mulleres felices por conseguir dar o peito ós seus fillos e fillas como elas querían...

Hoxe a Z. xa ten 3 aniños, e unha irmá que en marzo fará 3 meses. Coa L. descubrín a normalidade que supón, para min como nai, dar a teta cando tes seguridade e estás rodeada de xente que te entende.
Z. e L. toman teta, e agora a xente que nos ve non me di que o meu leite non vale, ou que quedan con fame, pola contra pregúntanme moitas cousas e teñen a proba de que son posibles.

Ogallá algún día aleitar ós nosos fillos e fillas volva ser un saber popular como o foi ata hai menos de 100 anos, as mulleres volvamos ter a seguridade de que todas somos capaces de dar peito, e o coñecemento para solucionar os problemas que poidan xordir. Mentres tanto, eu seguirei aquí poñendo o meu gran de area para que ese día chegue.


Raquel, mamá de Z., L. e O B.
Febreiro 2009

Durante un ano as dúas irmás compartiron teta, aquí podedes ler algo máis de como foi o noso tandem

Novembro 2010

Sobre a experiencia de inicio de lactación de O B.

Editado marzo 2013

Catuxa



Son Catuxa, nai de Icía de catro anos e de Aldán de un ano. Aleitei a Icía durante 3 fermosísimos anos e agora ao Aldán. De profesión mestra de educación infantil.

A lactancia sempre estivo presente ao longo da miña vida, para min sempre foi o natural, o habitual, xa que fun a maior das meniñas do meu entorno familiar e social e todos os nenos e nenas que ían nacendo eran aleitados polas súas nais sen plantexarse moito outra opción a pesares de ser a época do “bibe-boom”.
Penso que esta circunstancia, ser a maior das crianzas do entorno, é a que vai forxando a miña pasión polo mundo dos nenos/as, a miña vocación de nai e mestra xa que segundo din sempre fun moi predisposta a axudar nos coidados deles, a aprender como cambiar os cueiros, a xogar e entreter aos máis pequenos do grupo....de feito na adolescencia exercín de “canguro” dos fillos e fillas dos amigos dos meus pais, aos que por suposto tamén aleitaban. Velaí a influencia do contorno social.
E xa máis preto de min, a miña nai aleitounos, a min ao longo de 6 meses e máis de un ano ás miñas irmás máis pequenas. ...e disto fai xa 31 anos.

Cheguei a Bico de leite un pouco por casualidade, xa que a miña lactancia foi doada e sen dificultades, fedellando pola internete en busca de información ao redor da crianza e da lactación, e descobrín os grupos de apoio....e pensei que eu tamén quería formar parte desta rede de axuda ás nais e á lactancia en particular, e deste proxecto común de acción en favor da normalización e recuperación da cultura do aleitamento.